A Autoridade Portuaria de Vilagarcía deixa de entregar a cesta do Nadal por primeira vez na súa historia
As seccións sindicais da CIG e CCOO na Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que conforman a maioría sindical nesta empresa pública, denuncian que a dirección vén de anunciar que este ano non haberá a tradicional cesta de Nadal para os traballadores/as. As centrais sosteñen que a medida repercute negativamente no comercio local, xa que se trata dun investimento que se adoita realizar na propia cidade e critican que a compañía non amose os supostos informes que desaconsellan entregarlle este agasallo ao persoal.
Dende as centrais CIG e CCOO explican que a dirección da Autoridade Portuaria de Vilagarcía pon como escusa para non entregar a cesta de Nadal por primeir vez en máis dun século uns son supostos informes desfavorábeis da Intervención Xeral da Administración do Estado “que nunca se poñen enriba da mesa pese ao noso dereito a coñecelos”.
Ao mesmo tempo, critican que a de Vilagarcía é a única Autoridade Portuaria de Galiza que elimina este dereito adquirido dos traballadores/as. “E isto acontece inexplicablemente cando desde a propia Autoridade Portuaria se transmite o incremento no movemento de mercancías”, denuncian.
Lembran que se trata dun dereito adquirido dos traballadores/as, "tamén dos públicos". Así, citan a “importantísima” sentenza do Tribunal Supremo do 21 de abril de 2016 e a da Sala Cuarta do propio Tribunal Supremo do 3 de febreiro, “máis importante se cabe para nós pola condición de empregados/as públicos/as”. Nela establécese que por razóns de seguridade xurídica e igualdade procede aplicar a doutrina máis recente que admitíu a existencia de condicións máis beneficiosas no ámbito do emprego público mesmo cando se opoñen a prescripcións restrictivas, como os informes da IGAE que expresamente nomea a sentenza.
Deterioro das relacións laborais
Ademais, sosteñen que ao longo de 2016 produciuse un importante deterioro nas relacións laborais na empresa, xa que as propostas do comité quedaron “en estudo” durante meses sen resposta algunha aplicáronselles mobilidades funcionais a traballadores/as sen consultar coa súa representación legal nin cos sindicatos máis representativos.
Consideran especialmente significativo que en todo o ano non se convocase nin unha soa vez a Comisión Local de Xestión por Competencias encargada, entre outras funcións, de analizar e actualizar os perfís de cada empregado/a; tamén se incumpriu o pactado sobre o Cuadrante Anual da Policía Portuaria, entregando fóra dos prazos establecidos unha proposta con unicamente o primeiro trimestre do 2017, cando debe de ser anual.
Deste xeito, as seccións Sindicais da CIG e CCOO fan un chamamento á Presidencia da Autoridade Portuaria para volver ao camiño do diálogo e do consenso. “Así llo expresamos a Begoña Mesejo, directora da entidade, xa que non entendemos que mentres se informa do incremento de actividade ou de superación dos obxectivos no tráfico portuario se siga coa política de recortes eliminando dereitos sen, por outra parte, ningún tipo de diálogo nin consenso”.
Finalmente, consideran que esta importante merma nas condicións de traballo e atitude amosada pola dirección ao longo de todo o 2016 “pode levarnos ao conflito colectivo”, ao tempo que manifestan que se reservan o dereito a emprender as accións legais que sexan necesarias para repoñer aos traballadores/as os seus dereitos.