A Autoridade Portuaria de Vigo aproveita o coronavirus para eliminar máis empregos
A representación da CIG na Autoridade Portuaria de Vigo (APV) denuncia que a dirección aproveita a situación xerada polo novo coronavirus e o estado de alarma para eliminar máis postos de traballo. Nesta ocasión o servizo afectado é o control de accesos do peirao de trasatlánticos, polo que a central proporalle ao comité de empresa presentar unha denuncia na Inspección de Traballo e mesmo convocar mobilizacións.
Segundo explican dende a CIG, o pasado 13 de marzo, ante o decreto do estado alarma polo novo coronavirus, a APV reuniu a comisión de seguimento da Covid19 para adecuar a situación dos seus traballadores/as ao actual contexto. Entre outras medidas, coma a instauración do traballo a distancia e pautas de seguridade e hixiene a adoptar polo persoal que tivera que facer traballo presencial, para a Policía Portuaria, traballadores/as esenciais que prestaron servizo que non se interrompeu en ningún momento, adoptáronse certas modificacións nos servizos, para manter a distancia, e evitar risco de contaxios que puidesen poñer en perigo a continuidade do servizo, e por tanto o funcionamento do Porto de Vigo.
Neste aspecto, os servizos reducíronse de maneira especial, e fixéronse grupos de traballo. Unha das reducións que contemplaba o cadro de servizos especiais pola Covid19 era que o control de accesos do peirao de trasatlánticos e deixaba de facer de maneira presencial e se atendía dende o Centro de Control, sempre de maneira provisional e avalada no seu momento pola xustificación de que a actividade nese peirao ía ser nula, ao obrigar o peche de locais de hostalería e de o cese da actividade presencial nos organismos con dependencias nese peirao.
Sen embargo, o pasado 25 de maio, a parte social reclamáballe á directora da Autoridade Portuaria a recuperación do servizo, debido ao cambio de fase, apertura de locais de ocio, aumento da actividade laboral e o incremento de infraccións e incumprimentos da Lei de Portos que se estaban a dar nestes últimos días ao non ter vixilancia presencial na zona. A dirección da Autoridade Portuaria respondía que ían a estudar a proposta, mais chegados ao mes de xuño, e recuperada practicamente a normalidade no funcionamento do peirao -coa única excepción do tráfico de cruceiros o posto do control de accesos segue sen ter presencia da Policía Portuaria.
Na reunión do Consello de Administración do 29 de maio de 2020, o representante pola CIG, Anxo Igrexas, preguntoulle directamente ao directo da APV, Enrique López Veiga, pola situación, e a resposta do mandatario do Partido Popular foi que o servizo se retomará cando a dirección o considere oportuno, si é que considera oportuno recuperalo.
Desprezo e falta de recoñecemento
Nese senso, lamentan que dende a chegada de López Veiga á APV “os desprezos e a falta de recoñecemento cara ao labor da Policía Portuaria son numerosos, e van dende o feito de tachar os axentes de non ser unha 'policía de verdade', até o ignoralos nos recoñecementos públicos a pesares de seren os traballadores/as da Policía Portuaria os que fixeron posible que as lonxas seguiran funcionando ou que o organismo seguise tendo control sobre a facturación gracias á labor desenvolvida polos seus axentes, ademais de velar pola seguridade e polo cumprimento das medidas necesarias para saír ben parados da crise sanitaria”.
A Policía Portuaria non vai desaparecer por moito que o intenten os políticos postos a dedo por Feijóo
Ao mesmo tempo, sinalan que a Policía Portuaria síntese menosprezada, xa que ademais ten que ver como dende redes sociais do propio organismo o recoñecemento e agradecemento vai para Garda Civil, estibadores ou empresas privadas antes que para os seus axentes, e até ante iniciativas de recollida de alimentos para os máis necesitados que parten de axentes de Policía Portuaria, a Autoridade Portuaria de Vigo atribúese a iniciativa e lanza notas de prensa sen unha mísera mención á súa Policía.
A pesar da falta de recoñecemento, “o que máis doe é a intención do presidente da APV de intentar eliminar o Servizo de Policía Portuaria e o alarmante decrecemento do persoal e dos postos de traballo do servizo”.
En xaneiro de 2016, con López Veiga recén chegado á APV, a Policía Portuaria estaba formada por 17 xefes de equipo de Policía Portuaria, 51 policías portuarios fixos e 18 policías portuarios eventuais, mentres que a día de hoxe o servizo conta con 10 xefes de equipo, 30 efectivos fixos, 16 efectivos indefinidos por sentenza e unha bolsa de traballo de 30 axentes, que son contratados para cubrir baixas, ou outras interinidades, non tendo nin sequera asegurada a contratación durante a vixencia da bolsa. Estamos a falar da amortización de 28 axentes fixos entre policías e xefes de equipo, ou o que é o mesmo, unha redución do 41.17% en catro anos de mandato.
Consideran que “López Veiga e o Partido Popular son sinónimo de precariedade laboral”, e ademais da redución de efectivos, estase a reducir de maneira alarmante a presenza de Policía Portuaria nos peiraos, e en consecuencia a seguridade de instalacións, dos usuarios/as e dos propios axentes. Xa nestes anos eliminouse a presenza de Policía Portuaria no peirao de Beiramar, desfíxose das dependencias no peirao do Areal, e reduciuse o número de axentes nas patrullas, de 2 a 1, feito que está denunciado na Inspección de traballo.
Por iso dende a CIG trasladaránlle ao comité de empresa unha proposta para denunciar a supresión do control de accesos do peirao de trasatlánticos ante a autoridade laboral, ao tempo que queren deixar claro que a Policía Portuaria non vai desaparecer "por moito que o intenten os políticos postos a dedo por Feijóo". E non descartan convocar mobilizacións e incluso paros en defensa dun colectivo esencial para o Porto e a cidade de Vigo.