A carga do profesorado é insostíbel: até 200 alumnos e alumnas en Secundaria e máis de 100 en Primaria
CIG-Ensino e ANPAS Galegas denunciaron esta mañá, en rolda de prensa, que as políticas educativas destes últimos anos estiveron marcadas pola redución de profesorado e a negativa a reducir as ratios, provocando o peche de unidades e os agrupamentos de aulas de diferentes niveis educativos nas zonas rurais e aulas masificadas nos ámbitos urbanos. Os recortes “cebáronse” nos centros rurais mais tamén afectaron ás vilas e cidades. Por iso, fronte a isto demandaron a redución de ratios e burocracia e melloras na atención á diversidade e nas condicións de traballo docentes.
A negativa a reducir o número de alumnado por aula ou por docente e a autorizar agrupamentos flexíbeis mediante desdobres incide a diario nunha peor atención ao alumnado e complica as tarefas propiamente educativas, provocando que a atención á diversidade, así como a problemas de convivencia ou de estabilidade emocional do alumnado, non poida prestarse nas mellores condicións.
Os esforzos do profesorado tamén se ven frustrados en numerosas ocasións polo exceso de carga lectiva, que lle dificulta e mesmo impide coordinarse pedagoxicamente, o elevado número de alumnado ao que impartir docencia (máis de 200 en Secundaria e máis de 100 no caso de especialistas en Primaria e Infantil) e a obriga de impartir materiais que non son da súa especialidade, cunha educación lastrada por unha inxente burocracia que afoga os proxectos de innovación e o deseño de actividades complementarias, deixándoos na man do voluntarismo do persoal docente.
Inquedanza polas consecuencias da evolución da natalidade
Os datos da evolución da natalidade e da matrícula que imos coñecendo, nunca desde a transparencia da administración, provocan unha enorme inquietude en todos os sectores da comunidade educativa. De se manter a política que veu aplicando a Consellaría de Educación temen que se produza un peche importante de aulas ou o seu agrupamento, xa con efectos no próximo curso, coa conseguinte perda de postos de traballo e o deterioro tanto das condicións laborais do profesorado como da calidade do sistema educativo público e, por tanto, da formación do noso alumnado.
As cifras de matrícula que se van coñecendo polos medios de comunicación, de novo non pola administración educativa, allea por completo á interlocución co profesorado e as familias, apuntan a un efecto de redución de alumnado que se prolongará durante anos e se estenderá en breve a todas as etapas educativas. Requírese, por tanto, unha estratexia á altura das circunstancias, con efectos non só a curto prazo senón cunha ollada posta no que queremos para a nosa educación no futuro.
Plan para a mellora do ensino público
Por iso, desde a CIG-Ensino e a confederación ANPAS Galegas non só alertaron da posibilidade de recortes importantes senón que fixeron un chamamento a toda a comunidade educativa, profesorado e familias, desde o rural ás cidades, desde as aulas de infantil ás de bacharelato, ensinanzas de FP e de réxime especial, para denunciar calquera posíbel recorte de persoal e peche de unidades.
Ao tempo, demandaron da Consellaría de Educación que se sente cos sectores afectados e poña enriba da mesa un Plan para a mellora do ensino público, tanto desde a perspectiva das condicións laborais do profesorado, como desde a mellora nas prestacións económicas que redundarían en centros con máis recursos, o que permitiría unha mellor atención á diversidade e un sistema público centrado na equidade.
Neste sentido chamaron a atención sobre o feito de que, desde a consellaría de Educación non fan máis que gabarse de que Galiza é a comunidade máis inclusiva, porque o 94% do alumnado con necesidades especiais está escolarizado en centros públicos. Fronte a isto sinalaron que isto implica se precisan moitos máis recursos e reforzos de persoal e aí neste punto onde esa inclusión se resinte.
O plan de mellora que propoñen desde a CIG-Ensino e ANPAS Galegas debe abordar, con carácter inmediato, as seguintes cuestións:
- Non ao peche de unidades e elaboración dun plan específico de apoio á educación no medio rural, na liña do presentado por ANPAS galegas recentemente en varias localidades do país: asumir o compromiso de non pechar aulas no curso 2023/24 nin de promover novos agrupamentos de aulas de diferentes niveis e negociación de medidas específicas que promovan a continuidade e a mellora dos servizos educativos nos concellos rurais.
- Redución de ratios de alumnado por aula. Negociar unha redución con carácter xeral das ratios en todas as etapas educativas, como xa veñen de facer case todas as CCAA, e promover, con carácter inmediato, desdobres en todos os niveis que permitan unha mellor atención educativa. Así mesmo, facilitar a implantación de PDC e ciclos de FP básica por todo o territorio, segundo a demanda dos centros educativos.
- Redución de alumnado por docente. A mellora na práctica docente pasa por reducir o número de alumnado ao que cada profesora ou profesor ten que impartir docencia.
- Redución do horario lectivo do profesorado. Galiza é, xunto con Madrid e Murcia, a única administración autonómica que non regulou a recuperación de horarios lectivos previos aos importantes recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que implicaron un claro deterioro nas condicións de traballo docentes e a falta de tempo para o realmente importante: a preparación das clases e a atención directa ao alumnado na aula.
- Melloras pedagóxicas e redución da burocracia. A burocracia debe deixar de ser un dos elementos que máis lastran a práctica docente, primando a coordinación pedagóxica e a participación de toda a comunidade educativa nas actividades que organizan os centros fronte a procesos de estandarización que están nas antípodas dun ensino transformador.
- A atención á diversidade, no centro da política educativa. Familias, alumnado e profesorado precisan dun aumento de recursos destinados a facer da inclusión non un mero lema senón unha realidade con todos os recursos. Formación específica, incremento de apoios docentes e maior dotación orzamentaria son elementos imprescindíbeis para que unhas aulas cada vez máis heteroxéneas e complexas poidan ter as mellores condicións para non deixar ninguén atrás, promover a educación en valores democráticos e atender a estabilidade emocional do alumnado.