A Alianza Rural Galega insta a Xunta a revisar a modificación do Plano Forestal
Case tres anos despois de ter anunciado un novo Plano Forestal para Galiza e ano e medio despois de telo sometido a exposición pública, o presidente da Xunta anuncia que prevé telo aprobado no primeiro semestre de 2021. Porén, este anuncio é recibido con sorpresa polas entidades integrantes da Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM), as que critican que se pretenda aprobar agora de forma apresurada e sen debate social un documento que desde xuño de 2018 ficou metido nun caixón e sobre o que non se volveu falar nin en sede parlamentaria nin desde o goberno executivo, ficando paralizado sen razón aparente.
Ante tal situación, a Alianza Rural Galega pregúntase se o Plan forestal que agora pretende aprobar o actual goberno e que este tilda de “estratéxico para o futuro do monte galego” é o mesmo que someteu a exposición pública en xuño de 2018, ou ben se se trata dunha nova revisión ou dun documento ex-novo e diferente ao xa coñecido. En todo caso, a Alianza Rural Galega considera que a versión de revisión do Plano Forestal xa coñecida e sometida a exposición pública xa naceu viciada e fica invalidada, principalmente, por non proxectar os seus obxectivos e medidas a partir de datos certeiros sobre o estado actual, de distribución e composición dos diferentes tipos de formacións arbóreas na xeografía galega. Tal e como alegaron máis de 70 organizacións e colectivos, a proposta de modificación do Plano Forestal de 2018 baséase en datos absolutamente ficticios e desfasados sobre a situación da superficie forestal de Galiza, ao tomar como referencia os datos recollidos no IFN4 (Cuarto Inventario Forestal Nacional) que data de 2009, é dicir, de hai 11 anos.
Porén, conforme a Lei 7/2012 de montes de Galiza, o plan forestal galego, como instrumento básico para o deseño e execución da política forestal galega, debe elaborarse a partir da diagnose dos espazos e recursos forestais derivada da análise do Inventario Forestal de Galicia e doutros estudos ou análises que se consideren necesarios. Por tanto, e existencia dun inventario forestal galego é vinculante para poder aprobar unha reforma do Plan forestal conforme á legalidade vixente. Isto implica que mentres non haxa un Inventario Forestal Galego non se poderá aprobar a revisión do Plano forestal de Galiza.
Neste senso, o pasado mes de xuño a Xunta e as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela asinaban un acordo para elaborar o futuro inventario forestal galego, un instrumento que resulta chave á hora de identificar as deficiencias da situación forestal de Galiza e para poder asentar o futuro ordenamento do monte sobre datos que obedezan á situación real de ocupación das diferentes especies forestais. O inventario forestal galego, cuxa elaboración comezou o pasado mes de setembro, tamén vai con case dous anos de retraso desde que foi anunciado polo conselleiro de Medio Rural, Xosé González, que daquela consideraba necesario “incardinar” na reforma do plan forestal ese inventario en resposta “a unha vella demanda do sector”. Por tanto, non sería razoable nin acorde a dereito que, unha vez iniciado o proceso de inventario da masa forestal de Galiza, no que ademais se investiron 640.000 euros, se queira aprobar unha reforma do plan forestal baseada noutro inventario forestal desfasado desde hai máis dunha década e que proxecta unha situación actual do monte galego totalmente ficticia.
Así pois, a Xunta deberá revisar a proposta de modificación do Plano Forestal galego que se atopa en proceso de tramitación en función da diagnose que se obteña do novo inventario forestal galego e, por conseguinte, volver someter o documento resultante a participación e consulta pública.
Movementos erráticos no deseño da política forestal
O proceso de modificación do vixente plano forestal de Galiza caracterizouse desde un comezo pola falta de participación social e de transparencia no seu deseño e tramitación, absolutamente erráticos. En xullo de 2018, máis de 70 colectivos e entidades presentaron unha manchea de alegacións contra a proposta de revisión sobre as que non se recibiu ata agora resposta algunha por parte da administración galega. Logo de ano e medio sen noticias oficiais sobre o novo plano forestal e pouco despois da vaga de incendios de setembro (que asolou máis de 10.000 hectáreas en todo país e afectou significativamente ao Parque Natural do Xurés e á ZEC Macizo Central), o goberno da Xunta, sorpresivamente, destitúe o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto. Paradoxalmente, ao mesmo tempo, anuncia que a aprobación o plano forestal está próxima. Resulta chocante, cando menos, que a Xunta queira aprobar un plano forestal que se desenvolveu baixo o mando e dirección do director xeral que acaba de destituír.
Ademais, a Xunta vén de anunciar fondas mudanzas lexislativas en materia forestal ou agroforestal que obvian totalmente a tramitación en curso da renovación do plano forestal e a elaboración do primeiro inventario forestal galego. Nesta situación atópase a pretendida modificación da Lei de prevención e extinción de incendios forestais do ano 2007, en fase de elaboración, ou a Lei de recuperación de terra agraria que xa chegou ao parlamento e cuxos obxectivos e propósitos se definen sen ter feito antes unha análise rigorosa da actual configuración da superficie forestal galega, para o que tamén se precisa un inventario forestal actualizado.
Como engadido á confusión, recentemente, a Xunta tamén avanzou o seu apoio a proxectos de carácter industrial e “estratéxicos” para o sector forestal que aspiran aos fondos europeos de recuperación e que poderían condicionar no futuro en grande medida a demanda e a planificación do aproveitamento dos recursos forestais en Galiza. Tal é o caso da hipotética planta de viscosa anunciada pola Xunta para a fabricación de fibras téxtiles.