Documento
Lei Orgánica de Liberdade Sindical
TÍTULO I
Da liberdade sindical
Artigo primeiro
- Todos os traballadores teñen dereito a sindicárense libremente para a promoción e defensa dos seus intereses económicos e sociais.
- Para os efectos desta Lei, considéranse traballadores tanto aqueles que sexan suxeitos dunha relación laboral como aqueles que o sexan dunha relación de carácter administrativo ou estatutario ao servizo das Administracións públicas.
- Quedan exceptuados do exercicio deste dereito os membros das Forzas Armadas e dos Institutos Armados de carácter militar.
- De acordo co establecido no artigo 127.1 da Constitución, os Xuíces, Maxistrados e Fiscais non poderán pertencer a sindicato ningún mentres estean en activo.
- O exercicio do dereito de sindicación dos membros de Corpos e Forzas de Seguridade que non teñan carácter militar, rexerase pola súa normativa específica, dado o carácter armado e a organización xerarquizada destes Institutos.
Artigo segundo
- A liberdade sindical comprende:
- a) O dereito a fundar sindicatos sen autorización previa, así como o dereito a suspendelos ou a extinguilos, por procedementos democráticos.
- b) O dereito do traballador a afiliarse ao sindicato da súa elección coa única condición de observar os estatutos deste ou a separarse do que estivese afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliarse a un sindicato.
- c) O dereito dos afiliados a elixiren libremente aos seus representantes dentro de cada sindicato.
- d) O dereito á actividade sindical.
- As organizacións sindicais no exercicio da liberdade sindical teñen dereito a:
- a) Redactar os seus estatutos e regulamentos, organizar a súa administración interna e as súas actividades e formular o seu programa de acción.
- b) Constituír federacións, confederacións e organizacións internacionais, así como afiliarse a elas e retirarse destas.
- c) Non ser suspendidas nin disoltas senón mediante resolución firme da Autoridade Xudicial, fundada en incumprimento grave das leis.
- d) O exercicio da actividade sindical na empresa ou fóra dela, que comprenderá, en todo caso, o dereito á negociación colectiva, ao exercicio do dereito de folga, á formulación de conflitos individuais e colectivos e á presentación de candidaturas para a elección de Comités de Empresa e Delegados de Persoal, e dos correspondentes órganos das Administracións Públicas, nos termos previstos nas normas correspondentes.
Artigo terceiro
- Malia o establecido no artigo 1º.2, os traballadores por conta propia que non teñan traballadores ao seu servizo, os traballadores en paro e os que cesen na súa actividade laboral, como consecuencia da súa incapacidade ou xubilación, poderán afiliarse ás organizacións sindicais constituídas consonte ao exposto nesta Lei, pero non fundar sindicatos que teñan precisamente por obxecto a tutela dos seus intereses singulares, sen prexuízo da súa capacidade para constituír asociacións ao abeiro da lexislación específica.
- Quen posúa cargos directivos ou de representación no sindicato en que estea afiliados, non poderá desempeñar, simultaneamente, nas Administracións públicas cargos de libre designación de categoría de Director Xeral ou asimilados, así como calquera outro de rango superior.
TÍTULO II
Do réxime xurídico sindical
Artigo cuarto
- Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei, para adquiriren a personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, deberán depositar, por medio dos seus promotores ou dirixentes os seus estatutos na oficina pública establecida para o efecto.
- As normas estatutarias conterán polo menos:
- a) A denominación da organización, que non poderá coincidir nin inducir a confusión con outra legalmente rexistrada.
- b) O domicilio e ámbito territorial e funcional de actuación do sindicato.
- c) Os órganos de representación, goberno e administración e o seu funcionamento, así como o réxime de provisión electiva dos seus cargos, que terán que se axustar a principios democráticos.
- d) Os requisitos e procedementos para a adquisición e perda da condición de afiliados, así como o réxime de modificación de estatutos, de fusión e disolución do sindicato.
- e) O réxime económico da organización que estableza o carácter, procedencia e destino dos seus recursos, así como os medios que permitan aos afiliados coñeceren a situación económica.
- A oficina pública dispoñerá no prazo de dez días, a publicidade do depósito, ou o requirimento aos seus promotores, por unha soa vez, para que no prazo máximo doutros dez días emenden os defectos observados. Transcorrido este prazo, a oficina pública dispoñerá a publicidade ou rexeitará o depósito mediante resolución exclusivamente fundada na carencia dalgún dos requisitos mínimos a que se refire o número anterior.
