Documento


Regulación Temporal de Emprego

ERTE e Mecanismo REDE

Regulación temporal de emprego

WEB_GL_RegulacionTempEmprego.pdf (94.0 KiB)

    Regulación temporal de emprego:
ERTE e Mecanismo REDE

1. Regulación temporal de emprego
O Real Decreto-lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, modificou o artigo 47 ET que regula os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción (ETOP) e por forza maior.

1.1.  ERTE por causas ETOP:
•    O período de consultas terá unha duración máxima de quince días, excepto cando a empresa teña un persoal inferior a cincuenta persoas traballadoras; nese caso o período de consultas non excederá de sete días.
•    Admítese a prórroga do ERTE sen necesidade de tramitar un novo, após un período de consultas que non poderá exceder de cinco días de duración.

1.2. ERTE por forza maior temporal:
•    O procedemento iniciarase mediante unha comunicación simultánea á representación das persoas traballadoras e á autoridade laboral. Corresponde a esta constatar a existencia da forza maior.
•    Prevese a emisión dun informe preceptivo da Inspección de Traballo.
•    A resolución administrativa ditarase no prazo de cinco días desde a solicitude. En caso de non emitirse resposta neste prazo operará o silencio positivo (entenderase aceptada a existencia da forza maior).
•    En caso de se manter a forza maior unha vez finalizado do período do expediente, deberase solicitar unha nova constatación da existencia da forza maior.
•    A forza maior temporal poderá vir determinada por impedimentos ou limitacións na actividade normalizada da empresa que sexan consecuencia de decisións adoptadas pola autoridade pública (factum principis), incluídas aquelas orientadas á protección da saúde pública. Nestes casos seguirase o mesmo procedemento que no caso de forza maior temporal, aínda que con algunhas matizacións (por exemplo, o informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social non será preceptivo).

1.3. Elementos comúns aos diferentes tipos de ERTE:
•    Priorízase a redución de xornada sobre a suspensión dos contratos de traballo.
•    A xornada poderá reducirse entre un mínimo de 10% e un máximo de 70%.
•    A empresa deberá indicar o período dentro do cal se vai a aplicar a medida, a identificación das persoas afectadas e o tipo de medida a aplicar a cada persoa traballadora.
•    Durante a aplicación da medida poderase afectar ou desafectar persoas traballadoras.
•    Entanto dure a medida non se poderán facer horas extraordinarias, contratacións laborais nin externalizacións de actividade. Respecto da prohibición de externalizar actividades, só se permitirá cando os traballadores afectados pola medida non teñan a formación/capacitación suficiente para desenvolver as funcións requiridas.
•    Os beneficios en materia de cotización vinculados aos ERTE estarán condicionados ao mantemento de emprego e, nalgúns casos, ao desenvolvemento de accións formativas (ver apartado 8).
•    Durante a aplicación das medidas, as empresas poderán desenvolver accións formativas para as persoas afectadas co obxectivo de melloraren as competencias profesionais e a súa capacidade para a obtención de emprego. As empresas poderán ter dereito a un incremento de crédito para o financiamento das accións formativas.

2. Mecanismo REDE
Créase unha nova figura, o Mecanismo REDE de flexibilidade e estabilización do emprego (novo artigo 47 bis ET) que permitirá ás empresas solicitaren medidas de redución de xornada e suspensión de contratos de traballo en determinados supostos.

2.1. Supostos:
•    Cíclico: Cando se observe unha conxuntura macroeconómica xeral que aconselle a adopción de instrumentos adicionais de estabilización cunha duración máxima dun ano.
•    Sectorial: Cando nun determinado sector de actividade se observen mudanzas permanentes que xeren necesidades de recualificación e de transición profesional, cunha duración máxima inicial dun ano e a posibilidade de dúas prórrogas de seis meses cada unha.

2.2. Procedemento:
•    O Mecanismo REDE será activado polo Consello de Ministros.  Na modalidade sectorial, as organizacións sindicais e empresariais máis representativas a nivel estatal poderán solicitar a convocatoria dunha comisión tripartita que analice a necesidade de activar esta medida nun sector concreto.
•    Unha vez activado o Mecanismo REDE, as empresas poderán solicitar á autoridade laboral competente a redución de xornada ou a suspensión dos contratos. Simultaneamente comunicarase á representación legal das persoas traballadoras. Na modalidade sectorial debe achegarse un plan de recualificación.
•    O procedemento tramitarase consonte o previsto no artigo 47.5 ET para o ERTE de forza maior), previo desenvolvemento dun período de consultas nos termos regulados no 47.3 ET para o ERTE por causas ETOP, con algunhas especialidades.
•    A autoridade laboral deberá remitir a solicitude empresarial á Inspección de Traballo e solicitar o informe preceptivo desta sobre a concorrencia dos requisitos, que será emitido no prazo improrrogábel de sete días desde a notificación de inicio por parte da empresa á autoridade laboral.
•    O período de consultas pode concluír con acordo (a autoridade laboral autorizará a aplicación do mecanismo) ou sen acordo (a autoridade laboral resolverá estimando ou desestimando a solicitude en función da situación cíclica ou sectorial).
•    A autoridade laboral deberá resolver no prazo de sete días naturais desde a conclusión do período de consultas. No caso de que non recaia resolución expresa en tal prazo, as medidas teranse por autorizadas.

2.3. Elementos comúns das dúas modalidades do Mecanismo REDE:
•    Serán aplicábeis ás dúas modalidades do Mecanismo REDE tanto a posibilidade de prórroga como as outras medidas comúns a todos os ERTE previstos no artigo 47 ET.
•    As persoas traballadoras afectadas terán dereito a unha prestación específica do Mecanismo REDE.
•    Constituirase un Fondo REDE, que se nutrirá con excedentes das cotizacións por desemprego, achegas dos orzamentos e fondos da Unión Europea, para as necesidades futuras de financiamento de prestacións e exencións de cotizacións á Seguridade Social e os custos de formación
•    Durante a aplicación das medidas, as empresas poderán desenvolver accións formativas para as persoas traballadoras afectadas co obxectivo de mellorar as competencias profesionais e a súa empregabilidade.


Arquivos: