Documento
Liberdade sindical
Liberdade sindical
Normativa:
Lei Orgánica de Liberdade Sindical
Artigos 177 e seguintes da Lei da xurisdición social (sobre o procedemento xudicial de tutela da liberdade sindical)
O ordenamento xurídico estabelece que todos/as teñen dereito a sindicárense ou non, libremente, malia que limita ou exceptúa do uso deste dereito a determinadas categorías de empregados/as públicos/as. O seu exercicio delimítase en función de criterios como a maior ou suficiente representatividade sindical, delimitando, así mesmo, en función destes criterios as competencias correspondentes.
O dereito de liberdade sindical intégrase polos dereitos e facultades que identifican e permiten o seu exercicio. Comprende unha dobre vertente:
Individual: refírese ao dereito dos traballadores e traballadoras de fundar sindicatos e afiliarse ao da súa elección.
Colectiva: en canto dereito dos sindicatos ao libre exercicio da súa actividade, de cara á defensa e promoción dos intereses económicos que lles son propios e participación na defensa e promoción dos intereses dos traballadores e traballadoras.
1 Ámbito de aplicación
Todos os traballadores e traballadoras teñen dereito a sindicárense libremente para a promoción e defensa dos seus intereses económicos e sociais.
Este recoñecemento supón determinar as peculiaridades do dereito de afiliación, que se expón a continuación, e concretar o ámbito persoal de aplicación deste. O dereito recoñéceselles expresamente aos traballadores e traballadoras estranxeiros/as e os/as menores de 18 anos.
1.1. Dereito de afiliación a un sindicato
O dereito de afiliación permite as seguintes posibilidades:
• O traballador ou traballadora pode afiliarse ao sindicato da súa escolla, coa única condición de cumprir os seus Estatutos, ou separarse do que estivese afiliado/a.
• Así mesmo, implica o dereito do traballador ou traballadora a non ser obrigado/a a se afiliar a un sindicato.
1.2. Ámbito persoal
O recoñecemento do dereito de liberdade sindical a todos os traballadores e traballadoras obriga necesariamente a delimitar os seguintes aspectos:
• Quen son considerados para efectos desta lei suxeitos dunha relación laboral.
• Quen están suxeitos/as a unha normativa específica en canto á súa actividade sindical.
• Quen están exceptuados/as do exercicio deste dereito en virtude da propia natureza da actividade realizada.
- Traballadores ou traballadoras por conta allea.
Recoñécese expresamente aos traballadores e traballadoras por conta allea a posibilidade de sindicárense libremente. A regulación deste dereito realízase xeralmente a través da LOLS, malia que en determinadas ocasións se fai a través de normas específicas.
Quedan incluídos os/as funcionarios/as públicos/as suxeitos dunha relación de carácter administrativo ou estatutario ao servizo das Administracións Públicas. Exclúense os/as membros do exército, policía, garda civil, xuíces e fiscais.
- Traballadores e traballadoras por conta propia ou autónomos/as non empregadores/as.
Os traballadores e traballadoras por conta propia que non teñan traballadores e traballadoras ao seu servizo poden afiliarse ás organizacións sindicais constituídas, pero non fundar sindicatos que teñan precisamente por obxecto a tutela dos seus intereses singulares.
2 Constitución do sindicato
• Acta de constitución.
A constitución dun sindicato exixe o depósito da acta fundacional ou de constitución deste, así como dos estatutos da entidade que se constitúe.
• Estatutos.
Os estatutos do sindicato, que constitúen a norma interna fundamental, observarán certo contido mínimo que asegure o correcto funcionamento do grupo sen que se requiran intervencións legais. Deberán respectar o ordenamento xurídico legal, e deberán ser democráticos.
O depósito dos estatutos deberase realizar na oficina pública para o efecto e deberanse cumprir os seguintes trámites:
- A publicidade do depósito no taboleiro de anuncios desta e, no prazo de dez días, a publicación no DOG.
- Requirimento aos seus/súas promotores/as, por unha soa vez, para que nese prazo máximo doutros dez días emenden os defectos observados.
Aquí podes consultar os Estatutos da CIG.
3 Representatividade sindical
A liberdade sindical, recoñecida pola Constitución, conduce, de feito, á existencia dunha multiplicidade de sindicatos. Por isto, a Lei estabelece a quen lle corresponderá a representación dos intereses dos traballadores e traballadoras en determinadas materias, pois a súa eficacia minguaría notabelmente se se atribúe por igual a todos os sindicatos. Para tal fin, o ordenamento xurídico utiliza a noción de representatividade sindical como elemento corrector do pluralismo sindical.
