A banalidade do mal e o imperialismo sionista
Cómpre reivindicarmos nas rúas un novo xuízo de Núremberg que xulgue os crimes de guerra do imperialismo sionista e dos imperialismos pasados e presentes. Só o pobo salva o pobo, e fronte á militarización das sociedades, a organización e o activismo son máis necesarios que nunca
Hannah Arendt no seu libro Sobre a banalidade do mal fainos reflexionar sobre o papel da responsabilidade individual nos actos de cada persoa. A banalidade do mal, como concepto, afirma que persoas capaces de cometer grandes barbaridades pode ser xente aparente e perfectamente normal. A racionalización desas persoas, aparentemente normais, que participaron nun mal colectivo como son os crimes de guerra baséase en minimizar o seu acto, encadralo na obediencia e o cumprimento de plans previamente trazados. Esta filósofa desenvolveu este concepto estudando as reaccións de Adolf Eichmann cando foi xulgado en Xerusalén, como executor eficiente do holocausto xudeu; a súa actitude era a dunha persoa sen o sentido da responsabilidade e de sentimento de culpabilidade tras a execución de miles de xudeus.
Na actualidade este concepto de banalidade do mal debémosllelo aplicar aos gobernantes sionistas do estado de Israel e á súa estrutura militar. Responsábeis dun lento e longo xenocidio do pobo palestino encarcerado no gueto ao descuberto máis grande que exista; responsábeis de crimes de guerra no campo de concentración de Gaza que supera os dous millóns de habitantes.
A banalidade do mal explícanos que as persoas responsábeis deses crimes de guerra necesitan racionalizar os seus actos, evitar a disonancia cognitiva resultante de actos tan monstruosos. Unha persoa non pode manter a súa integridade psicolóxica pensando que é un ser desprezábel. Racionalizan o sentimento de responsabilidade e de culpabilidade pensando que son o elo dunha cadea sen poder de decisión; consideran que son parte dunha cadea moito maior na que hai persoas por riba deles, que son os que deben render contas. Debemos entender o executor destes crimes de guerra como unha persoa sádica, psicópata; e tamén como un simple executor eficiente, como un monicreque banal, só guiado por facer o que debía e por cumprir as ordes que recibía. En determinadas circunstancias, o mal é o resultado dos actos de persoas normais que están en circunstancias anormais. Persoas temibelmente e terribelmente normais.
Estes son algúns exemplos do pasado e do presente: os aviadores alemáns do escuadrón Cóndor que bombardearon Gernika, Adolf Eichmann como artífice eficiente do holocausto xudeu, membros do goberno sionista israelí e da súa estrutura militar; todos eles responsábeis de crueldade e asañamento con civís.
Estas consideracións filosóficas compleméntanse coas achegas psicosociais de Henri Tafjel, cando considera a persoa nas súas tres diferentes identidades que difiren no seu poder de abstracción: a identidade humana, a identidade persoal e a identidade social. A identidade humana, que nos distingue os seres humanos dos animais pola conciencia de intelixencia e de transcendencia; a identidade persoal, que é a parte máis idiosincrática, con elementos que creamos e son nosos; e a identidade social coa que asumimos a pertenza a uns grupos e a non pertenza a outros grupos.
Estes tres niveis son funcionalmente antagónicos, cando unha identidade está activada as demais permanecen inactivas. Nun contexto militarizado, policial, violento, a persoa que executa crimes de guerra actúa desde a súa identidade social como militar. Nese contexto, a identidade persoal, con maior capacidade empática cara ás vítimas, está desactivada; a identidade social solapa e desactiva as demais identidades. A mente do militar, psicoloxicamente lobotomizado na súa identidade social, bloquea a sensibilidade e a empatía das outras identidades.
Cando analizamos os horrores dos crimes de guerra, debemos entender que non é a resposta psicopática do executor. Os responsábeis son tamén monicreques que parece que mandan, gobernantes dependentes, alleados e ausentes da cruel realidade. A gran cadea que desculpabiliza dos horrores que padecen as persoas, crianzas, anciáns e mulleres, sobre todo, ten diferentes elos. O primeiro elo é o executor, sádico ou banal monicreque que obedece sen pensar e de forma eficiente; porque no segundo elo está o instrutor experto en ensinar a matar con eficiencia e o mínimo de gasto de munición, sexan balas ou bombas; noutro elo estarían os despachos gobernamentais onde se planifica anular a disidencia ou a rebelión con múltiples estratexias, a mediática, a militar, a económica; finalmente, no último elo, por riba do que deseña e planifica a estratexia global están os ideólogos da represión e os crimes de estado.
A estratexia destes últimos, os ideólogos, é buscar estratexias cognitivas para obviar a disonancia cognitiva na que viven os seus temibelmente e terribelmente normais soldados monicreques. As estratexias máis empregadas son a de deshumanizar a vítima e na estratexia xenocida do sionismo israelí temos as declaracións do ministro de Defensa Yoav Gallant que denomina os palestinos «animais humanos». Outra estratexia é responsabilizar a vítima do sufrimento que padece: Netanyahu declarou que «Hamás abriu as portas do inferno» anticipando o masacre que preparaban no gueto palestino. Issac Herzog, presidente israelí, nas súas declaracións defínelles como monstros, non humanos.
A ideoloxía é importante para sustentar a represión e o asañamento, só necesita un simple slogan: o un de outubro en Catalunya, a represión cara a persoas, que simplemente desexaban votar, tiña o asañamento que nacía nos pobos que despedían a súa garda civil ao berro de «a por ellos»; e tiña unha resonancia mediática que legalizaba as malleiras a persoas maiores, civís indefensos e en resistencia pasiva á imposición.
Como se explica o silencio da UE ante este horror? Os monicreques non só son simples soldados, tamén hai monicreques de alfombra vermella, sós no seu narcisismo e rodeados de palmeiros: gobernantes denominados progresistas, políticos de esquerda desorientados, con problemas de lateralidade ideolóxica; e as masas lobotomizadas polos medios de comunicación.
Cómpre reivindicarmos nas rúas un novo xuízo de Núremberg que xulgue os crimes de guerra do imperialismo sionista e dos imperialismos pasados e presentes. Só o pobo salva o pobo, e fronte á militarización das sociedades, a organización e o activismo son máis necesarios que nunca.
Cando as leis son inxustas, a rebelión é xusta.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 19 de outubro de 2023]