- A oficina pública dará publicidade ao depósito no seu taboleiro de anuncios, no «Boletín Oficial do Estado» e, de ser o caso, no «Boletín Oficial» correspondente indicando polo menos, a denominación, o ámbito territorial e funcional, a identificación dos promotores e asinantes da acta de constitución do sindicato.
A inserción nos respectivos «Boletíns» será disposta pola oficina pública no prazo de dez días e terá carácter gratuíto.
- Calquera persoa estará facultada para examinar os estatutos depositados, debendo ademais a oficina facilitar a quen así o solicite, copia autentificada destes.
- Tanto a Autoridade Pública, como quen acredite un interese directo, persoal e lexítimo, poderá promover perante a Autoridade Xudicial a declaración de non conformidade a dereito de calquera estatutos que sexan obxecto de depósito e publicación.
- O sindicato adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, transcorridos vinte días hábiles desde o depósito dos estatutos.
- A modificación dos estatutos das organizacións sindicais xa constituídas axustarase ao mesmo procedemento de depósito e publicidade regulado neste artigo.
Artigo quinto
- Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei responderán polos actos ou acordos adoptados polos seus órganos estatutarios na esfera das súas respectivas competencias.
- O sindicato non responderá por actos individuais dos seus afiliados, agás que aqueles se produzan no exercicio regular das funcións representativas ou se probe que os devanditos afiliados actuaban por conta do sindicato.
- As cotas sindicais non poderán ser obxecto de embargo.
- Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei poderán beneficiarse das exencións e bonificacións fiscais que legalmente se establezan.
TÍTULO III
Da representatividade sindical
Artigo sexto
- A maior representatividade sindical recoñecida a determinados sindicatos confírelles unha singular posición xurídica para efectos, tanto de participación institucional como de acción sindical.
- Terán a consideración de sindicatos máis representativos a nivel estatal:
- a) Os que acrediten unha especial audiencia, expresada na obtención, no devandito ámbito do 10 por 100 ou máis do total de delegados de persoal dos membros dos comités de empresa e dos correspondentes órganos das Administracións públicas.
- b) Os sindicatos ou entes sindicais, afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito estatal que teña a consideración de máis representativa de acordo co previsto na letra a).
- As organizacións que teñan a consideración de sindicato máis representativo segundo o número anterior, gozarán de capacidade representativa a todos os niveis territoriais e funcionais para:
- a) Posuír representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de Comunidade Autónoma que a teña prevista.
- b) A negociación colectiva, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores.
- c) Participar como interlocutores na determinación das condicións de traballo nas Administracións públicas a través dos oportunos procedementos de consulta ou negociación.
- d) Participar nos sistemas non xurisdicionais de solución de conflitos de traballo.
- e) Promover eleccións para delegados de persoal e comités de empresa e órganos correspondentes das Administracións públicas.
- f) Obter cesións temporais do uso de inmobles patrimoniais públicos nos termos que se establezan legalmente.
- g) Calquera outra función representativa que se estableza.
Artigo sétimo
- Terán a consideración de sindicatos máis representativos a nivel de Comunidade Autónoma: a) Os sindicatos do devandito ámbito que acrediten nel unha especial audiencia expresada na obtención de, polo menos, o 15 por 100 dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores nos comités de empresa, e nos órganos correspondentes das Administracións públicas, sempre que conten cun mínimo de 1.500 representantes e non estean federados ou confederados con organizacións sindicais de ámbito estatal; b) os sindicatos ou entes sindicais afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito de Comunidade Autónoma que teña a consideración de máis representativa de acordo co previsto na letra a).
Estas organizacións gozarán de capacidade representativa para exercer no ámbito específico da Comunidade Autónoma as funcións e facultades enumeradas no número 3 do artigo anterior, así como a capacidade para ostentar representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades ou organismos de carácter estatal.
- As organizacións sindicais que aínda non tendo a consideración de máis representativas obteñan, nun ámbito territorial e funcional específico, o 10 por 100 ou máis de delegados de persoal e membros de comité de empresa e dos correspondentes órganos das Administracións públicas, estarán lexitimadas para exercer, no devandito ámbito funcional e territorial, as funcións e facultades a que se refiren os apartados b), c), d), e) e g) do número 3 do artigo 6.º de acordo coa normativa aplicable a cada caso.
TÍTULO IV
Da acción sindical
Artigo oitavo
- Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa ou centro de traballo:
- a) Constituír seccións sindicais de conformidade co establecido nos Estatutos do sindicato.
