A avaría de Radioloxía de Urxencias, o TAC e a sala 2 lastran a atención sanitaria no Hospital da Costa
A CIG-Saúde denuncia que a sala de Radioloxía de Urxencias do Hospital da Mariña está avariada dende o día 15 de setembro e a día de hoxe continúa sen funcionar. A esta eiva engádese que o único TAC do centro hospitalario tamén se atopa avariado e que a Sala 2 de Radioloxía non está operativa ao cen por cen. Un cúmulo de problemas que se suman aos xa habituais no hospital a causa da progresiva perda de servizos sanitarios.
Dende a central nacionalista advírtese das negativas consecuencias destas avarías, que por unha parte supoñen unha sobrecarga para os/as profesionais do centro e pola outra conlevan un grave inconveniente para os usuarios e usuarias polos atrasos nos resultados das probas radiolóxicas para a diagnose.
Ocupación ao cen por cen
Isto ocorre, denuncian, nun momento no que o centro mariñao se atopa cunha ocupación do cen por cen, con todas as camas ocupadas e tendo que ingresar pacientes adultos na unidade de pediatría por falta de camas.
Dende a central nacionalista esíxenlle á Xerencia do Hospital da Mariña que cumpra coas súas obrigas e solucione este cúmulo de avarías nos aparellos de radioloxía para garantir unha atención de calidade. CIG-Saúde pregúntalle tamén aos/ás responsábeis do PP na comarca se estes son os "máis e mellores" servizos anunciados para o Hospital da Mariña.