A asemblea do persoal de Vitrasa aposta por intensificar as protestas para reclamar un convenio digno

Para este venres día 8 teñen convocada unha manifestación, e desenvolverán paros, xornadas de folga e concentracións
Vigo - 06 Nov 2024

A asemblea de persoas traballadoras de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu onte intensificar as mobilizacións que retomaron o pasado 25 de outubro para reclamar un convenio colectivo digno. De xeito que nas vindeiras semanas desenvolverán novos paros parciais e xornadas de folga, ademais de manifestacións e concentracións. A primeira delas terá lugar este mesmo venres día 8, cunha manifestación dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas.

Dende a representación sindical lembran que tras máis de sete meses de “paz social” e unha vez cumpridas as expectativas que esixía a concesionaria (recuperación de viaxeiros/as e reequilibrio económico por parte do Concello) Vitrasa pretende deixar os anos 2021, 2022 e 2023 sen suba salarial para o seu persoal. A proposta da empresa contempla uns incrementos para os anos 2024 ao 2027 -cabendo mesmo a posibilidade de que xa nin sequera estea operando na cidade daquela- e case ningunha mellora no ámbito social. 

Vitrasa pretende deixar os anos 2021, 2022 e 2023 sen suba salarial para o seu persoal

Desde o comité non entenden como despois de recibir máis de 18 millóns de euros e recuperar viaxeiros/as (case 70.000 diarios/as) -o que fai poñerse á empresa practicamente no mesmo nivel que o ano 2019 (ano récord de viaxeiros/as)- Vitrasa non ofreza nada aos empregados/as para recuperar o poder adquisitivo perdido entre 2021 e 2023, no que os IPC se dispararon.

Ademais, lamentan que a oferta social “estea moi ben decorada pero baleira de contido: ofrécennos unhas melloras que non son reais e que unicamente solucionan os problemas da empresa, chegando en ocasións a empeorar as condicións do persoal”.

Xuntanza co Concello

Por outra banda, censuran a actitude do Concello de Vigo, ao que lle solicitaron unha reunión hai semanas para explicar de primeira man a problemática e aclarar os termos do reequilibrio, e nin sequera contestou á solicitude. “Logo escoitaremos ao alcalde vendendo unicamente a versión distorsionada da realidade que dá a empresa sen escoitar ás persoas traballadoras”.

“Todo isto obríganos a retomar as mobilizacións para esixir acordos que sexan satisfactorios para as dúas partes”. Unhas protestas que se iniciarán esta mesma semana cunha manifestación o venres 8 dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas e que continuarán con xornadas de paros parciais (aínda por determinar) a partir da semana do 18 de novembro.