A candidatura da CIG, a máis votada nas eleccións de Quirón Prevención nos estaleiros de Ferrol
O pasado día 28 de decembro celebráronse no recinto de Navantia as eleccións da empresa Quirón Prevención, que realiza tarefas de extinción de incendios, prevención de riscos, enfermería e transporte de doentes. O resultado das votacións, as primeiras que se realizan nunha auxiliar de Navantia logo da folga de 22 días do pasado ano, foi: CIG 29 votos, UGT 23, e CCOO 13, correspondendo un reparto de 2, 2, e 1 integrantes do comité de empresa respectivamente. Deste xeito, a CIG incrementa nun delegado a súa representación no comité.
Este centro de traballo, explican dende a CIG-Industria de Ferrol, contaba no momento de se celebrar as eleccións con un censo de 73 persoas, moitas delas subrogadas das empresas que prestaron estes servizos para Navantia con anterioridade, como DACRIO, H20, SPRIL, ou FraterPrevención, empresa esta última que despois dun proceso de fusión con outras tres compañías do sector pasou a se denominar Quirón Prevención, constituíndo unha das máis importantes no Estado español.
O pasado día 12 de xaneiro constituíse o comité de empresa resultando elixido un representante da UGT, como presidente ao contar co voto favorábel da delegada de CCOO, contra os dous da proposta da CIG.
Desde a Federación de Industria lamentan "que a alianza UGT-CCOO evitara que a presidencia do comité a exerza o candidato da lista máis votada nas eleccións, mais queremos manifestar o noso agradecemento a todas as persoas que participaron, apoiaron e votaron a nosa candidatura, e comunicarlles que iso non vai impedir a realización do traballo nin a loita polos obxectivos comprometidos con todos e todas con honestidade e determinación".