A Área Pública da CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas
A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan os recortes de 2012 e para reclamar a recuperación dos dereitos do persoal das administracións públicas.
En representación da Área Pública, o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, reclamou para todos os empregados e empregadas públicas, a recuperación do 100% das pagas extras, a recuperación do Fondo de Acción Social, coa asignación do 1% da masa salarial; a recuperación dos 9 días de asuntos propios ou de libre disposición; a recuperación das pagas extraordinarias completas e a eliminación da taxa de supresión.
Pola súa banda a CIG-Ensino demandou a reforma do acordo da Xunta de Galiza coa minoría sindical da Mesa Sectorial Docente. Neste sentido, Laura Arrojo, exixiu a recuperación do horario lectivo de 21 sesións en Infantil e Primaria e de 18 sesións en Secundaria e outras ensinanzas, así como de todas as medidas relacionadas coa redución das ratios, aplicando as incorporadas no acordo con carácter inmediato e estendendo a redución a toda as etapas educativas para o curso 2025/26.
Xunto a isto demandou o pagamento do verán ao profesorado substituto con cinco meses e medio traballados ao longo do curso e o recoñecemento, a todo o profesorado do corpo de PESSFP, “dun complemento de equiparación co profesorado integrado no corpo de PES para recoñecerlle os mesmos dereitos retributivos que ao profesorado do corpo, para extinguir, de PTFP”.
A CIG-Saúde denunciou que estes orzamentos son insuficientes para garantir unha sanidade pública de calidade e afondan no modelo precarizador e de privatización da sanidade pública, Exixiu a recuperación do cobro do promedio da atención continuada durante a incapacidade temporal e a recuperación do acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, Ana Lestón reclamou unha análise dos cadros de persoal dos hospitais, “para mellorar as ratios, ter un acceso digno ao emprego e que as e os doentes reciban uns coidados de calidade e nuns tempos de resposta axeitados”. E demandou, ademais, a negociación urxente dun Plan de Ordenación de Rceuros Humanos de Atención Primaria e que, sen máis demora se negocie o convenio colectivo do persoal dos institutos de investigación sanitaria e de Medicina Xenómica.
Canto á administración de Xustiza, a central sindical reivindicou unha dotación orzamentaria suficiente para “a verdadeira implantación do expediente electrónico”, así como para a instauración das relacións de postos de traballo derivadas da aprobación da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa.
Complementos específicos
Pola súa banda a CIG-Administración Autonómica denunciou que, coa Lei de Orzamentos para o ano 2025, a Xunta continúa coa posibilidade de modular ou eliminar a percepción dos complementos específicos que retribúen as condicións de servizo específicas do persoal funcionario. “Desta forma pretende reducir o salario do seu persoal nas baixas, conciliacións, vacacións... ou cando considere que parte do servizo non se presta por carteleira ou polas condicións das funcións ou do traballador/a”.
Advertiron ademais que a lei de orzamentos perpetúa os recortes do 2012 polo que mantén suspendidos: o dereito a 9 días de "permiso por asuntos persoais sen xustificación", quedando reducidos a 6; dereitos relativos a "descansos e festivos"; dereitos de comedor; gratificación por xubilación e cuestións relativas a períodos de descanso en Nadal e Semana Santa. Ademais, denuncian que segue sen aplicar o grupo B integrando ao persoal nun grupo inferior (C1) e muda as funcións de varias escalas.
Afirmaron, canda isto, que a Xunta non aceptou ningunha proposta de mellora na LEPG, como a de recoller os dereitos do V Convenio e que así o persoal laboral non perda os seus dereitos pola funcionarización masiva. Como “tamén ignora que ten que baixar as horas semanais sendo a administración galega unha das poucas que queda sen aplicar as 35 horas, ademais de negarse a tratar os concursos permanentes ou unha promoción interna real”.