A caída de Siria: panorama xeral e feitos fundamentais
Diversas análises sinalan que, nesta nova etapa, en Siria —ou o que resulte dela logo dunha posíbel balcanización— a intolerancia étnica e relixiosa se afianzará en detrimento das minorías, como a islámica xiíta, cristiás, drusas e kurdas
Siria foi, na última semana, o nó crítico máis importante na xeopolítica de Asia Occidental, unha rexión marcada por conflitos explosivos superpostos que abranguen o xenocidio israelí na Franxa de Gaza, a ofensiva contra Hezbolá no Líbano —recentemente conxelada por un fráxil e permanentemente violado cesamento do fogo— e os ataques sistemáticos de Ansar Allah de Iemen contra o despregamento militar estadounidense e contra embarcacións dirixidas á cidade portuaria de Eilat, no estratéxico mar Vermello, e a Tel Aviv.
Porén, nos días máis recentes o eixo desprazouse fortemente cara a Siria co inicio dunha ofensiva armada de gran calado perpetrada por organizacións terroristas e armadas, falsamente catalogadas como "rebeldes" polo mainstream occidental.
O curso das accións no terreo foi rápido e asoballante, iniciándose en Alepo con operacións desde finais de novembro até o sitio definitivo de Damasco o 7 de decembro. As principais cidades do norte, centro e sur do país foron capturadas unha tras outra, o que facilitou a chegada á capital. Isto desembocou na caída do goberno de Bashar al Assad.
O evento marca a fin da República Árabe Siria, tal como fora coñecida nos últimos 60 anos.
Diversas faccións e actores belixerantes enfrontáronse no campo de batalla. Por unha banda, o goberno de Siria, apoiado por Irán e Rusia; pola outra, o grupo Hayat Tahrir al Sham (HTS, que nuclea organizacións integristas, grupos "rebeldes opositores" e xihadistas de al Nusra, a subsidiaria de Al Qaeda no país), liderados por Abu Mohammed al Jolani, exintegrante confeso do ISIS e Al Qaeda.
Pero tamén foron parte desta guerra o Estado Islámico de Iraq e Siria (ISIS, polas súas siglas en inglés); o Exército Nacional Sirio (SNA, polas súas siglas en inglés), organizado por Turquía e apoiado polos Estados Unidos; e as chamadas Forzas Democráticas Sirias da rexión do Kurdistán, apoiadas tamén por Washington.
Condicións estruturantes dos acontecementos
Os últimos oito anos foran dunha relativa distensión no conflito, especialmente desde que comezou a participación de Irán, Rusia e Hezbolá, que mediante operacións militares conxuntas e diferenciadas en termos de apoio aéreo, asesoriamento e adestramento apoiaron nas tarefas de combate terrestre ao exército de Al Assad, co cal lograran estabilizar a situación do país e conter os redutos armados.
Desde 2016, tras a vitoria no Alepo das forzas do goberno, tivo lugar o proceso de Astaná, no que participaron Irán, Rusia, Turquía e os involucrados no conflito sirio, co fin do cesamento do fogo.
Con todo, o territorio sirio quedou desmembrado de facto, con grupos armados que permaneceron controlando vastas áreas, algunhas delas baixo o auspicio estadounidense a través de bases militares instaladas no país, o que á súa vez permitiu favorecer o saqueo de petróleo.
A política de sancións destrutivas, executadas desde mecanismos como a Lei César, un devastador recurso que limitou ao extremo a reconstrución do país, socavou as bases económicas do país e as capacidades do Estado para fortalecer a cohesión territorial e social.
A longo prazo, estas condicións de fragmentación imposibilitaron o control dos territorios ocupados por grupos armados, agudizaron o déficit de investimentos estranxeiros relevantes e debilitaron estruturalmente a base económica, política e militar da administración de Al Assad, o cal creou o marco para o fortalecemento progresivo das organizacións terroristas e "rebeldes".
