
A Área Pública da CIG mobilizarase para demandar do Goberno estatal unha mellora salarial que recupere as perdas do pacto con CCOO e UGT

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) mobilizarase o vindeiro xoves, día 24 de abril, ás 12:00 horas diante da Delegación do Goberno da Coruña para demandar unha suba retributiva que recupere a perda de poder adquisitivo que sufriron as persoas empregadas públicas e reclamar que se aborde na Mesa Xeral das Administracións Públicas a xubilación parcial que o Goberno pretende implantar sen negociacións coas organizacións sindicais.

No ano 2022 a CIG foi moi crítica co acordo retributivo que CCOO e UGT asinaron co goberno estatal naquela altura, xa que todo indicaba que ía supoñer unha perda de poder adquisitivo. Rematada a vixencia do mesmo, prevista para o período 2022 - 2024, confirmáronse as denuncias que a CIG fixo durante os tres anos cifrándose esta perda nun 2,30%.
O resumo destes tres anos é o seguinte:
- A comezos do ano 2022, CCOO e UGT asinan unha suba salarial do 1,5% cando o IPC estaba daquela no 4%, e no mes de setembro, cando asinan dito acordo, engádese unha suba salarial con carácter retroactivo do 2%. É dicir, un 3,5% en total para aquel ano, cando no mesmo momento da sinatura levábanse tres meses consecutivos co IPC interanual por riba do 10%. A finais de 2022 confírmase o que era obvio, unha perda de poder adquisitivo do 2,8%
- Para o ano 2023 o acordo fixaba unha suba salarial do 2,5% ao que se engadirían dúas subas do 0,5%, ao pasar o IPC harmonizado do PIB do 6%. É dicir, a suba total é do 3,5% rematando o ano cun IPC do 3,10%. A suba, por riba do IPC non compensaba a perda do ano anterior.
- No 2024 a suba foi do 2%, aumentando un 0,5% mais ao ser o IPC harmonizado dos últimos tres anos maior do 8%, é dicir, unha suba do 2,5% cando se pechou o ano cun IPC interanual do 2,8%. Polo tanto de novo unha perda de poder adquisitivo do 0,3%.
Polo tanto o balance final destes tres ano danos unha suba salarial do 9,8% fronte a unha suba do IPC do 12,10%. É dicir, pechamos este trienio cunha suba dos salarios dos empregados e empregadas públicos por debaixo do aumento do custo da vida.
A situación actual é que o goberno do Estado aínda non executou a suba do 0,5% do ano 2024 que se contemplaba no acordo ligado ao IPC dos tres anos anteriores, nin fixou ningunha data na que vaia ser efectiva. Tampouco comezou ningunha negociación para un aumento retributivo para 2025 e os vindeiros anos.
Proposta da CIG
A dignificación do noso traballo pasa por unhas retribucións xustas e que non se permita que perdamos poder adquisitivo. Porén, levamos mais de quince anos, con gobernos tanto do PSOE como do PP, sufrindo unha depreciación continuada dos nosos salarios. Desde o 2010 o noso poder adquisitivo reduciuse en case un vinte por cen (19,69%). Todo isto sen esquecer que seguimos coas pagas extras recortadas, tanto por decisións dos gobernos estatais como do galego (A Xunta do PP negouse a devolver a parte das extras recortadas entre os anos 2012 e 2016).
Para a CIG é esencial que calquera acordo retributivo estableza unha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei, para garantir que se manteña o poder adquisitivo no emprego público, á vez que se negocia a recuperación do que se perdeu cando menos como froito do último acordo.
Así mesmo, considera que para este ano debería fixarse unha suba salarial do 5% e restablecer as pagas extraordinarias completas, recortadas no ano 2010 e que ningún goberno desde entón recuperou, como primeiro paso para a recuperación económica do persoal empregado público.
Xubilación parcial
A xubilación parcial, aquela que consiste en simultanear o traballo activo coa condición de pensionista, non é de aplicación para o persoal funcionario e estatutario. Está regulada con carácter xeral para o Réxime Xeral da Seguridade Social nunhas condicións moi empeoradas ao respecto das que había até o ano 2013. Até daquela unha persoa podía xubilarse con 61 anos, como máximo nun 85% do seu tempo de traballo e realizando o 15% restante dun xeito agrupado ou repartido até o momento da xubilación completa, dependendo de como se acordase coa empresa. A reforma das pensións de 2013 impuxo recortes neste tipo de xubilación, tanto na idade para acceder a ela como na porcentaxe de acceso á xubilación, entre outros.
Neste mes de abril entrou en vigor unha nova reforma desa xubilación parcial que só pode merecer un balance negativo por parte da CIG ao non recuperar as condicións existentes antes dos recortes e mesmo empeorar algunha das condicións para acceder a ela.
En paralelo a todo isto, o Ministerio de Función Pública anuncia unha futura negociación para aplicar a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, tanto da Seguridade Social como de Clases Pasivas.
A realidade é que de momento non se iniciou ningunha negociación mentres que o Goberno xa deu novos pasos. En concreto, está en tramitación no Congreso dos deputados a Lei da Función Pública do Estado, na que tamén se aproveita para a modificación do Estatuto Básico do Empregado Público, afectando por tanto á totalidade do funcionariado de todas as administracións.
As emendas presentadas polo PSOE na tramitación desta lei mudan as normas de xubilación do EBEP e implican fixar a xubilación forzosa aos 72 anos fronte aos 70 actuais e fixar unhas normas de xubilación parcial polas que só se podería xubilar parcialmente unha persoa con 33 anos de servizo (25 se ten unha discapacidade superior ao 33%) cando falten tres anos para a súa xubilación ordinaria e cunha xubilación no primeiro ano entre o 20% e o 33% para pasar nos dous seguintes a ser entre o 25% e o 75% do seu tempo de traballo. Estas medidas só merecen o rexeitamento da CIG polas formas, sen previa negociación, e polo fondo.
Proposta da CIG
Fronte aos pactos sindicais e as reformas que endureceron as pensións públicas, a CIG mantén a demanda de recuperar a idade obrigatoria de xubilación aos 65 anos ou até acadar os anos necesarios de cotización para percibir a pensión máxima e restablecer o dereito a xubilación parcial aos 61.
Ademais a CIG mantén como obxectivo principal conseguir o dereito indefinido á xubilación anticipada de todo o persoal funcionario e estatutario, tanto do que mantén ese dereito (Clases pasivas) como de quen xa non conta con el (Réxime Xeral da Seguridade Social).
Por todo isto a CIG, como sindicato maioritario na Galiza, exixe a paralización da tramitación no Congreso da modificación do EBEP mentres non se produza a negociación con todos os sindicatos que, como a CIG, forman parte da Mesa Xeral das Administración Públicas.