A actitude regresiva da patronal racha as negociacións do convenio de produtos elaborados do mar
Despois de numerosas reunións en Madrid, as negociacións do convenio estatal do sector de produtos elaborados do mar veñen de paralizarse tras unha nova proposta involucionista por parte da patronal. A CIG-Mar rexeita un “convenio de miseria” e reivindica melloras substanciais para un sector sediado na súa maior parte en Galiza, formulando a posibilidade de mobilizacións.
Desde a CIG-Mar indican que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é un dos máis precarios de todo o sistema de alimentación. Por iso se marcan como meta a recuperación salarial, xa que desde 2010 as subas non lograron acadar sequera o aumento do IPC, empobrecendo unhas nóminas xa de por baixas.
A patronal, pola súa parte, vén de causar este luns 24 de setembro a ruptura das negociacións para un novo convenio despois de presentar unha proposta global regresiva que non contenta á parte social. “Se ben aumentaron a oferta salarial para o primeiro ano de vixencia, 2018, recortaron outro tipo de cuestións nas que se avanzara durante a negociación”, indican desde a CIG-Mar.
A plataforma formulada desde a central nacionalista xira en torno a un aumento importante nos salarios, unha paga extraordinaria prorrateada durante a vixencia do convenio, a redución da carga horaria, conseguir un plus de refrixeración debido ás baixas temperaturas nas que se traballa ou recoñecer outros pluses para traballos especiais, entre outros.
Tamén na necesidade de limitar e controlar a actividade das ETTs, así como de prohibir as cooperativas de traballo asociado ou as empresas multiservizos.
Mobilizacións no sector
Insisten en que o sector, implantado na súa maior parte en Galiza, ten un potencial de crecemento moi alto e que iso se debe reflectir na mellora das condicións dos milleiros de traballadores/as cos que conta.
Por iso, e despois da paralización das negociacións para o novo convenio, desde a CIG-Mar iniciarán un proceso de asembleas e interlocución con outras centrais de cara a mobilizar o sector.
Para rematar, salientan a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Alén do “enorme prexuízo” de termos que negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade maioritariamente localizada en Galiza cunha patronal, Conxemar, que ten a súa sede en Vigo.