Outra compoñente chave foi o aparente cambio cara a posturas supostamente máis tolerantes dos grupos xihadistas nos territorios baixo o seu control, onde lograron o apoio de segmentos da poboación, debilitaron o soporte social do goberno e crearon novas alianzas. Foi especialmente decisivo na caída da cidade de Hama, onde participaron "rebeldes" non afiliados, drusos e outros grupos. Pero algunhas destas prácticas políticas, a xuízo de diversos analistas, son "pouco críbeis".
Mínima cronoloxía
O aparente "estancamento" no que se encontraba o conflito rompeu desde finais de novembro, cando o HTS acentuou as súas operacións e anunciou o inicio dunha nova etapa da guerra, en dirección ao Alepo. No momento destas accións diversos analistas xeopolíticos e militares, como Pepe Escobar, indicaron que o HTS contaba con apoio de Ankara. Á campaña tamén se incorporou o SNA, que tiña unha sala de operacións conxuntas coa organización terrorista en cuestión.
O 28 novembro os chamados "rebeldes" reforzaron o control que xa tiñan na meirande parte da provincia de Idlib, ao noroeste do país.
Para daquela, Rusia amplificou as súas operacións de apoio aéreo a favor do goberno sirio e logrou certeiros ataques contra caravanas e concentracións destes grupos, en articulación co exército oficial de Siria. A intensificación das accións foi utilizada como unha escusa formal para o inicio da operación cara a todo o territorio por parte do HST e o SNA.
A ofensiva contra as forzas do goberno desembocou o 30 de novembro na toma da cidade do Alepo, no norte de Siria, cidade que o goberno controlaba desde 2016, e segunda en importancia despois de Damasco.
Desde este punto produciríase un "efecto dominó" produto da sorpresiva ofensiva polo control do territorio e a fortificación dos espazos tomados. O asalto e liberación das prisións forneceu un número maior de efectivos, mentres que os grupos con mellor material bélico e adestrados avanzaban.
Estes, ademais, operaron con drons FPV, soporte comunicativo e equipamento, o primeiro produto de asesores ucraínos e o segundo israelís. Algo non alleo ao ciclo bélico anterior, sóubose a presenza de mercenarios de varios países europeos.
Para o 5 de decembro a cidade de Hama, no centro do país, caeu en mans dos xijadistas. Entón informouse de que a resistencia do exército de Al Assad foi nula e, mesmo, houbo o abandono de equipo militar, un patrón que tamén se repetiu no Alepo e no resto de cidades. Desta forma, o avance dos grupos armados con características de Blitzkrieg non atopou maior resistencia.
Nun determinado momento o exército alegou a través de comunicados que estaban a estabilizar a liña de contacto e non ían ceder. A partir de aí deduciuse que estes repregamentos obedecían a unha aparente estratexia xa que, ao controlar maiores territorios, a capacidade e disposición dos grupos xihadistas iría diminuíndo pola súa dispersión táctica, o cal os facía máis vulnerábeis a unha contraofensiva do goberno pois facilitaban a fortificación de enclaves prioritarios.
Outras fontes indicaron que o desprazamento dos grupos en caravanas e por estradas convertíaos en brancos. En efecto, moitos dos golpes asestados pola aviación rusa e siria desenvolvéronse nos arredores de cidades, principalmente nos centros de comando e control en Idlib.
A caída da cidade de Homs, onde se esperaba a consolidación da principal liña de defensa, produciuse replicando o mesmo patrón, sen resistencia das forzas regulares.
O 7 de decembro, os xihadistas proseguiron o seu avance cara a Damasco cercando efectivamente ao goberno e entrando na cidade sen oposición. A información que foi chegando coincidía en que algúns mandos do exército ordenaron aos seus soldados non resistir ao avance dos grupos.
Desenlace
Durante a mañá do domingo 8 de decembro informouse da caída de Damasco e o colapso final do goberno da República Árabe Siria.
O primeiro ministro sirio, Mohamed Ghazi al Jalali, o segundo funcionario do poder executivo logo do presidente Al Assad, declarouse en funcións transitorias e emitiu unha mensaxe de "unidade e esperanza" nun momento de profunda crise nacional.
A través dun vídeo gravado desde a súa residencia, Al Jalali fixo un chamamento á unidade nacional no medio da toma da capital.
