A austeridade, “unha idea perigosa”
A austeridade regresa; non como terapia de choque, senón de forma gradual, discreta, case avergoñada. Desde as curas inflixidas ao sur de Europa tras a crise financeira de 2008 cambiaron moitas cousas que volveron inconfesábel a receita
O método está tan desacreditado que xa non se atreven a chamalo polo seu nome. Cando o pasado xuño a Unión Europea abriu expedientes por déficit excesivo contra sete países, exixíndolles que restabelecesen as súas contas baixo pena de sancións, o comisario de Asuntos Económicos, Paolo Gentiloni, rexeitou con vehemencia toda asociación coa austeridade. Certamente, admitiu, Bruxelas exixe esforzos tras a liberalidade mostrada durante a pandemia da covid-19, pero “non hai que confundir a prudencia no gasto, que é obrigatoria para países con déficit e débeda elevados, coa austeridade” (Il Messaggero, 20 de xuño de 2024). Uns meses despois, para xustificar os 40.000 millóns de euros de recortes no gasto público que defende para 2025, o Goberno francés alude a un “orzamento de recuperación”, “responsabilidade” e “verdade”. O seu homólogo italiano, que prevé unha retallada de 13.000 millóns de euros anuais durante sete anos, fala dunha “traxectoria de axuste”. O termo está proscrito mesmo no Quebec, onde, malia o anuncio dunha conxelación das contratacións en varios ministerios, a presidenta do Consello do Tesouro se amosa categórica: “Non é certo, non hai austeridade”.
Así pois, a austeridade regresa; non como terapia de choque, senón de forma gradual, discreta, case avergoñada. Desde as curas inflixidas ao sur de Europa tras a crise financeira de 2008 cambiaron moitas cousas que volveron inconfesábel a receita. Todo o mundo puido comprobar os seus resultados en Grecia: explosivo incremento do desemprego, suicidios, toxicomanía, mortalidade infantil, infeccións por VIH, casos de tuberculoses... Bruxelas pedía paciencia. Os gregos esperaron, vendo como o seu país se transformaba nun complexo Airbnb para europeos con cartos. E quince anos despois, a austeridade segue imperando. O produto interior bruto (PIB) segue sendo tres cuartas partes do que era antes da crise, do mesmo xeito que o salario medio anual, e o importe da débeda pública alcanza o 160% do PIB, fronte ao 103% de 2007. En Alemaña, o corsé orzamentario reduciu tanto os investimentos que as pontes se derruban e os usuarios non dan creto cando un tren de Deutsche Bahn chega á hora. Con todo, desde a política restritiva do chanceler Heinrich Brüning en 1932, alén do Rin sábese que a austeridade é “unha idea perigosa”: busca nos petos de quen non creou o problema unha solución que non funciona(1).
Nun mundo particularmente inestábel, onde parece que unha guerra mundial se pode producir cada semana, onde o quecemento global fai pender sobre o futuro incontábeis ameazas, a perspectiva de apertar o cinto durante unha xeración con vistas a resultados dubidosos carece de atractivo, sobre todo porque os cidadáns deixaron de crer na fábula da “única política posíbel”. Tras a desfeita de 2008, o Banco Central Europeo comprou masivamente obrigacións estatais, o Reino Unido e Islandia nacionalizaron bancos e Chipre impuxo unha quita sobre todos os depósitos bancarios superiores a 100.000 euros. Ao comezo da pandemia da covid-19, a Unión Europea anunciou unha “suspensión xeral” das súas normas orzamentarias, o Estado francés fíxose cargo (mediante o paro parcial) do salario de millóns de traballadores e o Congreso de Estados Unidos enviou cheques de 1.200 dólares ás familias. Así, ao longo das crises, as regras, os dogmas supostamente inmutábeis, saltaron polo aire. O conflito en Ucraína demostrou que se podían regular os prezos da enerxía. En Francia, tamén se xustifica un aumento do 40% dos créditos militares, 413.000 millóns de euros en total para 2030. Unha “economía de guerra” que o poder pretende financiar mediante unha guerra económica contra os desempregados, os xubilados, os funcionarios e os usuarios dos servizos públicos.
_____________________________________________________________________________
Nota:
(1) Mark Blyth, Austerity. The History of a Dangerous Idea, Oxford University Press, 2013.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado de Le Monde Diplomatique, novembro de 2024]