A asemblea do proceso Lingua Vital ratifica o protocolo para reverter a emerxencia lingüística

Nacional - 14 Mar 2026

“Na Galiza en galego” foi o clamor que se escoitou na mañá deste domingo chuvioso na praza da Quintán de Santiago de Compostela, onde Queremos Galego (plataforma da que a CIG fai parte) celebrou a asemblea na que someteu á aprobación da sociedade galega o Protocolo Lingua Vital. Un documento elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades de todos os ámbitos, co apoio doutras 396, para reverter a emerxencia lingüística. A asemblea amosou o seu apoio unánime á proposta, que entra agora na fase de aplicación por parte das entidades sociais e institucións adheridas.

Celia Armas, Mónica Fernández Valencia e Xosé Henrique Costas defenderon o proceso, amplo, participativo e plural, en nome de todas as coordinadoras dos grupos de traballo que elaboraron o protocolo e David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per a las minorías étnicas i nacionals (CIEMEN), interveu no acto como entidade promotora da Declaración universal dos dereitos lingüísticos, un dos documentos nos que está baseado o protocolo.

A creadora de contido Sara Seco conduciu o acto, que contou coa participación de numerosas entidades sociais, organizacións sindicais, políticas, culturais, veciñais, de defensa das persoas consumidoras, agrarias, deportivas, de persoas migrantes, educativas, relixiosas ou empresarias. A nota musical puxérona Caamaño e Ameixeiras, un dos grupos máis destacados do relevante panorama musical galego actual.

Reverter o devalo da nosa lingua

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou que os datos estatísticos poñen en evidencia o devalo da lingua galega, "como resultado da súa exclusión e da súa ausencia acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a asegurar sempre" e denunciou que "o PP usa a lingua como refén co que chantaxear o movemento social pola normalización".

Maceira foi moi crítico coa Xunta de Galiza, que "a mobilización do pobo galego obrigou a mudar de aparencia e tentar facernos crer que tiñan disposición a mudar a política contra o idioma", chegando a anunciar un novo plan de normalización lingüística para antes de rematar 2025. "O plan anunciado por Rueda para reverter o estado da nosa lingua", lamentou o voceiro de Queremos Galego, "foi o plan para reverter a oficialidade que tanto desgustaba a Feixoó", con votacións no Parlamento contra o galego na xustiza, nas notarías ou nas xestorías.

Mais tamén contra o aumento de profesorado de portugués; campañas en español nos centros de ensino; orzamentos raquíticos que impiden executar calquera avance dos acordados hai 21 anos; exclusión do galego da administración con leis como a da Intelixencia Artificial, permitindo a contratación pública sen coñecemento de galego ou dándolle prioridade ao español nas páxinas web.

O PP tamén fixo un boicot directo á oficialidade do galego na UE e á presenza de Galiza con voz propia na Unesco; mantén a vixencia do veto e prohibición ás aulas en galego no ensino; un impulso á desaparición nas relacións comerciais; promove festivais con fondos públicos cunha cota testemuñal ou nula de música en galego; e aumentou o control da TVG cunha lei que permite o abandono do galego e da súa función normalizadora nomeadamente para o público infantil e xuvenil.

A forza colectiva do pobo galego

"A sociedade galega asumiu a responsabilidade e construíu unha alternativa sólida, unitaria e eficaz á política lingüística de desleixo, miseria e apartheid xestionada por desertores e irresponsábeis", afirmou Maceira. "Coa participación directa e co apoio de centos de entidades sociais", asegurou, "o Protocolo Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística é o verdadeiro pacto pola lingua no que hai sitio para todas as persoas, colectivos e institucións que queiran garantir o futuro de Galiza e do seu idioma".

Maceira recordou a forza colectiva do pobo galego, con algúns exemplos recentes como a victoria contra Altri ou a recuperación do Pazo de Meirás e concluiu que "a lingua galega existe porque é a dun pobo que a defende, que a usa e a reivindica en todos os tempos e baixo todas as circunstancias".