Na súa declaración, o primeiro ministro salientou o seu compromiso inquebrantábel con Siria afirmando que pertence a este país e non coñece outra patria. Subliñou que as institucións estatais non son propiedade de ningún individuo senón patrimonio de todos os cidadáns sirios.
"Este asunto abordarao calquera liderado que elixa o pobo sirio, estamos dispostos a cooperar para ofrecer todo tipo de facilidades e para transferir os expedientes gobernamentais sen problemas e de forma sistemática con vistas a preservar as institucións do Estado", un sinal da posibilidade de "transición pacífica" do goberno.
A chancelaría rusa sinalou que Al Assad se foi ao exilio ordenando unha transferencia do poder. "Como resultado das negociacións entre Bashar al Assad e varios participantes no conflito armado no territorio da República Árabe Siria, el decidiu deixar o cargo presidencial e abandonar o país, dando instrucións para levar a cabo unha pacífica transferencia de poder", lese nun comunicado emitido este domingo.
Segundo fontes rusas e tras a confirmación oficial recente, Al Assad está en Moscova.
Primeiras repercusións
Siria é unha peza chave do Eixo da Resistencia por ser un centro loxístico de operacións militares, en colaboración con Hezbolá, e unha bisagra con Irán. Por iso é polo que o colapso do goberno é, por defecto, un revés para Palestina e, especialmente, para a resistencia en Gaza.
Os grupos que tomaron o poder tiveron aberta hostilidade cara a Irán e Hezbolá, e en varias declaracións tendéronlle a man ao goberno israelí, quen confirmou a súa participación na operación para derrocar o goberno sirio tras dar apoio de intelixencia, atención médica ás agrupacións terroristas e abrir a fronte sur, coordinado con Xordania.
A caída do goberno foi aproveitada por Israel para estender a súa ocupación de solo sirio desde os Altos do Golán. O mesmo Benjamín Netanyahu, primeiro ministro de Israel, declarou que o histórico Acordo de Separación asinado con Siria en 1974 “colapsou” e ordenou a entrada de tropas na chamada "zona de amortecemento" nos Altos do Golán, ocupando a totalidade do Monte Hermón, o punto de maior altura en todo o Levante.
En teoría, esta medida "temporal", segundo Netanyahu, tería o obxectivo de ampliar a separación da terra palestina ocupada e o novo goberno xihadista. Pero para efectos prácticos isto reviste unha acción de balcanización do territorio sirio, tal como existiu, xa que gradualmente Israel está a ocupar o sur do país e xa controla Dará e Quneitra.
Israel tamén bombardeou edificios gobernamentais en Damasco e instalacións militares en todo o país, entre os que están a oficina de migración e a sede da intelixencia siria, así como un aeroporto militar.
"A situación en Siria é complexa, pero Rusia defende os seus intereses consecuentemente, en particular respecto das súas bases militares", afirmou á axencia rusa Interfax o presidente do comité de Defensa da Duma (Cámara de deputados), Andrei Kartapólov.
A sede da embaixada de Teherán na capital siria sería asaltada, segundo medios. A chancelaría iraniana informou de que o seu persoal abandonou a sede antes do ataque.
Seica, os grupos xihadistas comezarían a romper as súas promesas de tolerancia relixiosa no Alepo, onde se instalou unha "policía da moral" e comezaríase a implementar o veo islámico de forma obrigatoria para as mulleres.
Diversas análises sinalan que, nesta nova etapa, en Siria —ou o que resulte dela logo dunha posíbel balcanización— a intolerancia étnica e relixiosa se afianzará en detrimento das minorías, como a islámica xiíta, cristiás, drusas e kurdas. No entanto, o HTS tratou de manter un discurso público a favor da diversidade e o respecto ás minorías.
Para o político e deputado iraquí Hashem al Haidari, lonxe de terminar, a guerra en Siria apenas comeza.
A rexión podería pasar por outra etapa de remodelación e cambio nas correlacións de forza, confirmando a entrada dunha era xeopolítica post Sykes-Picot.
[Artigo tirado do sitio web venezolano Misión Verdad, do 9 de decembro de 2024]