Milleiros de persoas claman por un cambio radical de políticas que garantan unha sanidade pública de calidade
Milleiros de persoas, chegadas de toda Galiza, participaron esta mañá na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública. O tempo convidaba a saír a rúa e Compostela recibiu ás e aos manifestantes cunha temperatura espléndida. Pero aínda que chovera a chuzos a rúa sería igualmente un bulir de xente, porque a situación da sanidade pública é unha das principais preocupacións das galegas e galegos que responderon, sen dubidalo, ao chamado da plataforma cidadá.
Nos días previos SOS Sanidade Pública denunciaba que a Sanidade Pública Galega “está en coma, na última fase do seu desmantelamento”. Para ilustrar esta denuncia facían un percorrido por unha situación que coñecen ben as usuarias e usuarios: centros de Saúde e PACs inaccesíbeis; consultas telefónicas en lugar de presenciais; centros masificados, sen pediatras nin persoal suficiente, con esperas de semanas; servizos de urxencias hospitalarios colapsados; listas de agarda hospitalarias manipuladas que ocultan máis da metade de doentes; servizos de Saúde Pública sen recursos para afrontar as epidemias; persoas maiores abandonados nas residencias e na dependencia e un persoal sanitario insuficiente que soporta unhas condicións laborais precarias e indignas.
A esta situación respondeu masivamente a cidadanía, cunha inmensa mobilización social e profesional para cambiar esta situación que SOS define como “aberrante e inaceptábel” e nunha praza do Obradoiro ateigada de xente a plataforma debullou as súas demandas e propostas para salvar o noso sistema sanitario.
Orzamento do 25%, como indica a OMS
Así demandouse incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custe do sector privado racionalizado. Isto xunto coa eliminación da derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados.
Exixiuse incrementar urxentemente o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; a incorporación aos equipos sanitarios de novas categorías profesionais necesarias, como psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, podoloxía, traballo social, atención temperá, nutricionismo, hixiene bucodental, ou optometría.
E reclamouse tamén o aumento do número de prazas de formación do persoal, ademais da acreditación de novos centros para a docencia. Priorización das consultas presenciais nos centros sanitarios, e remate das listas de agarda nos centros de saúde.
A plataforma cidadá exixiu a apertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos onde sexa necesario, cubrindo os servizos mínimos en todos e mellorando a súa dotación e equipamento. Control e coordinación de todos os procesos asistenciais do paciente dende a Atención Primaria.
Respecto do servizo de ambulancias, pediuse a súa reintegración ao sistema público; o aumento na dotación das mesmas para cubrir os servizos mínimos de persoal e equipamento e agrandar o número de ambulancias tanto as ‘asistenciais’ como as ‘medicalizadas’, número que na actualidade non chega para cubrir a demanda.
Listas de agarda
Canto ao enquistado problema das listas de agarda hospitalarias, propúxose a posta en marcha dun Plan Urxente para racionalizalas, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos; reapertura das camas hospitalarias clausuradas e recuperación dos servizos pechados dos Hospitais Comarcais, xunto coa modificación da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que favorece a derivación de pacientes ao sistema privado.
SOS Sanidade Pública defende que se garanta que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública, sendo os referentes os Centros de Atención Primaria, dotados axeitadamente, e en coordinación cos servizos sociais. E, por suposto, asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións, vergoñentas, no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.
Volta ao público
Respecto dos servizos privatizados, como os de Información, Historia Clínica, Receita Electrónica, Central de Chamadas, Loxística, Investigación e Docencia, reclamouse a súa reintegración ao Sistema Público ademais de recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e ampliar o número de camas segundo o proxecto inicial para dar cobertura a toda a poboación de Povisa.
Outra das cuestións na que se fixo especial incidencia foi na saúde mental. Para garantir a súa atención propúxose a elaboración, de forma consensuada, dun Plan de Saúde Mental que dote ao Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal axeitado e que garanta a presenza de profesionais de Saúde Mental na Atención Primaria.
Persoal sanitario
Pero garantir unha sanidade pública de calidade pasa tamén por garantir unhas condicións dignas para o persoal que a fai posíbel. Por iso a plataforma exixiu a eliminación da inestabilidade e precariedade laboral no Sistema Público e implementación dunha política xusta e incentivadora, ademais de contemplar que se pague a dedicación exclusiva só a quen a ten, é dicir, a quen traballa exclusivamente na sanidade pública e esixencia da acreditación especializada no novo persoal contratado.
Canda isto reclamáronse concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión do Sistema Público; erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo; restablecer as Xerencias de Atención Primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio.; transformar as Áreas Sanitarias para a recuperación da necesaria coordinación e xestión integrada da Atención Primaria, Hospitalaria, Saúde Pública e Atención á Dependencia e restituír as Áreas Sanitarias suprimidas.
Outra das cuestións abordadas foi a necesidade de reorientar o sistema ao «modelo comunitario e participativo», para garantir unha atención integral que actúe eficazmente sobre as cuestións determinantes que inciden na saúde ou desmedicalizar o sistema, e acabar co uso irracional e abusivo dos fármacos e das novas tecnoloxías, e poñer o eixo do mesmo na Atención Primaria.