A Audiencia provincial da Coruña anula a sentenza do xuízo por acoso sexual no Corte Inglés
A sección nº 6 da Audiencia Provincial da Coruña declara a nulidade da sentenza e do acto do xuízo oral no caso de acoso sexual no Corte Inglés de Santiago. A Audiencia acorda a celebración dunha nova vista “por maxistrado diferente ao que interveu até o de agora”, declarando “de oficio” as costas desta instancia, logo de que se absolvera ao acusado malia considerar os feitos probados.
A CIG-Servizos valora positivamente a nulidade considerando que a sentenza absolutoria “era un auténtico esperpento”. Neste sentido, Roberto Alonso entende que “non tiña nin pés nin cabeza que se recoñeceran os feitos pero se acabara absolvendo ao acusado”.
En todo caso Alonso lamenta que se teña que repetir o xuízo. “A vítima, Isabel Fraga, e as compañeiras terán que pasar novamente por ese trauma” explica e entende que “a propia Audiencia provincial debería declarar a cupabilidade sen ter que revivir os feitos unha e outra vez”.
“Falta de racionalidade”
A sentenza da Audiencia da Coruña fai un percorrido polos feitos probados na sentenza recorrida e constata “manifesta falta de racionalidade". Cuestiona ademais, conforme ao relato dos feitos probados, que non se valorara a existencia dunha "situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante”.
Ten en conta as conclusións do informe pericial realizado polo servizo de clínica médico-forense do IMELGA, onde se conclúe que a sintomatoloxía que presenta a denunciante na actualidade “atópase dentro do transtorno de ansiedade xeneralizada e é consecuencia total, directa e certa do dano psíquico que causou a situación”.
Considera que tampouco existe unha “valoración racional” da proba documental relativa á Comisión Instrutora para o Tratamento e Investigación de Situacións de Acoso (CITSA) do Corte Inglés que concluíu, no seu momento, que “si existira acoso sexual”.
E conclúe, literalmente que “malia recollerse nos feitos probados unha serie de condutas de carácter sexual (como son as insinuacións e comentarios de contido sexual, exhibicións no teléfono móbil de material de natureza sexual, tocamentos nas pernas e cintura e proposicións de manter relacións sexuais), nalgúns reiteradas no tempo, non se constata na vítima unha situación de sufrimento pola humillación sufrida e a hostilidade manifestada. Non se realiza unha valoración racional sobre dita cuestión”.
Do mesmo xeito, a Audiencia entende que tampouco se axusta ás máximas de experiencia e a unha valoración racional, o ánimo e finalidade dos tocamentos realizados polo acusado á denunciante. “Cabe deducir unha clara finalidade sexual, se se ten en conta o resto do relato de feitos probados e proba practicados. Estamos ante posibles contactos corporais inconsentidos con significación sexual, nos que pode concorrer un ánimo tendencial xa aludido”.
Por todo isto estímase a existencia dunha “irracional valoración probatoria que conclúe coa absolución do acusado, polo que debemos repoñer á parte acusadora no seu dereito fundamental á tutela xudicial efectiva”. E conclúese coa declaración da “nulidade do acto retrotraendo as actuacións para a celebración de novo xuízo con distinto maxistrado para salvagarda do principio de imparcialidade”
Considérase tamén que a nulidade debe extenderse ao xuízo oral, porque “a nulidade provén dunha errónea valoración da proba”, entendendo que para salvagardar o principio de imparcialidade débese celebrar “un novo xuízo oral ante xulgador diferente, evitando así a preditibilidade do fallo”.
Podedes ver os antecedentes deste caso nos seguintes enlaces: