A afiliación á S.S. cae 3,4 veces máis do que sobe o paro malia asinarse case 100.000 contratos en Galiza en setembro
O mercado laboral non varía no mes de setembro. Coa fin do período estival, comeza a medrar o desemprego, a pesar do que se mantén unha elevadísima contratación debido á alta rotación e a escasa duración dos contratos. Isto, unido ao forte descenso da afiliación á Seguridade Social, moi por encima do medre das persoas desempregadas, amosa unha realidade laboral moi precaria, en parte oculta pola emigración, que é a que explica o desfase entre afiliación e paro rexistrado.
“Consolídanse en Galiza os efectos perniciosos das reformas laborais do PSOE e do PP”. Así se tira dos datos de paro rexistrado do mes de setembro, segundo o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle. “Esas reformas laborais que no seu día o actual presidente do goberno considerou que eran unha emenda á totalidade ás políticas laborais do PP e que, porén, hoxe, considera que son positivas aínda que haxa que mellorar a calidade do emprego”.
O desemprego sobe en Galiza un 1,15% respecto do mes anterior, o que equivale a 1.896 persoas desempregadas máis, alcanzando a cifra de 166.320 persoas rexistradas. E faino por riba da media estatal, onde o incremento do desemprego foi do 0,64%, case a metade.
Con todo esta tendencia é a acostumada neste mes, onde rematan parte das contratacións no sector servizos ligadas ao período estival e este ano non foi unha excepción. Proba diso é que foi en Servizos no único sector de actividade onde medrou o desemprego, concretamente un 1,32% en Galicia (2% na media do estado); na construción descendeu un 1,71% ( - 2,66% no estado español), e no sector industrial o descenso foi dun 0,11% ( na media do estatal baixou un 0,86%).
O descenso da afiliación á Seguridade Social é 3,4 veces superior ao medre do paro
Porén, malia seguir a tendencia estacional, o que pon en evidencia o fracaso das políticas económicas e laborais dos gobernos da Xunta e do Estado, e nomeadamente as súas consecuencias, é que a perda real de empregos foi moi superior ao medre do paro rexistrado. Os datos de afiliación á Seguridade Social amosan 6.500 persoas afiliadas menos, de media, que no mes de agosto o que dá nun descenso da afiliación 3,4 veces superior o incremento do desemprego.
Cartelle atribúe esta diferenza entre o paro rexistrado e a afiliación á Seguridade Social á forte emigración que se mantén e afirma que “os datos de paro rexistrado poderían ser moito peores de se ter en conta a terrible emigración de mocidade que sofre Galiza”.
Precariedade
No que atinxe á contratación, continúa coa tendencia dos últimos anos acadando todos os meses valores moi altos á marxe de cómo evolucione o emprego. Aínda así, non deixa de ser rechamante que incrementándose o paro rexistrado e descendendo a afiliación á Seguridade Social cheguen a rexistrarse 96.818 contratos no mes de setembro.
Este dato evidencia a enorme precariedade que sofre a clase traballadora galega porque deses case 100.000 contratos asinados preto do 90% foi baixo algunha das modalidades de contratación temporal e o 76,5% no sector servizos, casualmente o único sector onde medrou o desemprego.
O secretario confederal de Emprego da CIG denuncia, ademais do medre da temporalidade e da elevadísima rotación, que case a metade dos contratos temporais ou indefinidos asinados son contratos a tempo parcial. Iso xunto co feito de que practicamente a metade das persoas desempregadas non teñen cobertura e as que a teñen, na súa maioría son subsidios.
Por iso demanda a inmediata retirada das reformas laborais do PSOE e do PP que son as que están causando “este cada vez maior deterioro da calidade do emprego e non serven para reducir a taxa de desemprego brutal que hai no Estado español”.