Aos traballadores/as non lles serve a proposta de Alcoa por supoñer a parada das cubas e non incluír o persoal das auxiliares
A CIG valora a unidade e a capacidade de loita manifestada polo comité e pola asemblea de traballadores/as de San Cibrao co rexeitamento á proposta trasladada no día de onte por Alcoa. Aceptar a oferta da empresa implicaría asumir a parada das cubas de electrólise contra da que o persoal leva pelexando dende hai máis de ano e medio e deixar no aire a continuidade dos empregos dos compañeiros e compañeiras da industria auxiliar.
Estas son as dúas liñas vermellas, subliñou Xosé Paleo, voceiro da CIG no comité de San Cibrao, que non se poden asumir. Na súa intervención durante a asemblea atribuíu este "cambio de paso" da multinacional tanto á ratificación da sentenza que anula o ERE como á folga e ás continuas mobilizacións na comarca. "Esas foron as dúas patas que nos trouxeron ao punto no que estamos", afirmou Paleo, instando a manter a folga indefinida para forzar a unha solución real.
Sobre a parada das cubas contemplada na proposta de Alcoa, indicou que "non nos fiamos da vontade da empresa á hora de rearrancalas e consideramos que a mellor garantía de rearranque segue sendo que non paren". Unha valoración amparada nas actuacións da multinacional, que agora anuncia que quere quedar, pero que durante todo este tempo boicoteou calquera posibilidade de venda e defendeu como indispensábel o cese da actividade das cubas.
Pero na asemblea tamén se manifestou a solidariedade de clase, pois Alcoa non garantía o 100% do emprego na fábrica ao non incluír ao persoal das compañías auxiliares. "Como CIG, non pensamos deixalos atrás, porque son tan traballadores/as de Alcoa como o somos nós. É máis, seguimos pensando que se debe contar con estes compañeiros e compañeiras tanto na negociación, como á hora de realizar consultas, referendos e tomar decisións".
Ante o novo escenario aberto, a representación da CIG insiste na necesidade de "termos unha folla de ruta propia sobre a que negociar, pois a de Alcoa está claro que non nos vale". E neste sentido, Paleo apelou á responsabilidade do goberno español e da Xunta e instou a súa implicación xa que "son parte da solución, tanto dando garantías, como facilitando procesos, como poñendo fondos para os investimentos necesarios".