A área pública da CIG mobilízase pola retirada dunha reforma do EBEP que non dá solución ao persoal interino e temporal
A área pública da CIG realizou concentracións este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense en demanda da retirada da reforma que o Ministerio de Función Pública pretende introducir no Estatuto Básico do Empregado Público. Esta reforma do EBEP, sen procesos de consolidación e sen claros mecanismos de sanción, non soluciona o problema nin busca saída para o persoal interino ou temporal que durante anos foi vítima da temporalidade abusiva.
"O Ministerio pretende resolver o problema da temporalidade no emprego público poñendo na rúa a todo o persoal temporal e interino. E isto non o imos permitir", subliñaba Xabier Picón, voceiro da área pública da CIG, advertindo ademais, que a proposta do equipo de Miquel Iceta, non só non atende á xurisprudencia emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea senón que mesmo dá as costas, entre outras, a resolucións xudiciais da Sala do Social do TSXG.
Eliminar a taxa de reposición é fundamental
Para a CIG, non se pode abordar unha reforma do EBEP sen eliminar primeiro as taxas de reposición de efectivos, que impiden ás distintas administracións públicas poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.
"Estas limitacións están impostas por unha norma básica estatal que o goberno ten que retirar, e a partir de aí buscar unha solución ao problema de temporalidade, que foi fomentado precisamente por esas taxas de reposición que se manteñen dende hai máis de dez anos", sinalou.
A CIG insiste en que non se pode pretender liquidar esta problemática "simplemente deixando na rúa a todo este persoal que leva anos prestando servizos nas administracións públicas, e sen darlle antes unha solución ás preto de 300.000 persoas que están agora mesmo en situación de temporalidade". Un obxectivo que, criticou, non recolle a proposta que o ministro trasladou o pasado 24 de maio á Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado.
Neste senso, a CIG considera que debe articularse unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada, apostando por uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece a súa especificidade (educación, sanidade).
De igual xeito, para a central nacionalista resulta fundamental fixar un marco sancionador moi estrito e contundente con aquelas administracións que incumpran a norma, identificando ás persoas responsábeis dos órganos que non cumpran. Mais tamén deben existir medidas reparadoras co persoal temporal que foi ou é vítima do abuso na contratación temporal.
Escurantismo nas negociacións
Xunto a isto, Picón criticou a falta de transparencia na negociación, pois malia o Ministerio asegurar que o 4 de xuño estarían pechadas as negociacións, "dende o momento no que a CIG fixo pública a proposta de reforma do EBEP, as reunións foron suspendidas".
Para a CIG isto é un indicio claro de que hai unha negociación na sombra cos sindicatos estatais (CCOO, UGT e CSIF) para logo presentar unha documento previamente “cociñado” e que volva a caer nos erros dos acordos de 2017 e 2018.
Por iso, o voceiro da área pública da CIG "esixiu que a negociación sexa totalmente transparente e que todas as centrais sindicais con representación na Mesa Xeral teñamos un coñecemento exacto do que se está a falar".
Mobilización na Xunta de Galiza
A área pública da CIG continuará co calendario de mobilizacións o vindeiro luns, 28 de xuño, cunha concentración diante do edificio da Xunta en San Caetano, xa que a elevada temporalidade, maioritariamente froito do abuso na contratación e claros exemplos de fraude, se dá en todas as administracións, "que están sacando ofertas de emprego público sen darlle solución ao persoal afectado".