A alcaldesa de Guitiriz abandona o mandato co despedimento dos traballadores/as do GES
Tras vencer o prazo do ERTE decretado polo Goberno de Guitiriz en xaneiro para o persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, a alcaldesa procedeu a despedir por causas obxectivas os sete operarios que prestaban este servizo, "faltando así ao dito en xaneiro, cando asegurou que non habería despedimentos até que outro concello se fixera co GES".
Con esta medida, critica a CIG de Lugo-A Mariña, "a alcaldesa socialista abandona o Goberno municipal con sete despedimentos, coa destrución de 12 postos de traballo no Concello e coa extinción dun servizo público esencial como é o servizo de emerxencias". Para a CIG estas rescisións non responden á legalidade e polo tanto a central sindical vai presentar demanda por consideralos despedimentos nulos.
"Entendemos que a extinción do servizo dos GES e os despedimentos correspondentes non atenden a ningunha razón obxectiva, senón a un capricho da alcaldesa por desfacerse duns traballadores e traballadoras que lle resultaban incómodos por ter reclamado dereitos que lles eran propios, tal e como se ten demostrado nas resolucións da Inspección de Traballo e nas varias das sentenzas dos xulgados do social ao respecto", asevera o secretario comarcal de Organización, Lois Neto.
Custe para a veciñanza
Para o responsábel sindical "a deriva caprichosa da alcaldesa" vaille ter un alto custo ás veciñas e veciños de Guitiriz, tendo en conta que só estes catro meses de 2019 ao Concello vanlle supor o montante de 55.000€ entre salarios e indemnizacións, "e ademais para que non se prestara o servizo, cando de continuar co GES e estando en activo os traballadores, o salario deste persoal sería asumido ao completo entre Xunta e Deputación", apunta. A este custo, engade Neto, haberá que sumar a posteriori os salarios de tramitación e a asunción do persoal.
"Esta é a herdanza que a señora Regina Polín lle deixa á futura Corporación, herdanza debida exclusivamente á súa teimosía, ao seu capricho e a unha deplorábel xestión do persoal levada a cabo durante esta lexislatura".