Dentro desta definición de representatividade sindical, hai que distinguir dous niveis diferenciados que producen diversas consecuencias xurídicas:
• O da maior representatividade, xa sexa no ámbito estatal, xa no dunha comunidade autónoma.
• O da suficiente representatividade nun determinado ámbito funcional e territorial.
Os/as delegados/as de persoal e os membros do comité de empresa co mandato prorrogado non se computan para efectos de determinar a capacidade representativa das organizacións sindicais prevista na LOLS.
A condición de máis representativo ou representativo dun sindicato comunícase no momento de exercer as funcións ou facultades correspondentes. Para isto o sindicato interesado debe achegar unha certificación expedida ao seu requirimento pola oficina pública competente.
3.1 A maior representatividade sindical
A maior representatividade sindical só se recoñece a determinados sindicatos aos que se confire unha singular posición xurídica para efectos tanto de participación institucional como de acción sindical.
• Sindicatos máis representativos no plano estatal.
Son máis representativos no ámbito estatal os sindicatos que obteñan en tal ámbito o 10% ou máis do total dos/as delegados/as de persoal, dos/as membros dos comités de empresa e dos correspondentes órganos das Administracións Públicas, xuntas e delegados/as de persoal.
Son tamén máis representativos os sindicatos ou entes sindicais que estean afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito estatal que teña a condición de máis representativa de acordo co criterio básico da audiencia electoral.
Os sindicatos máis representativos no ámbito estatal teñen as seguintes competencias:
- Participación institucional. Dereito a ostentar representación institucional ante as Administracións Públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de Comunidade Autónoma que a teñan prevista.
- Negociación colectiva de eficacia xeral. Dereito á negociación de convenios colectivos de eficacia xeral, isto é, daqueles que, afectan a todos os traballadores e traballadoras e empresarios/as comprendidos/as dentro do seu ámbito de aplicación.
- Condicións de traballo nas Administracións Públicas. Os sindicatos máis representativos poden participar como interlocutores na determinación das condicións de traballo nas Administracións Públicas a través dos procedementos de consulta ou negociación.
- Participación nos sistemas non xurisdicionais de solución de conflitos de traballo. Este dereito comprende, unicamente, a participación nos sistemas públicos de solución de conflitos laborais.
- Promoción de eleccións. Dereito a promover as eleccións a delegados/as de persoal, comités de empresa e órganos de representación unitaria das Administracións Públicas.
• Sindicatos máis representativos de Comunidade Autónoma.
É posíbel que as organizacións sindicais adquiran a condición de máis representativos no ámbito concreto dunha comunidade autónoma.
Para posuír a maior representatividade sindical no ámbito autonómico os sindicatos de Comunidade Autónoma deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Que acaden, no devandito ámbito, unha audiencia electoral de, polo menos, o 15% dos/as delegados/as de persoal, dos membros dos comités de empresa e dos órganos de representación unitaria nas Administracións Públicas (xuntas e delegados/as de persoal).
- Que todos os/as representantes do sindicato que se computan para os efectos da audiencia electoral sinalada anteriormente sumen un mínimo de 1.500.
- Que non estean federados ou confederados con organizacións sindicais de ámbito estatal.
Ademais, son máis representativos os sindicatos ou entes sindicais que estean afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito de comunidade autónoma que teña a consideración de máis representativa por superar os tres requisitos anteriormente expostos.
Os sindicatos máis representativos de Comunidade Autónoma teñen capacidade para exercer as funcións e facultades atribuídas aos que teñan tal condición no ámbito estatal. Ademais, recoñecéselles capacidade para posuíren representación institucional ante as Administracións Públicas ou outras entidades ou organismos de carácter estatal que as prevexan.
3.2 A suficiente representatividade sindical
A LOLS admite un segundo grao de representatividade sindical que comprende os sindicatos que, malia non teren a consideración de máis representativos no plan estatal ou autonómico, obtivesen, nun ámbito territorial e funcional específico, o 10% ou máis de delegados/as de persoal e membros de comités de empresa ou dos órganos de representación unitaria das Administracións Públicas.
Os sindicatos suficientemente representativos teñen atribuídas unha serie de funcións, aínda que, unicamente, as poden exercer dentro do ámbito territorial ou funcional específico no que superen a mencionada audiencia electoral.
Funcións e competencias:
• Dereito á negociación colectiva de eficacia xeral.
