A Área Pública da CIG demanda da Xunta que acate as sentenzas e pague a parte devengada da extra de 2013
A secretaria nacional da CIG-Administración, e portavoz da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña explicou que para o persoal laboral, nos anos 2014 e 2015 o TSXG, foi ditando sentenzas favorábeis aos conflitos colectivos relativos ao persoal laboral da Xunta de Galiza, Universidades galegas, e entes o organismos públicos dependentes da administración pública galega. Sentenzas que foron recorridas pola administración e que vén de ratificar o Tribunal Supremo.
“Temos constancia xa de que o Supremo recoñeceu en firme o dereito a cobrar a parte devengada da extra de 2013 do persoal de Portos de Galiza, persoal do V Convenio da Xunta, INGACAL, IGAPE, Fundación para o Fomento da Calidade Industria e Consorcio Galego de Benestar Social”, explicou López Santamariña, quen matizou a respecto do Consorcio que este organismo foi o único que xa anunciou a súa intención de pagar de oficio a parte devindicada, tras da sentenza do Tribunal.
Persoal funcionario
Respecto do persoal funcionario sinalou que o longo do ano 2015 e deste estanse recibindo numerosas sentenzas de distintos xulgados do contencioso que recoñecen tamén o dereito a percibir a parte devengada ata 1 de marzo de 2013 tanto de persoal docente como persoal estatutario do SERGAS, da administración xeral e universidades, entre outros. “Hai ademais 5 sentenzas que recoñecen o dereito a cobrar a extra completa”, subliñou a secretaria nacional de CIG-Administración.
López Santamariña salientou ademais que hai uns días o TSXG emitiu unha sentenza que confirma o recorte ilegal feito pola Xunta de Galiza e ratifica a sentenza ditada polo contencioso. “Despois desta sentenza non cabe dúbida sobre o dereito a percibir a parte proporcional devengada do complemento específico da paga extra de 2013 para todo o persoal que depende da Xunta”, afirmou.
Respecto desta cuestión a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, engadiu que a propia xustiza estalle dicindo á Xunta que “ten que cumprir as súa propia lei de orzamento de 2013, aprobada no parlamento, e que en base a esa lei, que entrou en vigor o 1 de marzo dese ano, as traballadoras e traballadores públicos teñen dereito a percibir a parte do complemento específico devengado nos meses de xaneiro e febreiro”.
Abuín matizou ademais que por cada día traballado o persoal dependente da administración pública galega ten dereito a percibir un día de salario e 1/180 de paga extra.
A día de hoxe a Área Pública da CIG ten pendentes máis de 1.000 reclamacións e recursos. “Á vista das sentenzas que se están ditando é un absurdo que a administración obrigue a continuar co trámite xudicial tendo en conta que todas as resolucións relativas a esta cuestión van no mesmo sentido”.
Por iso Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, denunciou que “estamos ante unha actuación irresponsábel, despilfarradora e insubmisa ás resolucións xudiciais, que se fora imputábel a calquera cidadán tería consecuencias penais, na medida en que no ámbito xudicial está resolto este conflito mentres que é a Xunta quen está decidida a incumprilo”.
Unha situación que o levou a exixir que “cese nesta actitude, que supón obstaculizar o traballo da Xustiza e sobrecargar de traballo os xulgados, obrigando ademais os seus traballadores e traballadoras a recorrer individualmente”.
Custos para a administración
A Área Pública da CIG denunciou, diante disto, os custos nos que o goberno do PP está metendo a administración ao optar por recorrer as sentenzas que logo chegan de volta en firme e con imposicións de costas que van entre os 100 e os 400 euros. “Facendo unha aproximación, se todo o persoal da administración galega –arredor de 100.000 traballadores e traballadoras- fixeran a demanda nos atopariamos cuns 20 millóns de euros só en concepto de costas”.
Ademais de reclamar o pagamento do adebedado de 2013 de oficio, cuestión para a que a Área Pública xa solicitou unha entrevista co conselleiro de Facenda, reiterou que a CIG seguirá demandando que “nos devolvan tamén o roubado nos anos 2014, 2015 e 2016.