A asemblea de delegados e delegadas do metal da Coruña aproba a plataforma que a CIG defenderá na negociación do próximo convenio
O martes 14 de xaneiro, arredor de 200 delegados e delegadas da CIG no sector de siderometal da provincia da Coruña reuníronse en asemblea para aprobar a plataforma reivindicativa que a central defenderá na negociación do próximo convenio colectivo do sector, que está por iniciarse.
A asemblea provincial, celebrada no salón de actos do edificio sindical da Coruña, pon punto e final a un proceso participado que se desenvolveu ao longo do mes de decembro con asembleas abertas na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
A plataforma recolle as principais demandas trasladadas polas traballadoras e traballadores do sector e fixa como obxectivo avanzar na mellora das condicións salariais e laborais, combater a precariedade e garantir o mantemento e a ampliación dos dereitos conquistados.
Puntos prioritarios
Entre os puntos prioritarios aprobados destacan a esixencia de salarios dignos, cunha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC desde o 1 de xaneiro, así como incrementos salariais do 5 % para 2026 e do 4 % para 2027. Tamén se recolle a fixación dunha xornada anual de 1.712 horas, equivalente a 37,5 horas semanais.
No relativo ás condicións de traballo, a plataforma defende a adecuación dos pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade, a subrogación obrigatoria para todas as empresas que apliquen o convenio do metal e a mellora das condicións das persoas desprazadas, garantindo dietas dignas e compensación polos gastos.
A CIG aposta igualmente por mellorar as condicións do traballo a quendas e en fins de semana, tanto no plano laboral como económico, e por frear a precariedade no sector, regulando os contratos fixos-descontinuos para evitar o seu uso abusivo e limitando a utilización de ETT e subcontratas máis alá do primeiro nivel.
A táboa reivindicativa inclúe tamén a mellora dos complementos por enfermidade común e profesional, a adaptación dos permisos e licenzas ás necesidades reais das persoas traballadoras, a corrección da clasificación profesional, axustando categorías e funcións, a incorporación de cláusulas que garantan a xubilación anticipada e o mantemento de todos os dereitos recollidos no actual convenio colectivo.
Defensa firme da plataforma
Desde a CIG salientan o compromiso por darlle axilidade á negociación e a disposición a defender esta plataforma coa mobilización e a loita, como xa aconteceu nos procesos de 2017 e 2022. A central pon en valor a coincidencia dos convenios do metal da Coruña, Lugo e Pontevedra, unha circunstancia que permite reforzar a acción sindical coordinada a nivel galego.
A CIG lembra que foi a través da loita colectiva e da conflitividade como se conquistaron os principais avances no sector e reafirma que este seguirá a ser o camiño para acadar un convenio digno que mellore as condicións de vida e de traballo no metal.
Unha vez aprobados os puntos prioritarios, a CIG-Industria trasladará as súas propostas ao resto de centrais sindicais, co obxectivo de acadar unha plataforma unitaria, e conseguir a unidade na negociación e na loita pola defensa dun convenio que supoña avances substanciais nos dereitos do persoal.