A Área Pública da CIG denuncia que a Xunta se limitará a aplicar en Galiza o acordo asinado en Madrid cos sindicatos españois
Os representantes da Área Pública da CIG rexeitaron esta mañá, na Mesa Xeral de Función Pública, a proposta de incremento salarial presentada pola Xunta de Galiza. Denuncian que o Goberno galego se limitou a trasladar mimeticamente o acordo asinado na mesa estatal, que suporá que o persoal empregado público perda arredor dun 10% do seu poder adquisitivo nos próximos tres anos, sen incluír ningún incremento propio.
A CIG xa expresou con total claridade a súa rotunda crítica tanto ás formas, como ao fondo dun pacto sindical a nivel do Estado que implica que haxa sindicatos que asumen que as e os empregados públicos deben seguir perdendo poder adquisitivo nos próximos anos. “Non lles chegaba, nin ao Goberno nin a quen lles pacta todo, con que levemos perdendo poder de compra desde 2010 e que os nosos salarios vallan agora case un 20% menos que naquel ano; agora pactan perder neste ano 2022 e nos dous próximos unha porcentaxe que nos levará a depreciar ao redor dun 30% o que cobramos ao respecto dos prezos da vida”, denuncia Suso Bermello.
A Área Pública da CIG denuncia ademais que CCOO, CSIF e UGT deron por bo que se negocie fóra dos ámbitos de negociación e que o Goberno español, dun xeito vergoñento, decidiu non convocar a sindicatos incómodos como CIG e ELA, maioritarias en Galiza e Euskadi. Finalmente, foron CCOO e UGT os que asinaron un “pacto de perdas” que agora a Xunta “copia e pega” para aplicarllo a todo o seu persoal.
A Xunta, sen intención de negociar
Por iso criticou que non houbese ningún tipo de intención de negociar por parte da Xunta e que se convoque, con carácter estritamente formal, unha Mesa para dar traslado dun novo recorte de dereitos no que, polo que se ve, a Xunta quere ser cómplice do goberno español e dos sindicatos que apoian a vergoña do “pacto de perdas”. O sindicato maioritario no sector público galego incidiu en que no noso país a perda de poder adquisitivo é aínda maior ao ser máis elevado o IPC que na media estatal e demandou que a Xunta propoña un incremento retributivo que poida mitigar a perda que implicará o pacto estatal.
Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG denuncia que na lei de Orzamentos, a Xunta manterá suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos de mellora retributiva asinados con anterioridade ao ano 2017. Nomeadamente os acordos retributivos asinados no SERGAS e o pagamento para completar os meses de verán ao profesorado, que traballa un mínimo de cinco meses e medio facendo substitucións durante o curso escolar, ou a suspensión do artigo 19 de V Convenio Colectivo da Xunta CCU e as relativas á suspensión de determinados artigos do Acordo de condicións do SPIF. Igualmente se mantén bloqueada a recuperación dun fondo de acción social na contía e para as modalidades nas que existían até os recortes aplicadas polo PP.
A central sindical rexeitou ademais que se manteña a taxa de reposición e que o goberno galego non una a súa presión política á demanda sindical da CIG para vencer o control político e económico que o goberno estatal provoca coa prohibición de ofertar máis prazas nos procesos selectivos por riba das xubilacións.
Os representantes da Área Pública demandaron un incremento das indemnizacións por razón de servizo (aquelas que se cobran cando unha empregada ou empregado público percibe polo cumprimento dunha función que vai máis alá do seu traballo ordinario, como formar parte de tribunais, etc) xa que son totalmente insuficientes para cubrir os gastos de desprazamento ou manutención coa elevada carestía da vida e, especialmente, dos combustíbeis.
Propuxeron tamén que se pague o prorrateo da atención continuada nos períodos de IT no SERGAS, sobre todo tendo en conta que a prestación de noites e festivos non é voluntaria e defendeu que remate a limitación das substitucións do persoal da Administración Xeral en determinados sectores en vez de admitilas con carácter xeral.
Contratacións a través de entidades instrumentais
A Área Pública da CIG opúxose a que se fagan contratacións financiadas cos fondos da UE ou do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través de entidades instrumentais ou mediante encomendas de xestión coas mesmas e propuxo que as sentenzas de indefinición deben implicar a creación dun posto de traballo e non a adscrición a un xa existente.
Respecto da integración do corpo de PTFP no corpo de PES a CIG reiterou a súa proposta de que non quede ningún docente sen cobrar o equivalente ao subgrupo A1, ben sexa pola súa integración ou polo pago dun complemento compensador. Igualmente, o sindicato demandou que todo o persoal interino teña recoñecidos eses mesmo dereitos e coa mesma data de efectividade e urxiu á negociación dun cambio nos orzamentos para poder dar resposta á demanda da CIG de recuperar o horario lectivo do profesorado que tiña antes dos recortes impostos pola Xunta.