A asemblea de traballadores/as de Einsa rexeita a proposta final da dirección sobre o ERE
A asemblea de traballadores e traballadoras da empresa Einsa Print, con sede nas Pontes, rexeitou por inmensa maioría a proposta trasladada no día de onte pola dirección, dentro do período de consultas do ERE. Deste xeito, o prazo de negociacións -que a compañía se nega a ampliar- remata sen acordo. O persoal tamén aprobou continuar coa folga indefinida até o próximo luns, xornada na que se fará unha nova asemblea para avaliar as accións a desenvolver na defensa dos empregos e un novo calendario de mobilizacións.
O comité explicou que na reunión de onte en Santiago, que se prolongou até ás 22:00 horas, Einsa moveu o número de despedimentos, fixando a afectación en 131 persoas, aínda que catro postos dependen da carga de traballo que exista para o segundo semestre do próximo ano, polo que o total de rescisións de contrato podería ser 135. Tamén apuntan que aínda que a empresa rebaixou as súas pretensións iniciais, a cifra continúa a ser totalmente inaceptábel.
No caso das indemnizacións, a empresa subiu as contías até os 30 días por ano traballado cun tope de 15 mensualidades, cantidade totalmente insuficiente tendo en conta que a media de antigüidade na empresa está nos 20 anos. A este respecto, a parte social pediulle á empresa que se realmente quere voluntariedade no expediente mellore as condicións de saída das persoas maiores de 55 anos (cuxa afectación estipula nun máximo do 10%).
Na proposta final, Einsa tamén formulou aumentar o plan de viabilidade até decembro de 2026. En calquera caso, nin as condicións propostas, nin moito menos o volume de destrución de emprego que significaría para as instalacións das Pontes, son asumíbeis para o persoal, que seguirá pelexando e realizando as xestións necesarias para botar abaixo o ERE.
O comité de empresa lamenta tamén que a dirección tampouco quixese entrar a valorar medidas sociais que non lle supoñan un custo económico, como pode ser ter en conta a afectación dun so membro no caso de parellas entre traballadores/as. Tampouco acepta deixar fora do ERE ás persoas de familias monoparentais, con algunha incapacidade ou con redución de xornada por coidado de crianzas.
Desmantelamento industrial
Einsa foi a primeira empresa en instalarse no polígono de Penapurreira ao abeiro dos plans de desenvolvemento do ano 1997 tras o peche da mina e agora pode ser a primeira en pechar, afondando así no desmantelamento industrial e na perda de emprego que sofre a localidade no marco dunha transición enerxética “que está a ser unha auténtica demolición”.
Hai que subliñar que na actualidade Einsa Print é a compañía que conta con maior número de postos de traballo directos nas Pontes, un total de 227. Executar o ERE suporía destruír máis de 130 empregos e comprometer moi seriamente o futuro da planta, xa que a empresa non contempla un plan de actuacións para adaptar as instalacións aos novos procesos produtivos, nin amosou intención de buscar nova carga de traballo.
Por iso, dende o comité tamén instan ás administracións a poñer en marcha políticas e medidas para frear esta “desfeita laboral” e garantir alternativas industriais que permitan que as traballadoras e traballadores poidan seguir vivindo e traballando dignamente nesta localidade e na súa contorna.