O Porto de Vigo recúa e permite a presenza do representante da CIG no consello de administración
Fixeron sete meses de escritos, reclamacións, denuncias e mobilizacións para que a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) dese marcha atrás no súa negativa a permitir a presenza dun representante da CIG no consello de administración do ente público estatal. O Diario Oficial de Galiza recolle o nomeamento de Anxo Iglesias, secretario de organización da CIG de Vigo, como vogal do órgano de dirección, decisión que se produce unha semana antes de que teña lugar o xuízo tras a denuncia presentada pola central, previsto para o vindeiro día 18.
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, valora positivamente un nomeamento “que era de xustiza” aínda que critica “que chegue tan tarde, sete meses despois de que gañásemos as eleccións ao comité de empresa da APV”.
En virtude dese resultado electoral, a CIG, como sindicato maioritario tiña dereito a contar cun representante no consello de administración como viña sucedendo até o de agora e como sucedo no resto da Autoridades Portuarias do país, “pero curiosamente cambiaron de criterio, sospeitamos que para evitar a presenza dunha voz crítica cando se estaban a adoptar decisións moi importantes como a continuidade da actividade industrial nos terreos de Vulcano ou a ampliación e privatización dos espazos portuarios”.
Por iso considera que o veto á CIG respondeu ao afán “escurantista” do presidente da APV, Enrique López Veiga, “xa que non se pode entender como sabendo que estaba a incumprir a lexislación seguía a impedir a nosa presenza”. Diante disto, anuncia que os servizos xurídicos da CIG están a estudar a posibilidade de presentar unha demanda contra el por prevaricación.
Tamén se amosa moi crítico coa actitude de CCOO, sindicato que a pesar de non ter gañado as eleccións mantivo o seu representante sentado no consello “cando non estaba lexitimado para facelo”. Finalmente, felicítase porque dunha vez por todas se cumpre o dereito que teñen os traballadores/as do Porto vigués a que a central que eles/as escolleron represente os seus intereses no consello de administración.