A agricultura francesa no centro da crise capitalista

Romaric Godin - 06 Feb 2024

A agricultura francesa está a chegar ao final do seu desenvolvemento capitalista, e non hai solucións internas duradeiras para esta dobre crise, só solucións de emerxencia que agravarán a crise. A incapacidade do sector e dos poderes públicos para propor unha nova organización na que o beneficio xa non sexa central, senón na que se dea prioridade á necesidade de alimentar o país, non semella agoirar o final desta crise estrutural

 No imaxinario colectivo francés, a agricultura é vista como unha actividade á parte, unha actividade verdadeira, nobre e artesanal, que está a ser atacada pola industria do mesmo xeito que outrora tivo que ceder os seus excedentes á aristocracia ociosa. Esta imaxe no inconsciente colectivo, que se podería plasmar no “Angelus” de Millet, cadro datado en 1865, non ten en conta unha parte esencial da evolución recente do sector.

 A agricultura é ante todo unha actividade capitalista, moi industrializada e moi concentrada. Para comprender a súa crise actual, haina que analizar como tal. Así e todo, a evolución global deste sector é un reflexo case quimicamente puro dos impases do capitalismo contemporáneo.

 Tras a Segunda Guerra Mundial, o capitalismo agrario francés acelerouse, co apoio dos poderes públicos desexosos de convertelo nun sector competitivo no mercado mundial. Contrariamente á crenza popular, o obxectivo da produción agrícola francesa xa non era "alimentar Francia", senón afianzarse nos mercados mundiais e aumentar os beneficios.

 Até os anos 90, o sector agrícola era un dos máis produtivos da economía francesa. Como consecuencia, a produción era abondosa, os agricultores (e os intermediarios) podían confiar en que os volumes lles pagarían cada vez máis, mentres que os consumidores se beneficiaban de prezos máis atractivos.

 Nestas condicións, a apertura dos mercados internacionais permitiu á agricultura francesa especializarse nos cultivos máis rendíbeis e mecanizados para conquistar os mercados estranxeiros, mentres que os consumidores podían atopar produtos baratos procedentes de países menos produtivos.

 Sobre o papel, era o mellor dos mundos. Todo isto chegou ao seu final na década de 2000. Nese momento, a produtividade do sector agrario francés empezou a estancarse ou mesmo a diminuír, segundo un documento publicado en 2022 nunha revista das cámaras agrarias francesas. O documento estima que as ganancias de produtividade acumuladas entre 1980 e 2022 ascenden a 25.000 millóns de euros, pero tres cuartas partes desta suma explícanse polos aumentos de produtividade logrados antes de 1995.

O imposíbel retorno dos aumentos de produtividade

 Con esta viraxe, a situación do sector agrario mudou por completo. E máxime agora que o sector se enfronta a ventos en contra: crises ecolóxicas repetidas, competencia internacional cada vez máis forte e escaso crecemento da demanda mundial. Sen un aumento significativo da produtividade, a competitividade nos mercados internacionais está destinada a se deteriorar. O sector segue rexistrando un superávit comercial, pero Francia saíu do top 5 mundial e a súa cota de mercado estancouse en 2022, a pesar de que o ano fora moi bo grazas á crise de Ucraína.

 O resultado: a presión sobre as vendas non se pode compensar cunha maior eficiencia na produción. Noutras palabras, a presión sobre os beneficios é considerábel.

 Sen ganancias de produtividade, aumentar os beneficios non é tarefa doada. Pódense reducir os salarios reais por hora ou subir os prezos. Pero ningún destes métodos é realmente satisfactorio para o sector agrícola.

 É certo que os traballadores agrícolas seguen a estar moi explotados, sobre todo os temporeiros, que adoitan estar en situación irregular. Mais a meirande parte dos salarios do sector están a pagarse agora ás familias dos agricultores, o que explica que a súa parte no valor engadido se estabilizase entre 2010 e 2023, pasando do 19,4% do valor engadido subvencionado ao 19,8%. Pero vemos que esta partida non pode compensar a caída da produtividade.

 En canto aos prezos, tamén son unha arma perigosa. Os acontecementos dos dous últimos anos mostraron os límites da suba de prezos. En 2022, os beneficios do sector disparáronse grazas aos prezos. Os volumes aumentaron un 2,8% e os prezos un 17%. Pero o consumo de alimentos caeu ao baixaren os ingresos reais dos fogares. O resultado: en 2023, os prezos e os volumes caeron bruscamente, e o beneficio bruto do sector agrícola en 2023 diminuíu case un 8,5% interanual.

 Que outras solucións quedan? A primeira é o apoio público. En 2023, o Estado achegou 8.400 millóns de euros en subvencións, o que equivale ao 21,2% do valor engadido bruto do sector ou ao 92,4% dos salarios pagos. Trátase dunha axuda considerábel, pero que se estancou desde 2010. A súa antiga función de apoio á "modernización", é dicir, ao aumento da produtividade, cambiou, xa que agora compensa a ausencia de ganancias de produtividade.

 Pero estas subvencións non garanten o crecemento. O que queda é unha fuxida cara a diante: "investimentos" financiados con empréstitos para se modernizar unha e outra vez coa esperanza de que a produtividade volva subir. Desde hai anos, a baixada dos tipos de xuros permitiu que estes xuros pagos polo sector diminúan considerabelmente. En 2020, o importe dos xuros pagos foi de 381 millóns de euros, un 78% menos que en 2007.

