Arranca o Correlingua con 18.000 alumnos/as inscritas para defender a “fórmula maxistral” do galego
Doce vilas e cidades galegas acollerán este nova edición do Correlingua, unha actividade lúdico-reivindicativa que leva 18 anos reclamando presente e futuro para o galego a través da implicación de máis de 200 centros de ensino do noso país. A primeira das carreiras tivo lugar este xoves en Cangas e contou coa participación de 2200 rapaces e rapazas procedentes de 20 centros diferentes. O venres día 3, o Correlingua continuará na cidade da Coruña.
De Cangas a Ribadeo, da Coruña e Monforte… O Correlingua volve, desde hoxe e até o día 16, percorrer o país co galego como fórmula. Este é o lema da XVIII edición dunha actividade organizada conxuntamente pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) e a CIG-Ensino que naceu co obxectivo de reclamar que as crianzas e a mocidade galegas poidan estudar, xogar e vivir con normalidade na nosa lingua.
Unha actividade "máis necesaria ca nunca"
Tal e como lembraba o secretario xeral da Federación do Ensino da CIG, Suso Bermello, na presentación desta edición o pasado 5 de abril “as actividades de fomento e promoción do galego son máis necesarias ca nunca despois do retroceso no número de falantes, nomeadamente entre as xeracións máis novas, e dos ataques que desde a Xunta se realizan á nosa lingua, minguándoa en dereitos, como co Decreto do Plurilingüísmo do que se cumpre o décimo aniversario e que prohibe impartir en galego as materias científicas”.
Precisamente este Correlingua xira arredor da ciencia e fai referencia á táboa periódica dos elementos químicos que cumpre tamén 150 anos. “Non queremos que o galego sexa unha fórmula secreta, senón que sexa a fórmula maxistral do noso pobo, elaborada por todos e cada un dos galegos e galegas que nola transmitiron en herdanza e que queremos depositarlla á mocidade que representa o seu futuro”, explicaba Suso Bermello no acto de presentación en Lugo.
Carreiras pola lingua
A primeira localidade na que se está a celebrar o Correlingua este xoves é Cangas. Con saída ás 10:15 e remate ás 12:45 horas na praza de Oxea, a carreira contou coa participación de 2200 rapaces e rapazas procedentes de 20 centros diferentes dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña e O Grove. No acto final actuaron Cé Orquestra Pantasma e Uxía Lambona e a Banda Molona e leuse o manifesto que gañou este ano o concurso nesta categoría, obra de alumnado do IES de Carral.
Este venres, a festa pola lingua chega á Coruña. Con saída ás 11 h. no pavillón de Riazor, a carreira continuará polo paseo marítimo, a Av. de Bos Aires, Av. de Barrié da Maza, a Praza María Auxiliadora, a Rúa Hospital, o Campo da Leña, a Rúa San Xoán, a Rúa Beiramar, a Av. de Navarra e rematará ao pé da Torre de Hércules. A máis das actuacións de Cangas, haberá un concurso de animación e a actuación de Pauliña, gañadora este ano do concurso do Cantalingua.