A captura do «Santa María» e Pepe Velo

Manuel Mera - 11 Feb 2026

Os membros do comando que acadaron máis sona con esta acción, realizada polo DRIL, foron Pepe Velo (de alcume Carlos Junqueira de Ambia), Xosé Fernández (Jorge de Sotomayor) e Henrique Galvão, mais do que non existe dúbida é de que a dirección política correspondía ao primeiro, a Pepe Velo

 Xosé Velo, xunto ao seu fillo Víctor, unha decena máis de galegos e unha ducia de portugueses, levaron adiante unha das accións máis atrevidas da loita contra as ditaduras de Franco e Salazar. Tratouse da captura do barco portugués «Santa María», que facía unha viaxe de La Guaira en Venezuela a Lisboa. Esta acción colocou en vilo a todo o mundo durante 12 días, xa que foron seguidos moi de preto polos medios de comunicación, mesmo os do Estado español e Portugal. Unha acción que pretendía denunciar as ditaduras de Franco e Salazar, e dar pulo tanto ás forzas democráticas, tanto dentro do territorio  destes estados, como alentando a loita a prol da liberación das colonias (Angola, Moçambique, Guiné, Guinea Ecuatorial, O Sáhara...).

 O «Santa María» saíu do porto de La Guaira en Venezuela o 20 de xaneiro, alí subiron parte dos membros do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), e o resto fixérono ao día seguinte en Curação. Ían na nave 600 pasaxeiros e 310 tripulantes. O día 22 pola noite os 24 comandos do DRIL tomaron o barco. A operación foi doada, agás algúns momentos de tensión, o que causou a morte dun oficial e que outro resultase ferido de gravidade. Segundo os plans iniciais o barco tería que dirixirse a Fernando Pó e despois a Luanda.

 A rápida localización do «Santa María» (rebautizado «Santa Liberdade») deu lugar ao seu control por naves de guerra norteamericanas. O 31 de xuño os xornais destacaban que o almirante Dennison mantería unha entrevista destrutor Goaring con Galvão (na que tamén estiveron Velo e Sotomayor). Despois de varios días de negociacións, a saída veu de Brasil ao conceder exilio político ao comando, unha alternativa facilitada por Jânio Quadros, que asumira o goberno nese intre. Axiña se foron aclarando moitas das incertezas e especulacións. Na solución final pesou a postura dos Estados Unidos, que mantiña diferenzas con Salazar por mor da autodeterminación das colonias. Os xornais salientan nos días seguintes o desgusto do presidente portugués coa OTAN, así como o aumento da rebelión en Angola e o envío de paracaidistas. 

 A captura do «Santa María» foi detidamente planificada, non foi unha arroutada, malia que resulta evidente que carecía do apoio político necesario, aínda que mantivera contactos e relacións coa oposición no interior e os movementos de liberación en África faltáballe o apoio dun amplo movemento político. Neste aspecto coido que responde, nas formas, ao que se chamou daquela foquismo, ou sexa: un grupo de persoas armadas que serven de revulsivo e elemento aglutinador da oposición social, saltando etapas e procesos de acumulación baseados na loita social e política. Neste caso tivo a virtude da súa transcendencia internacional, que non é pouca cousa, malia que os seus efectos prácticos inmediatos no interior foran limitados.  

 Os membros do comando que acadaron máis sona con esta acción, realizada polo DRIL, foron Pepe Velo (de alcume Carlos Junqueira de Ambia), Xosé Fernández (Jorge de Sotomayor), e Henrique Galvão. Eran tres persoas moi distintas, mais coas valías para levar adiante unha tarefa tan arriscada, aínda que carecían dunha segunda opción en caso de fracaso. Do que non existe dúbida é de que a dirección política correspondía a Xosé Velo Mosquera, e que había dous comandantes operacionais. Sotomayor, como mariño, encargouse de garantir a andaina do barco, e Galvão que, por ser portugués e moi coñecido politicamente, sería a cara pública da operación. Que este era o papel de cada un, logo moi desdebuxado por mor dos intereses persoais e políticos, ficou claro na entrevista que a revista Blanco e Negro failles no barco en Recife (Brasil), na que participan os tres, e na que destaca en titulares: «Non era Galvão o xefe supremo ao mando do Santa María». E, en letras a pé da foto remarca que este papel correspondía a Carlos Junqueira de Ambia, que fora dirixente da Federación de Mocidades Galeguistas, antes da ditadura. Décadas despois foille dedicada unha rúa en Celanova, vila de nacemento, unha iniciativa na que participou CIG-FESGA (a Fundación Moncho Reboiras).

 

[Galiza, 11 de febreiro de 2026]