 Foi un sopro de aire fresco para o sector, pero a festa acabouse: os xuros pagos en 2023 foron de 657 millóns de euros, o que supón un aumento do 72% en dous anos. Sobre todo, o recurso á débeda non mellorou a produtividade.

Unha dobre crise...

 O núcleo do problema do sector agrícola reside no estancamento da súa produtividade. Entre 2021 e 2023, os beneficios do sector medraron unicamente grazas á suba dos prezos, pero agora os prezos están a inverterse e están a presionar os produtores. O crecemento baseado unicamente nos prezos non é sostíbel no clima actual.

 Porque ese é o problema: a agricultura é unha especie de vangarda da actual crise capitalista, pero ela mesma está incrustada nesta crise. Se os salarios están baixo presión porque as ganancias globais de produtividade son baixas, unha estratexia baseada nos prezos, mesmo se os agricultores eliminan todos os intermediarios, é insostíbel a longo prazo.

 En realidade, a solución interna do capitalismo agrícola parece moi difícil de atopar. De onde vén o esgotamento das ganancias de produtividade? Os argumentos esgrimidos polas Cámaras de Agricultura na análise antes citada, en particular a caída da produción, non son convincentes.

 No seu lugar, hai que formular a hipótese de que este fenómeno está vinculado a razóns estruturais que poden ser numerosas, pero que están todas relacionadas coas consecuencias dun aumento moi forte da produtividade no pasado. A primeira explicación é similar á que propuxo o economista Robert Gordon en 2010, cando argumentou que, unha vez alcanzado certo nivel tecnolóxico, resultaba máis difícil obter beneficios de calquera nova innovación. Sobremecanizada, a agricultura francesa xa non tería reservas de ganancias de produtividade.

 Isto é tanto máis certo canto que o sector está moi concentrado, malia os repetidos recordatorios da súa "diversidade": entre 1982 e 2023, o número de agricultores reduciuse nun 75%, até 446.400.

 Pero esta hipótese pode, de feito, ampliarse aínda máis. A industrialización da agricultura no pasado conduciu a un dobre beco sen saída ecolóxico e económico.

 Non nos deteremos no primeiro problema, que é evidente. O uso excesivo de fertilizantes e praguicidas, así como a mecanización e a agricultura extensiva, destrúen os ecosistemas e contribúen ao cambio climático. En consecuencia, son a orixe de numerosas calamidades que lastran a capacidade de produción e os ingresos dos agricultores. Canto maior é o rendemento, maior é o risco para os beneficios futuros.

 Desde o punto de vista económico, a situación da agricultura francesa é unha boa ilustración dos límites da precipitada carreira cara á produción do propio capital. Ao industrializarse masivamente, o sector agrario adquiriu un stock considerábel de capital que hai que manter. Canto maior é a produtividade, maior é a necesidade de obter beneficios para manter o rendemento da actividade a pesar deste capital fixo. Así que hai que mecanizar aínda máis, o que agrava o problema.

 E cando desaparecen os aumentos de produtividade, este stock de capital fixo convértese nunha carga considerábel, mesmo cando diminúe o afán de lucro. Segundo as cifras do INSEE, o consumo de capital fixo na agricultura francesa pasou do 31,6% da renda bruta do sector, excluídas as subvencións, en 1980, ao 53,9% en 2023. Nestas condicións, a presión sobre os beneficios é considerábel e crecente.

 Para o expresar en termos marxianos, poderiamos dicir que o sector sofre actualmente unha deterioración da composición orgánica do capital: a parte do capital fixo impide a produción de beneficios suficientes para lograr unha rendibilidade satisfactoria dos investimentos.

 A parte do consumo de capital está a converterse en tal que a rendibilidade da agricultura francesa cae inexorabelmente. En teoría, a ausencia de ganancias de produtividade permitiría frear o fenómeno reducindo este consumo. Pero na medida en que tamén pesa sobre a rendibilidade, como vimos, non fai senón agravalo.

... e un beco sen saída

 Nestas condicións, as "normas" ou "impostos" que son precisamente as condicións que permiten manter a produción, respectando os ecosistemas e financiando as cuantiosas subvencións pagas ao sector, son para os responsábeis das explotacións atrancos inaceptábeis para a súa rendibilidade baixo presión. Atrapados no círculo vicioso da lóxica produtivista, buscan unha fuxida cara a diante que só conducirá a unha desfeita aínda máis segura.

 A indignación actual reflicte o beco sen saída no que está actualmente a agricultura capitalista francesa. Este sector, que para algúns como a historiadora canadense Ellen Meiksins Wood foi un dos primeiros motores do capitalismo, parece que se converteu no símbolo da súa dobre crise actual: ecolóxica e económica.

 A agricultura francesa está a chegar ao final do seu desenvolvemento capitalista, e non hai solucións internas duradeiras para esta dobre crise, só solucións de emerxencia que agravarán a crise.

 A incapacidade do sector e dos poderes públicos para propor unha nova organización na que o beneficio xa non sexa central, senón na que se dea prioridade á necesidade de alimentar o país, non semella agoirar o final desta crise estrutural.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 31 de xaneiro de 2024]