
A celulosa e a mina son o modelo industrial do Partido Popular

Estamos a vivir en directo como o PP destrúe o noso modelo produtivo vertebrador do territorio —o sector agrogandeiro e marisqueiro/bateeiro— e o substitúe sen abrir un debate no conxunto da sociedade, sen diálogo e con prepotencia
Estamos nun momento crítico para o futuro de Galiza. O goberno autonómico está totalmente decidido a promover dous grandes proxectos —a mina de cobre de Touro e mais a macrocelulosa de Palas de Rei— na bacía hidrográfica do río Ulla. E faino utilizando os vellos slogans de “progreso” e “postos de traballo” como forma de atraer a atención e tapar os defectos estruturais que teñen ambos.
Unha primeira consideración metodolóxica pode ser útil. O río Ulla forma unha unidade ecoxeográfica coa ría de Arousa; non son realidades estancas, senón, ao contrario, interconectadas moi intimamente porque o río Ulla é o máis caudaloso dos que alimentan a ría, cun caudal medio de 79,3 m3/s.
Parecería lóxico, polo tanto, que se pretendemos realmente avaliar o impacto de Altri ou da mina de cobre de Touro, teriamos que nos enfrontar a unha análise global, ou sexa, observar e cuantificar os efectos sinérxicos de ambos os proxectos conxuntamente sobre o río e a ría. Nada máis lonxe da realidade, a Xunta de Galicia permite unha avaliación individualizada e, aínda por riba, Altri só avalía o seu impacto hidrolóxico no encoro de Portodemouros e a mina de cobre só ten en conta o impacto nos ríos Lañas e Brandelos, afluentes do río Ulla.
Hai outra consideración xeral a ter en conta: ambos os proxectos —a mina e a celulosa— van ter 90 e 75 anos de concesión respectivamente. Son proxectos que van afectar o futuro de Galiza e das xeracións vindeiras. Son algo moi serio que precisamos ver con tranquilidade, sen presións e desde diversos ángulos de análises. E isto que eu entendo que é o máis razoábel é o contrario ao que está a pasar porque a Xunta de Galicia declarou a mina e a celulosa como proxectos de interese estratéxico (PIE) e iso acelera os procedementos e impide unha análise sosegada e mesmo un debate social plural. Declarar PIE un proxecto é o mellor xeito de que camiñe administrativa e socialmente como por unha autoestrada, para que cando nos decatemos xa se estea executando.
Ademais, a lonxevidade de ambos os proxectos obriga necesariamente a unha análise prospectiva de como lles vai afectar o cambio climático. Esta cuestión, que ten unha importancia capital para tomar unha decisión correcta para o noso futuro, non se está abordando en ningún dos dous proxectos. No estudo Evaluación del impacto del cambio climático en los recursos hídricos y sequías en España (2017) avalíase ese impacto —até 2100— no sistema hidrográfico Galicia Costa, dependente da comunidade autónoma. As conclusións son claras para calquera dos escenarios posíbeis: tendencia decrecente das precipitacións, incremento da evapotranspiración e diminución da recarga dos acuíferos. É dicir: vai haber menor cantidade de auga dispoñíbel tanto nos ríos como nas augas subterráneas. O verán será cada vez máis extenso e as chuvias máis concentradas en pouco tempo con medias térmicas en gradual ascenso.
Mesmo cos datos históricos actuais do río Ulla podemos constatar que a media do caudal mensual no período 2009-2023 para os meses de xuño a outubro, ambos incluídos, é menor de 6 m3/s. Precisamente, foi este criterio o que aduciu a consultora Pöyry, en calidade de experto independente, para rexeitar o traslado da fábrica de celulosa de Ence da súa localización actual en Pontevedra ao río Eume, por ter este un caudal medio de 6 m3/s (Localización y requerimientos. Industria global de celulosa Kraft, maio de 2019, páx.25).
Altri vai producir máis pasta de papel que Ence e, polo tanto, terá unha vertedura maior. É curioso que esta consultora finesa Pöyry se fusionase coa sueca AF para converterse en AFRY e asinar un contrato con Altri en 2021 para realizar os estudos preliminares e de viabilidade, seleccionar a localización, realizar os servizos de autorización ambiental e o deseño e enxeñaría da planta de celulosas en Palas de Rei á beira do río Ulla.
Precisamente, Altri asinou un convenio coa sociedade Impulsa (Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia S.L.) o 1 de outubro de 2021. Impulsa ten maioritariamente capital público (40%+ 3,43% de Reganosa + 5,1% de Sogama), pero o goberno do Sr. Rueda, por algún motivo inconfesábel, escóndenos a letra pequena do convenio que compromete o uso do diñeiro público.
Porque ese é outro aspecto moi importante deste cambio de modelo produtivo que está a impulsar o Partido Popular. Faise utilizando o diñeiro público, sen facer públicos os documentos que asinan e convertendo a administración autonómica en voceira de empresas multinacionais que se queren implantar no noso territorio para se beneficiar dos nosos recursos e deixarnos a contaminación para a vida. A Xunta de Galicia abandonou a defensa dos intereses maioritarios da sociedade galega e pasou a ser o axente comercial de Altri e da mina de Touro. Nin sequera aparenta neutralidade no procedemento. Estamos a vivir en directo como o PP destrúe o noso modelo produtivo vertebrador do territorio —o sector agrogandeiro e marisqueiro/bateeiro— e o substitúe sen abrir un debate no conxunto da sociedade, sen diálogo e con prepotencia.
Evidentemente, para impor este modelo xa foron construíndo unha andamiaxe legal que lles permita facelo coas menores garantías ambientais posíbeis, no menor tempo posíbel para evitar que a sociedade se poida organizar e responder.
Por iso, é fundamental tecer unha rede social transversal na sociedade, capaz de unir sectores diferentes que se aglutinen nun movemento social ao redor dun denominador común: a defensa do noso territorio e dos nosos sectores produtivos cun modelo alternativo, sustentábel, que articule a sociedade, que transforme os nosos produtos de calidade con trazabilidade, que asegure que o valor engadido dos nosos produtos queda na nosa terra. Un modelo integrador, máis humano, que garanta a nosa soberanía alimentaria e reforce a nosa identidade.
[Artigo tirado no sitio web El Salto, do 22 de marzo de 2025]