A Asemblea de traballadores/as do transporte urbano referenda o acordo con TRALUSA e AULUSA-Santiago

A consecución do cadro único supón a desconvocatoria definitiva da folga
Compostela - 21 Mar 2025

O preacordo acadado na mañá de onte, no marco dunha negociación no Consello Galego de Relacións Laborais. con TRALUSA e AULUSA Santiago, ambas do Grupo Monbús, supoñía a suspensión da folga prevista para este venres día 21 e de ser ratificado en asemblea polo persoal -que o respaldou de forma practicamente unánime- suporía a desconvocatoria definitiva, como así ocorreu, convertendo o preacordo en definitivo.

Este acordo acadado supón que se elaborará un novo cadro de servizos no que se asignarán os números de orde en función da antigüidade, independentemente de que o persoal sexa contratado por unha ou outra empresa.

Ademais, para o persoal que permaneza como correquendas establécese un prazo máximo de dous anos nesta situación e un sistema rotatorio e equitativo para as coberturas temporais de ocos no cadro.

Inácio Pavón, representante da CIG, considera que “isto supón a fin dunha discriminación que se viña producindo desde o inicio desta contrata pola cal había traballadores e traballadoras con diferentes dereitos realizando o mesmo traballo”.

Lembra que xa se corrixira “vía denuncias na Inspección as diferenzas salariais, a sucesión de contratos temporais en AULUSA ou o menor número de días libres, e agora este novo sistema de traballo equipara definitivamente as condicións laborais”.

Pavón afirma tamén que a convocatoria da folga supón un éxito do cadro de persoal  para demostrarlle á empresa que non se toleran xa as faltas de respecto, tanto aos traballadores e traballadoras como á súa representación legal, e que se eternicen as negociacións sen perspectiva de solución.

O persoal quere agradecer as múltiples mostras de apoio das usuarias e usuarios do transporte público que, durante estas xornadas, animaron ao persoal a defender os seus dereitos e as súas xustas reivindicacións.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.