A CIG conmemora o 10 de Marzo reclamando unha nova lexislación laboral e un marco galego de relacións laborais
A CIG saíu ás rúas este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para enfrontar a precariedade e a pobreza, reclamar traballo digno e que o marco galego de relacións laborais sexa unha realidade. O acto central desta xornada de reivindicación foi en Ferrol, onde ademais da manifestación se realizou a tradicional ofrenda floral no monumento 10 de Marzo. En Vigo e Compostela houbo manifestacións, mentres que na Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo, fixéronse concentracións.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou que, nun momento como o actual, no que ter un emprego xa non garante os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade e acceder a dereitos básicos como son a alimentación, a enerxía ou a vivenda, "cómpre saírmos a rúa para rematar coa precariedade, co abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua en todos os sectores públicos e privados; e para esixir unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega".
Mais tamén para reclamar a urxente posta en marcha dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e reforzo dos servizos públicos en Galiza; e "porque necesitamos facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais". "Poder exercer o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos, as nosas condicións de traballo, de forma directa e democrática, con solucións xustas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica", aseverou.
Medra a precariedade e a pobreza
Cando se cumpren dous anos da aprobación da última reforma laboral, fronte á propaganda os datos son teimudos: máis do 50% das familias en pobreza teñen emprego e unha de cada tres persoas traballadoras tiveron ingresos inferiores ao SMI. Sendo especialmente exemplo desta realidade, as mulleres e a mocidade.
"A reforma laboral fixo mudanzas de cara a que as estatísticas ofrecesen datos marabillosos de contratación indefinida, pero a realidade non mudou e a precariedade estendeuse baixo outras formas, mesmo abusando as empresas do uso do período de proba como contratación con despedimento libre", denunciou Carril.
Neste tempo, engadiu, constatouse o que a CIG xa advertira: as medidas recollidas nesta reforma, xunto cos recortes de dereitos que supuxo a reforma do Goberno do PP do 2012 non derrogada polo autodenominado Goberno máis progresista, ían supoñer de novo que a maioría social vería empeoradas aínda máis as súas condicións laborais e salariais.
"O capital non para de gañar máis a conta de ter un maior exército de man de obra barata, que vive da enorme incerteza do seu futuro, obrigada a unha permanente rotación de desemprego-emprego precario-desemprego", alertou.
Esta é a realidade que deixan as políticas laborais neoliberais implantadas desde o Goberno central para satisfacer as demandas da Unión Europea a cambio duns fondos que están a hipotecar o futuro, que aceleran o aumento das desigualdades e da pobreza en Galiza, con importantes sectores produtivos agonizando, "e que son o complemento perfecto para favorecer as nefastas políticas que o PP fai en Galiza".
Enfrontar as políticas do PP na Galiza
O secretario xeral da CIG lembrou que o Goberno de Rueda comparte estas políticas "e todas aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negando un desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares, a privatización dos servizos públicos, o imparábel avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego".
Ante esta crítica situación é necesaria a mobilización da maioría social tanto nos centros de traballo como nas rúas. "Non podemos permitir que o resultado das eleccións galegas do 18 de febreiro teña como consecuencia a desmobilización que facilite un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que o PP vén practicando nos últimos anos".
Na súa intervención ao remate da manifestación de Ferrol, Carril criticou que os gobernos "que negan o recoñecemento de máis dereitos e que substitúen os dereitos socias por programas de beneficencia social", contan coa complicidade de UGT e CCOO "que aplauden e se suman a estas medidas de axuste a través do diálogo social, verdadeiro enterrador de dereitos para a clase traballadora".Valorou o V AENC "como o último exemplo do nivel de entreguismo e renuncia sindical que practican ambos os sindicatos ante a patronal".
Unha data de loita e reafirmación
Nunha data de loita e reafirmación como esta, o secretario xeral da CIG destacou que a mellor homenaxe e lembranza que se lle pode facer a Amador e Daniel, ás loitas de marzo do 72, "é converter a ofrenda que acabamos de facer no monumento nun anovado compromiso na firme decisión de intensificar a acción sindical para mellorar na loita e na mobilización, para conquistar dereitos e conseguir políticas alternativas ante os Gobernos e a patronal, para a transformación da realidade galega, no obxectivo estratéxico que temos da conquista dunha Galiza ceibe e sen explotación".
Carril instou a "ir a máis" na capacidade de ampliar o potencial de crear sindicato, de organizar máis e mellor a clase traballadora galega, para confrontar o roubo e o saqueo que como clase e como pobo que estamos a vivir. E neste camiño, a CIG, como 1ª forza sindical, "e de acordo coa nosa mellor tradición de loita e combate, temos que asumir de forma decidida, combinando a resistencia e a mobilización coa nosa capacidade de facer propostas e de ter iniciativa".
Chamou a ter unha firme e atrevida decisión na acción sindical, maiores esforzos na construción de organización social, "de poder popular, para avanzar na conquista de dereitos, conseguir políticas alternativas e conquistar o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra".
O secretario xeral tamén fixo referencia na súa intervención á loita do pobo palestino. "Quen temos no anti-imperialismo e na solidariedade internacionalista sinais de identidade, hoxe temos moi presente a loita do pobo palestino e a condena ao xenocidio que está a executar Israel coa complicidade da UE e dos EEUU".