A actividade nos estaleiros de Ferrol fica parada na fin de semana ao non ir o persoal facer horas extra
A actividade nos estaleiros da ría de Ferrol permaneceu paralizada esta fin de semana ao non entrar ningún traballador ou traballadora facer horas extraordinarias. Instar o persoal a non realizar traballo fóra da xornada ordinaria foi un dos acordos adoptados polas centrais sindicas con representación na mesa de negociación do convenio do metal da Coruña ante a falta de movementos por parte da patronal.
A federación de Industria da CIG de Ferrol lembra que o sector do metal na provincia da Coruña está inmerso nun conflito para reivindicar un convenio digno, que xa levou á realización de catro xornadas de folga no mes de maio e á convocatoria doutras seis para este mes de xuño.
No marco deste conflito, CIG-Industria denuncia que algunhas auxiliares do naval, co beneplácito da empresa pública Navantia, están obrigando os seus traballadores/as a facer horas extraordinarias os sábados, domingos e festivos co obxectivo de recuperar esas xornadas de folga.
Por iso, os tres sindicatos acordaron instar o persoal a non realizar horas extra e por iso "puxemos piquetes informativos ás portas dos estaleiros o sábado e o domingo. A acollida por parte dos traballadores/as non puido ser mellor. Ninguén acudiu facer horas extra e os piquetes pasaron a ser algo meramente testemuñal", valora a CIG-Industria.
Explotación nas obras da plataforma Terranova II
Xunto a isto, a CIG ten denunciado na Inspección de Traballo a explotación á que están a ser sometidos moitos traballadores e traballadoras das industrias auxiliares que traballan na área de reparacións de Navantia, nomeadamente na plataforma Terranova II.
"Na madrugada do sábado, traballadores que saían da quenda de noite explicaban que teñen que aturar xornadas de 16 horas continuadas, con descansos de seis, e outras 16 horas de traballo. Mesmo comentaron casos nos que se traballaban 26 días seguidos, en xornadas de 10 horas ou máis, e tendo que ser o propio traballador quen solicitase un par de días de descanso cando o corpo xa non lle aguantaba".
Desproporcionado despregue policial
Malia a tranquilidade coa que discorreu a actividade dos piquetes informativos e que o persoal non entrou traballar, nun determinado momento do sábado "e sen que acontecese nin unha soa discusión, a policía apareceu nas portas do estaleiro cun despregamento desproporcionado debido a un chamamento da empresa pública Navantia". Unha situación que se repetiu na xornada do domingo.
Diante destes feitos, a CIG-Industria Ferrol denuncia, unha vez máis, a actitude de Navantia presionando para que tanto a garda civil como a policía acudisen ás portas dos estaleiros a impedir que os piquetes exercesen o seu lexítimo labor. "De pouco lles serviu", salientan, xa que ninguén foi traballar nin o sábado nin o domingo, "pero non deixa de ser gravísimo a actitude da dirección de Navantia".
A este respecto, engaden que a dirección da empresa naval coñece perfectamente o que está a acontecer na plataforma Terranova II, "que se explota e se coacciona á xente para que traballe en condicións míseras, pero o máis grave é que alentan e presionan as empresas auxiliares para que continúen así e mesmo tiran das súas influencias políticas para poñer ás forzas de seguridade do Estado ao servizo desta explotación".
Críticas tamén ao Concello de Ferrol
A federación de Industria denuncia tamén a colaboración do Concello de Ferrol neste desproporcionado despregamento policial ao facilitar valados tras dos que os piquetes informativos "foron practicamente engaiolados para evitar así que se puidesen dirixisen a falar cos traballadores/as. Faltoulle tempo ao Concello para enviar material e axudar a illar os piquetes. Mágoa que non sexa tan dilixente e eficaz para outras cousas".
Malia estas manobras, conclúe a CIG-Industria, "saíulles moi mal e os estaleiros de Ferrol e Fene estiveron paralizados esta fin de semana, algo que se vai repetir entanto non se chegue a un acordo para o convenio provincial do Metal".