A anunciada operación terrestre israelí de Gaza e a súa vertente xeopolítica

Dabid Lazkanoiturburu - 27 Out 2023

O chamado Sur Global, remiso a condenar a invasión rusa de Ucraína –que ve como un conflito entre potencias, cando non promovido por Occidente– ve confirmada en Gaza a dobre vara de medir deste. Cunha excepción, a da India

 Non hai palabras ante tamaño asañamento contra a poboación de Gaza. Unha atrocidade diaria tras outra que é posíbel que teña que ver cun plan israelí para «abrandar» –insoportábel palabra no ámbito dunha guerra– o suficientemente a Franxa para unha operación terrestre, máis aló de incursións puntuais como a de onte para probar a resistencia palestina e localizar posíbeis reféns.

 Moito se escribiu sobre as dificultades e riscos dunha invasión de Gaza a gran escala, máis se é ou se converte en ilimitada no tempo.

 Fálase estes días de que habería desavinzas entre o Goberno e o Exército israelí (Tsahal), que estaría impaciente por entrar.

 Teño para min que o deostado primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, non ten xa moita marxe de manobra, aínda que nunca se pode desbotar que un cadáver político busque aquilo de que «de mortos ao río». Se cadra, así se explique a súa airada reacción ante as medidas e contextualizadoras palabras do secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, quen lembrou que a brutal incursión de Hamas «non veu da nada».

 Como outra explicación complementaria para entender o tempo que Israel se estaría tomando para cumprir a súa ameaza de que «Gaza xa non será a mesma» –a non ser que decida arrasar totalmente con ela desde o aire (en camiño vai)–, hai que mirar a renuencia dos Estados Unidos e, sempre a un tempo e por detrás, dos seus aliados europeos.

 Está, dunha banda, o medo a que Irán se implique aínda máis incrementando os ataques de Hizbulah (xa van 30 mortos en enfrontamentos) e das milicias xiítas proiranianas en Siria e Iraq, onde as tropas estadounidenses foron obxectivo de trece ataques na última semana, sen esquecer aos huthís iemenís.

 The Wall Street Journal citaba estes días a fontes estadounidenses e israelís non identificadas que aseguran que Biden pediría a Netanyahu esperar ata que o Pentágono despregue unha ducia de sistemas de defensa antiaéreos para as súas tropas en países aliados como Kuwait, Xordania, Arabia Saudita e Emiratos Arabes Unidos, e non tanto ou rivais como Iraq e Siria. Todo iso en previsión de que Teherán e os seus aliados abrisen novas frontes en caso de invasión de Gaza.

 Hai analistas que o dan por feito e outros que dubidan de que a Teherán lle interese confrontar, sequera por delegación, cos EUA en pleno desxeo (desbloqueo de fondos iranianos, troco de prisioneiros...) e implicar de cheo á súa «xoia da coroa», léase Hizbulah.

 Tamén se fala de que Washington presiona a Qatar para que logre a liberación dos seus reféns (algúns falan de once vivos e unha trintena de mortos), seguindo o ronsel das dúas primeiras estadounidenses que soltou Hamas.

 Mais hai outra derivada: o temor dos EUA e de Occidente a allearse xa definitivamente do Sur Global pola súa dobre vara de medir respecto das guerras en Ucraína e en Gaza.

 A incursión de Hamas, que en clave xeopolítica buscou torpedear a normalización das relacións entre Israel e algúns réximes árabes, chega no peor momento para Occidente, enleado no apoio a Kiev tras unha ofensiva desatada por Rusia para abortar á súa vez a viraxe cara ao oeste de Ucraína.

 Con matices, os EUA e os seus aliados europeos manteñen o seu apoio a Israel. Contan co apoio das democracias liberais do Pacífico (Australia, Xapón e Corea do sur).

 Mais, como ocorre coa guerra de Ucraína, e máis aló de países satélites latinoamericanos e africanos, aí acaba o aliñamento con Israel.

 O chamado Sur Global, remiso a condenar a invasión rusa de Ucraína –que ve como un conflito entre potencias, cando non promovido por Occidente– ve confirmada en Gaza a dobre vara de medir deste. Cunha excepción, a da India do panhindú primeiro ministro Narendra Modi, quen basea o seu credo político no desprezo ás minorías, sobre todo a musulmá, e faise así mesmo perdoar ante Washington a súa equidistancia en Ucraína mentres fai negocios co petróleo ruso.

 Coa Turquía do islamita Erdogan, xa por libre en Ucraína e forzada, a pesar da recente normalización de relacións con Israel, a sacar a cara polos palestinos, máis si son os Irmáns Musulmáns de Hamas. Que dicir da rúa árabe, indignada cuns bombardeos israelís e unha limpeza étnica que se abeira, se non chega xa, ao xenocidio.

 O Kremlin mostrouse moi crítico con Israel. Posición sen dúbida loábel mais inusual, xa que historicamente –desde tempos da URSS–, Rusia tivo boas relacións co Estado sionista, sen esquecer, iso si, os seus lazos cos palestinos.

 En igual clave anticolonialista, a China de Mao sempre foi propalestina. No entanto,  e a medida de que se convertía nunha potencia económica e nun actor xeopolítico ineludíbel, China alimentou as súas relacións con Israel.

 O parón na transferencia de tecnoloxía de Tel Aviv a Pequín presionado pola Administración Biden e, sobre todo, a emerxencia do bloque sino-ruso como alternativa a Occidente levou a que China eleve a voz contra os abusos israelís en Gaza.

 E Xi e Putin teñen, como en Ucraína, a comprensión, cando non o aval, do Sur Global. Occidente, co seu apoio a Israel, pode quedar só, como en Ucraína, que a río revolto tenta agora gañar o de Netanyahu, renuente a até o de agora a implicarse nunha guerra polo peso electoral que teñen os israelís de orixe rusa (un 30% da poboación).

 Gaza e Ucraína como labaradas dunha nova Guerra Fría. Cunha ONU inmobilizada polas grandes potencias e desprezada por un Israel cuxa independencia impulsou hai 75 anos. Paradoxos.

 

[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 27 de outubro de 2023]