A asemblea de traballadores/as de Edyproga acorda desconvocar a folga tras os compromisos acadados coa empresa

Cervo - 24 Out 2024

A asemblea de traballadores/as de Edyproga decidiu este xoves desconvocar a folga e as mobilizacións que se viñan realizando dende o pasado martes, tras o compromiso da empresa de continuidade dos empregos e de reincorporación prioritaria do persoal despedido. Así as cousas, e ante a proximidade do remate das garantías de para a industria auxiliar e o incumprimento dos investimentos e do plan de viabilidade, a CIG entende que a mobilización é o único camiño para conseguir a continuidade industrial e de todos os postos de traballo.

Tras as conversas mantidas no día de hoxe, a dirección da empresa mostrou a súa disposición a manter até final de ano o emprego dos 10 traballadores ameazados por unha regulación, a pesar da situación de incerteza actual. Ademais, a empresa comprométese a ofrecer cursos de formación en prevención de riscos laborais para que este persoal poida optar a outro tipos de traballos no futuro.

Xunto a isto, estabelécese a creación dunha bolsa de emprego para os 6 traballadores que foron despedidos recentemente, garantindo a súa prioridade para ser reincorporados en canto haxa carga de traballo suficiente.

A mobilización "é o único camiño"

Con todo, ante a proximidade de fin das garantías de emprego (que rematan a final deste ano xa que Alcoa non quixo estendelas na renegociación do acordo de febreiro de 2023), a CIG segue considerando que a mobilización “é o único camiño para esixirlle a Alcoa o cumprimento das garantías laborais acordadas e para protexer o futuro de todos os traballadores e traballadoras das auxiliares”.

A CIG-Industria agradece o apoio e compromiso de todo o persoal durante as mobilizacións que permitiron acadar este resultado. A este respecto, o responsábel da CIG-Industria na Mariña, Unai Donoso, subliña que “se Alcoa cumprise cos investimentos e compromisos recollidos no acordo de viabilidade asinado en decembro de 2021, a carga de traballo para as auxiliares non se vería mermada como está a suceder” nin a continuidade dos empregos ameazada.

Explica que este acordo tiña como obxectivo garantir a continuidade do complexo e o mantemento dos postos de traballo, tanto na principal como nas auxiliares. “O incumprimento de Alcoa respecto a estas inversións está directamente relacionado coa falta de traballo nas contratas, e demostra a súa falta de compromiso coa estabilidade laboral das empresas auxiliares e cos postos de traballo da comarca”, denuncia.