Retomaranse mobilizacións na Inspección de Traballo se o Goberno segue sen resolver as deficiencias
Representantes do persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social compareceron o martes en rolda de prensa para advertir que retomarán as mobilizacións ante o incumprimento por parte do Goberno español do acordo para resolver a "calamitosa" situación que padece o organismo, tanto en materia de persoal como no relativo aos medios técnicos e organizativos.
A plataforma sindical explicou que se van realizar asembleas de traballadores e traballadoras nas distintas oficinas e, de non producírense avances, o seguinte paso será a convocatoria de mobilizacións na Inspección, sen descartar a folga.
Unha RPT necesaria para garantir o funcionamento da ITSS
Lembran que xa pasaron 15 meses dende a sinatura do acordo de 7 de xullo de 2021, no que se configuraba un novo modelo de Inspección, incluíndo a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo que permita dotar de máis persoal á ITSS e garantir o seu funcionamento adecuado.
En marzo pasado, ante a falta de avances na elaboración da RPT e o empeoramento da situación da ITSS, a plataforma sindical (na que están a maioría das centrais e asociacións profesionais que representan ao persoal do organismo) acordou iniciar mobilizacións e convocar folga. As mobilizacións quedaron en suspenso despois do compromiso do secretario de Estado de Traballo e Economía Social de dar unha solución no prazo de tres meses.
Porén, a día de hoxe, nin o Ministerio de Traballo nin o Ministerio de Facenda (que ten que autorizar o acordo) deron resposta "amosando unha clara falta de compromiso político deste Goberno para a aplicación do acordo e para resolver unha situación que raia no calamitoso".
Alertan que a precariedade de medios e persoal da ITSS foise intensificando nestes meses, mentres que o plan de choque deseñado polo Ministerio de Facenda e Función Pública "demostrouse incapaz de dar unha solución e mesmo se transformou nun problema adicional". Sobre esta cuestión, a representación social explica que as características retributivas do escaso persoal incorporado "rompen cos criterios que desde hai anos están vixentes no organismo, xerando unha dobre escala salarial e unha discriminación inxustificábel".
Desinterese por resolver os problemas estruturais
Pero máis alá dos erros cometidos á hora de implementar unha solución que cualifican de "parche temporal", o que preocupa á parte social é a lentitude e a teima do Goberno español por ocultar os problemas estruturais dun organismo "sobre o que cada día recaen tarefas adicionais, no que os obxectivos que se perseguen son cada día máis ambiciosos e onde as transformacións que operan no mercado laboral así o requiren", pero no que a forza real para poder afrontar as tarefas "é claramente deficiente e, sen dúbida, aboca a un fracaso completamente inevitábel".
Denuncian que neste escenario, "nin os responsábeis de Función Pública, nin sequera o propio Ministerio de Traballo e Economía Social atoparon oco no últimos seis meses para determinar como poder abordar as solucións definitivas". A representación do persoal lembra que a obriga de revisar a Relación de Postos de Traballo da ITSS, "é unha necesidade legal que vén sendo obviada desde a aprobación da Lei 23/2015 e os Estatutos do ITSS, en abril de 2018". A esta desidia, hai que engadirlle agora o incumprimento do acordo de 7 de xullo de 2021.