A Administración "deixa de lado" a asistencia ás persoas con discapacidade do CAMF de Ferrol
As traballadoras e os traballadores do Centro de Atención a Persoas con Discapacidades Físicas de Ferrol (CAMF) acordaron en asemblea iniciar un calendario de mobilizacións para esixir do IMSERSO e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que contrate ao persoal necesario para atender ás persoas con diversidade funcional que residen neste centro. As protestas comezarán este xoves, 15 de febreiro, cunha concentración diante do CAMF ás 12:00 horas.
Na concentración participarán as traballadores e traballadores do centro e as delegadas e delegados do comité de empresa do persoal laboral da Administración Xeral do Estado na provincia da Coruña, para denunciar publicamente a situación na que se atopa o centro tras a decisión de ambos organismos estatais de suspender a contratación de persoal.
A actividade principal do CAMF, explican dende o comité, é a de prestar servizos de residencia, sanitarios e sociais a persoas con discapacidades que en moitas ocasións non poden valerse por si propias. Neste momentos o centro conta con preto de 100 residentes que precisan dunha atención moi especializada e continua.
Uso irregular da contratación temporal
O comité entende que a decisión de paralizar a contratación de persoal está derivada polos requirimentos da Inspección de Traballo emitidos tras as denuncias presentadas polo elevadísima contratación temporal e as irregularidades no uso da mesma. Así, sinalan, a representación social detectou que neste centro existía un volume de contratación temporal por circunstancias da produción que superaba os 2.000 contratos deste tipo nos catro últimos anos, e que case nunca superan os 14 días de duración.
Despois dun estudo polo miúdo, o comité interpuxo unha denuncia na Inspección pola "evidente a precariedade laboral que esta tipoloxía de contratación supón, a posíbel fraude de lei e as sospeitas de irregularidades na contratación e polo uso destes contratos para cubrir as numerosas prazas vacantes do cadro de persoal".
En outubro de 2017, a Inspección de Traballo emitiu un requirimento de obrigado e inmediato cumprimento, no que insta o IMSERSO a axustarse á legalidade no referente á contratación temporal. Deste requirimento o IMSERSO "fixo caso omiso", e desde o comité volveuse denunciar esta situación en xaneiro deste ano.
Ao Ministerio "non lle consta" esta problemática
Esta problemática foi trasladada tamén polas centrais sindicais á representación nas mesas de negociación de Madrid do IMSERSO e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, "nas que o primeiro di que están estudando a cuestión (levan case 5 meses de estudo) e o segundo que non ten constancia deste tema. Isto deixa claro o que lles preocupa a prestación dun servizo tan importante", denuncia o presidente comité.
Porén, a resposta da administración non foi a de realizar a contratación temporal conforme á lei, tal e como lle require a Inspección de Traballo, "senón que decidiron suspender a contratación temporal e isto está a ocasionar severas dificultades para prestar os servizos necesarios ás persoas que residen no centro". De feito, aseveran, a atención só se garante grazas ao esforzo que realizan as traballadoras e traballadores do CAMF, "que son os únicos conscientes de que nese centro traballan con persoas".