A actitude da patronal da conserva aboca o persoal do sector a reclamar na rúa un convenio estatal digno
A actitude amosada pola patronal das conservas de peixe nas dúas últimas xuntanzas da mesa de negociación do convenio estatal, celebradas o martes e o mércores en Madrid, aboca o persoal do sector a ter que saír á rúa para reclamar un acordo digno. Así o aseguraron hoxe dende a FGAMT-CIG do Salnés, que celebrará unha asemblea de delegadas/os e afiliadas/os para abordar a situación antes de contactar co resto de sindicatos para facer unha fronte común.
Responsábeis da FGAMT-CIG compareceron este mediodía diante dos medios de comunicación en Vilagarcía para denunciar publicamente o comportamento do empresariado nas reunións para renovar o convenio, “xa que achegaron propostas que lonxe de servir para avanzar cara a un acordo supoñen dar dous pasos para atrás”.
Por iso consideran que a única saída posíbel queda agora mesmo é convocar mobilizacións. “A única responsábel é a patronal, porque as últimas propostas que puxeron enriba da mesa non garanten o poder adquisitivo dos cadros de persoal nin corrixen a fenda salarial existente na actualidade entre homes e mulleres”.
Ao mesmo tempo, critican que o único interese que ten o empresariado é ampliar a xornada de luns a domingo, “algo que levan intentando dende o principio das conversas, endurecendo aínda máis o convenio colectivo anterior”.
En consecuencia, dende a central anunciaron a súa intención de promover a unidade da parte social para facer unha fronte común sindical ante esta postura do empresariado, “que puxo enriba da mesa propostas que son unha provocación”. Neste senso, cualifican de“insultante” que despois de case nove meses de negociacións “presenten algo así”.
Asemblea informativa
Na CIG entenden que o conflito na rúa é a única vía para lograr un convenio digno e responsabilizan a patronal de que se teña chegado a este punto. “Intentaremos, xunto cos outros sindicatos, que o acordo final garanta os dereitos do persoal e non supoña un retroceso nas condicións laborais”.
Polo que fan un chamamento á responsabilidade da patronal, Anfaco, pero tamén á das empresas que participan na mesa de negociación, fronte ás que a central desenvolveu mobilizacións recentemente. “Teñen que reflexionar sobre a actitude que tiveron nas últimas xuntanzas, na súa man está que as protestas sexan máis ou menos contundentes”.
Finalmente, adiantan que nos vindeiros días celebrarán asembleas nas empresas para abordar a situación despois de falar coas outras centrais sindicais para consensuar un calendario de mobilizacións. Pero antes, este mesmo sábado día 4, a CIG levarán a cabo un encontro con delegadas/os e afiliados/as da central no sector para trasladarlles o acontecido nas reunións celebradas o martes e o mércores en Madrid.