A Audiencia Nacional anula o plan de igualdade de Ilunion, CEE da ONCE, por vulnerar o dereito de liberdade sindical
A Sala do Social da Audiencia Nacional (AN) española vén de anular o III Plan de Igualdade de Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego (CEE) do Grupo ONCE, tras o conflito colectivo interposto pola CIG por vulneración do dereito de liberdade sindical. A sentenza, contra a que cabe recurso de casación diante do Tribunal Supremo, recolle que a empresa impuxo o Plan tras suspender de xeito unilateral as negociacións e imponlle o pago dunha indemnización á central por danos morais.
A demanda presentada pola CIG o pasado 16 de xullo foi estimada pola xuíza, que argumenta no seu escrito que os plans de igualdade teñen que se acordados, por regra xeral, cos sindicatos lexitimados para negociar, sen que a empresa poida impoñelos unilateralmente. Pero Ilunion decidiu dar por finalizada a negociación tras tres meses de conversas e rexistrar o plan sen acordo da representación legal das persoas traballadoras, cando a normativa laboral estende devandito prazo até un ano (artigo 4.4 Real Decreto 901/2020 do 13 de outubro).
A empresa non negociou de boa fe, pois abandonou as negociacións cando lle aprobaron o rexistro do plan; considerou a negociación como un mero trámite para seguir cobrando subvencións públicas
“A empresa non negociou de boa fe como establece a normativa laboral, pois de forma inxustificada abandonou as negociacións tan pronto como lle aprobaron o rexistro do plan presentado ante a autoridade laboral; Ilunion considerou a negociación como un mero trámite para seguir cobrando subvencións públicas e seguir licitando contratos”, sinalan dende a CIG-Industria de Vigo.
Neste senso, lembran que en marzo de 2023, previa denuncia da CIG, a empresa recibira da Inspección de Traballo de Vigo o inicio dun expediente sancionador con relación aos datos aportados á representación legal das persoas traballadoras sobre o rexistro retributivo do ano 2021, por non incluír cada un dos complementos salariais e extrasalariais especificando de modo diferenciando cada percepción.
Agora a xustiza entende que a adopción unilateral do plan vulnerou o dereito a liberdade sindical da CIG na súa vertente do dereito a negociación colectiva, polo que anula o documento e condena a demandada a que indemnice o sindicato coa cantidade de 10.000 euros.
Ao mesmo tempo, dende a central censuran o papel xogado pola UGT durante o proceso, xa que o sindicato estatal nin sequera compareceu no xulgado, “nunha clara mostra de apoio á empresa”. Mentres que o CSIF se adheriu á demanda da CIG e CCOO optou por presentar unha demanda nos mesmos termos dous meses despois da interposta pola CIG.
Precariedade subvencionada
Ilunion Servicios Industriales é un centro especial de emprego (CEE) pertencente ao Grupo ONCE cuxo persoal presta servizo nas principais empresas da automoción nas comarcas de Vigo e Ourense. A CIG-Industria mantén dende hai anos unha intensa loita para denunciar a explotación laboral que padecen as persoas con discapacidade contratadas por Ilunion, con salarios inferiores aos do sector, sometidas a altos ritmos de traballo e sen que se lles ofreza a formación obrigatoria. Unha loita que está a ser reprimida pola empresa con despidos, sancións, acoso e represión sindical contra delegados/as e traballadores/as afiliados/as da central.
A CIG denuncia que os CEE fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros de persoas traballadoras “e incrementar así os seus beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.
Máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con discapacidade fanse a través deste tipo de centros, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.
Estes centros son favorecidos por convenios que remuneran por debaixo do convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores da integración laboral”.
Papel do Ministerio e da ONCE
A sentenza da AN tamén deixa en evidencia o papel do Ministerio de Traballo ao verificar que non se fai o mínimo control da legalidade para o rexistro dos plans de igualdade. Unha cuestión que preocupa especialmente na central sindical polo número de plans de igualdade que se asinan sen acordo. “A decisión xudicial demostra o desleixo do Ministerio a respecto dunha ferramenta fundamental para loitar contra a fenda salarial e pola igualdade laboral, cuestións que semella que utiliza unicamente como propaganda”.
Por outra banda, o Grupo Social ONCE, como primeiro empregador mundial de persoas con discapacidade e cuxa finalidade debera ser a súa inclusión social e laboral, “debera revisar o papel que está a xogar Ilunion e as persoas que dirixen o centro especial de emprego”. Na CIG consideran que a sentenza ten que ser un punto de inflexión por parte da ONCE para acabar co modelo de explotación laboral dos CEE, “do que Ilunion é un claro exemplo”.