A Área Pública da CIG denuncia que o persoal empregado público perderá un 33% de poder adquisitivo
A Área Pública da CIG manifesta o seu máis rotundo rexeitamento á negociación que se está desenvolvendo entre o Goberno e as organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT, burlando a Mesa Xeral das Administracións Públicas e pactando, pola porta de atrás, unha suba salarial que aboca ao persoal do sector público a unha perda de poder adquisitivo, entre 2010 e 2024, do 33%. Unha negociación da que, ademais, foi excluída a CIG, sindicato máis representativo e maioritario no sector en Galiza.
Así o explicaron os secretarios nacionais da CIG-Ensino, Suso Bermello, CIG-Administración, Luis Carballo, e CIG-Saúde, Manuel G. Moreira –federacións que conforman a Área Pública da CIG- , que compareceron esta mañá en rolda de prensa.
Proposta da CIG
Carballo -que desmentiu que se estea convocando a Mesa Xeral, como din os sindicatos estatais- explicou que diante desta situación a CIG dirixiuse por escrito tanto ao Ministerio de Facenda como á Ministra, María Jesús Montero, solicitando a convocatoria da Mesa Xeral e trasladando unha batería de propostas que poderían servir como base para, a partir de aí, recuperar o poder adquisitivo e as condicións laborais do persoal das administracións públicas. Escritos dos que a central sindical non obtivo resposta algunha.
Incidiu en que para a CIG “é vital non falar só de salarios” de cara aos orzamentos de 2023, porque hai cuestións esenciais que abordar, como a derrogación da reforma laboral para poder eliminar a taxa de reposición, que aínda se mantén, e impide a creación de emprego. Por iso denunciou a convocatoria do Ministerio de Seguridade Social de 1.600 postos temporais, en pleno proceso de estabilización, “que contradín o que marca a UE de acabar coa temporalidade” e que provocarán que “non só non acabemos con ela, senón que mesmo a incrementemos”.
Consciente do escenario de crise no que estamos, a Área Pública da CIG incluía, nesa batería de propostas, a demanda dun incremento salarial do 5%, con efectos retroactivos, para 2022; o 5% para 2023 e outro 5% para 2024. Isto xunto coa inclusión dunha cláusula de garantía salarial -da que o goberno non quere oír falar e que se está incluíndo nos convenios no sector privado- para evitar unha perda de poder adquisitivo que xa supera o 17% a esta altura.
Perda dun 30% do poder adquisitivo en 2024
Por iso o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, cualificou os pactos “de mesa camilla” aos que están chegando os sindicatos estatais, “sen ningún tipo de amparo legal”, como “unha nova traizón ás empregados e empregados públicos”.
Apuntou que desde 2010 os únicos acordos retributivos que houbo “foron pactados entre o Ministerio de Facenda e eses tres sindicatos” e considerou aínda máis grave o que propón a Ministra Montero a eses sindicatos agora, que se traduce, no peor dos casos, en que a suba retributiva destes 3 anos sería dun 6% e que, para poder incrementar esa porcentaxe até o 9%, habería que ir cumprindo unha serie de requisitos. “Este ano vaise pactar que a suba retributiva sexa do 3,5%, levamos cobrado o 2% e, polo tanto, sería con efectos retroactivos desde xaneiro do 1,5%”, afirmou”. Fronte a isto, lembrou que o IPC avanzado polo INE é xa do 9% co que “están pactando unha perda do poder adquisitivo do 5,5%, como mínimo en 2022”.
Para 2023 a suba sería do 2,5% e podería chegar ao 3% sempre e cando o IPC dese ano fose do 6%. “É dicir, están dando por bo que, para poder cobrar o 3%, temos que perder outro 3% do noso poder adquisitivo”. Para 2024, o incremento sería do 2% ampliado ao 2,5% sempre que o IPC acumulado destes anos chegara ao 8%.
Ante isto concluíu que, ao chegar a 2024, a perda de poder adquisitivo chegará a se de un terzo. “Estaremos por riba do 33% do poder adquisitivo perdido entre 2010 e 2024”, denunciou, considerando isto “asombroso para un goberno que se chama progresista, pero aínda máis asombroso que as organizacións sindicais dean iso por bo”.
Xunto a isto Bermello denunciou tamén a negativa a recuperar as pagas extra completas, “un dos principais recortes destes anos, decretado polo Goberno Zapatero, que mantivo o Goberno Rajoy e agora tamén o Goberno Sánchez”, dixo. “Sería algo tan fácil como, non xa recuperar o que se nos quitou, senón simplemente que se inclúa dentro dun posíbel acordo que as pagas extra van ser completas a partir de agora”.
O persoal da Sanidade Pública sobrecargado
Outra das propostas que se “vende” como compensación dentro da proposta do goberno é a xornada de 35 horas. Compensación que segundo Manuel G. Moreira non se poderá aplicar na sanidade pública. “A aplicación da taxa de reposición ten unha efecto especial no noso caso”, dixo, “porque impide planificar os recursos en función das necesidades”.
Isto tradúcese en que “temos a profesionais sobrecargados/as en xornada que non van poder beneficiarse de ningunha redución de xornada a 35 horas, porque están facendo moitas máis por necesidades de cobertura asistencial e que van ser penalizados no seu poder adquisitivo dobremente: por estes sindicatos aceptar unha suba salarial que o que fai é consolidar a precariedade e polo incumprimento dos acordos retributivos previos”. Acordos asinados coa administración e publicados no DOG que, denunciou, “foron suspendidos coa desculpa da pasada crise económica” e que nunca foron recuperados.
Ante isto, a Área Pública convoca unha mobilización, o día 14 de outubro, diante da delegación do goberno da Coruña en resposta a esta situación. “Non imos quedar parados independentemente de que se convoque a Mesa Xeral. Imos dar resposta na rúa”.