• Participación como interlocutores na determinación das condicións de traballo nas Administracións públicas.
• Participación nos sistemas non xurisdicionais de solución de conflitos de traballo.
• Promoción de eleccións a delegados/as de persoal e comités de empresa ou órganos de representación unitaria das Administracións Públicas.
• Obtención de cesións temporais do uso de inmobles patrimoniais públicos, pois este uso non se considera un dereito excluínte recoñecido aos sindicatos máis representativos en réxime de monopolio, aínda que estes últimos teñan preferencia sobre os demais.
• En ocasións, ténselles recoñecido o dereito á participación institucional.
4 Acción sindical
A lexislación admite unha dobre canle de representación dos traballadores e traballadoras nos centros de traballo, que implica tamén un dobre canle para a defensa dos seus intereses, malia que en ocasións ambas se entrecruzan.
• O unitario ou electivo, formado polos comités de empresa e os/as delegados/as de persoal e, tamén, polas xuntas e delegados/as de persoal constituídas en Administracións Públicas.
• O sindical ou asociativo, que comprende as seccións sindicais e, se é o caso, os/as delegados/as sindicais.
Actividades integradas dentro deste dereito:
- O dereito de autoorganización dos sindicatos, isto é, a facultade de redactar os seus estatutos e regulamento, de organizar a súa administración interna e as súas actividades, así como de formular o seu programa de acción.
- O dereito á federación nacional e internacional, ou o dereito a constituír federacións ou confederacións sindicais e organizacións sindicais internacionais así como de afiliarse e retirarse destas.
- O dereito a exercer libremente as súas actividades, sen que as organizacións sindicais poidan ser suspendidas nin disoltas senón mediante resolución firme da autoridade xudicial, fundada en incumprimento grave das leis.
- O dereito á libre acción ou actividade sindical na empresa ou fóra dela.
Os dereitos que comprende o exercicio da actividade sindical son os seguintes:
• Dereito á negociación colectiva.
Os sindicatos están facultados, como representación institucional dos traballadores e traballadoras, para a negociación colectiva, e negar ou obstaculizar o exercicio da dita facultade entenderase tamén violación da liberdade sindical. O ámbito protexido é o da propia negociación sen que integra o relativo ao cumprimento ou incumprimento do convido, salvo que a actuación empresarial se dirixa frontalmente a frustrar os seus efectos.
• Exercicio do dereito de folga.
• Dereito a presentar conflitos individuais e colectivos.
De acordo coa LOLS, os sindicatos poden promover procedementos de conflito colectivo que teñan por obxecto a interpretación dun convenio colectivo ou a de normas estatais, formando parte do dito dereito co contido esencial do dereito de liberdade sindical.
• Dereito á presentación de candidatura para a elección de Comités de Empresa e Delegados/as de Persoal e Xuntas de Persoal nas Administracións Públicas.
• Dereito de reunión sindical.
• Finalmente a LOLS non esgota as materias relacionadas coa liberdade sindical podendo ampliarse en futuras regulacións legais.
O empresario/a ten a obriga de descontar a cota sindical do salario do traballador ou traballadora afiliado/a e de transferila, a solicitude do sindicato ao que pertenza e, sempre, previa conformidade do propio traballador ou traballadora.
5 Tutela da liberdade sindical
Está expresamente prohibida a discriminación por razón da adhesión ou non a un sindicato, aos seus acordos ou ao exercicio en xeral de actividades sindicais.
Os actos contrarios ao dereito de liberdade sindical poden provir do empresario/a, dunha asociación patronal, das Administracións Públicas, ou de calquera outra persoa, entidade ou corporación pública ou privada.
As distintas vías para a defensa ou tutela da liberdade sindical poden provir do empresario/a, dunha asociación patronal, das Administracións Públicas, ou de calquera outra persoa, entidade ou corporación pública ou privada.
As vías para a defensa ou tutela da liberdade sindical son:
• O proceso de protección xurisdicional dos dereitos fundamentais.
• A xurisdición penal cando suceda algunha das seguintes condutas constitutivas de delito:
- Producir discriminación no emprego por actividade sindical.
- Impedir ou limitar o exercicio do dereito de liberdade sindical.
• A Administración Laboral pode sancionar as condutas antisindicais.
• Os Xulgados do Social.
A LOLS ampara, con carácter xeral, a liberdade sindical respecto de calquera conduta que tenda a menoscabala e non só nos supostos que se indican no devandito precepto e que, por iso, non son exhaustivos.