- b) Celebrar xuntanzas, tras notificación ao empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, fóra das horas de traballo e sen perturbar a actividade normal da empresa.
- c) Recibir a información que lle remita o seu sindicato.
- Sen prexuízo do que se estableza mediante convenio colectivo, as seccións sindicais dos sindicatos máis representativos e dos que teñan representación nos comités de empresa e nos órganos de representación que se establezan nas Administracións públicas ou conten con delegados de persoal, terán os seguintes dereitos:
- a) Coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que poidan interesar aos afiliados ao sindicato e aos traballadores en xeral, a empresa poñerá á súa disposición un taboleiro de anuncios que deberá situarse no centro de traballo e en lugar onde se garanta un axeitado acceso este dos traballadores.
- b) Á negociación colectiva, nos termos establecidos na súa lexislación específica.
- c) Á utilización dun local acaído no que poidan desenvolver as súas actividades naquelas empresas ou centros de traballo con máis de 250 traballadores.
Artigo noveno
- Quen posúa cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal, nas organizacións sindicais máis representativas, terá dereito:
- a) Ao goce dos permisos non retribuídos necesarios para o desenvolvemento das funcións sindicais propias do seu cargo, podéndose establecer, por acordo, limitacións ao goce destes en función das necesidades do proceso produtivo.
- b) Á excedencia forzosa, ou á situación equivalente no ámbito da Función Pública, con dereito a reserva do posto de traballo e ao cómputo de antigüidade mentres dure o exercicio do seu cargo representativo, debendo reincorporarse ao seu posto de traballo dentro do mes seguinte á data do cesamento.
- c) Á asistencia e o acceso aos centros de traballo para participar en actividades propias do seu sindicato ou do conxunto dos traballadores, tras comunicación ao empresario, e sen que o exercicio dese dereito poida interromper o desenvolvemento normal do proceso produtivo.
- Os representantes sindicais que participen nas Comisións negociadoras de convenios colectivos mantendo a súa vinculación como traballador en activo nalgunha empresa terán dereito á concesión dos permisos retribuídos que sexan necesarios para o axeitado exercicio do seu labor como negociadores, sempre que a empresa estea afectada pola negociación.
Artigo dez
- Nas empresas ou, de ser o caso, nos centros de traballo que ocupen a máis de 250 traballadores, calquera que sexa a clase do seu contrato, as seccións sindicais que poidan constituírse polos traballadores afiliados aos sindicatos con presenza nos comités de empresa ou nos órganos de representación que se establezan nas Administracións públicas estarán representadas, para todos os efectos, por delegados sindicais elixidos por e entre os seus afiliados na empresa ou no centro de traballo.
- Ben por acordo, ben a través da negociación colectiva, poderase ampliar o número de delegados establecidos na escala á que fai referencia este apartado, que atendendo ao persoal da empresa ou, de ser o caso, dos centros de traballo corresponden a cada un destes.
A falta de acordos específicos respecto diso, o número de delegados sindicais por cada sección sindical dos sindicatos que obteñan o 10 por 100 dos votos na elección ao Comité de Empresa ou ao órgano de representación nas Administracións públicas determinarase segundo a seguinte escala:
De 250 a 750 traballadores: Un.
De 751 a 2.000 traballadores: Dous.
De 2.001 a 5.000 traballadores: Tres.
De 5.001 en diante: Catro.
As seccións sindicais daqueles sindicatos que non obteñan o 10 por 100 dos votos estarán representadas por un só delegado sindical.
- Os delegados sindicais, no caso de que non formen parte do comité de empresa, terán as mesmas garantías que as establecidas legalmente para os membros dos comités de empresa ou dos órganos de representación que se establezan nas Administracións públicas, así como os seguintes dereitos a salvo do que se puidese establecer por convenio colectivo:
1.º Ter acceso á mesma información e documentación que a empresa poña a disposición do comité de empresa, estando obrigados os delegados sindicais a gardar sixilo profesional naquelas materias nas que legalmente proceda.
2.º Asistir ás xuntanzas dos comités de empresa e dos órganos internos da empresa en materia de seguridade e hixiene ou dos órganos de representación que se establezan nas Administracións públicas, con voz pero sen voto.
3.º Ser oídos pola empresa previamente á adopción de medidas de carácter colectivo que afecten aos traballadores en xeral e aos afiliados ao seu sindicato en particular, e nomeadamente nos despedimentos e sancións destes últimos.
Artigo once
- Nos convenios colectivos poderán establecerse cláusulas polas que os traballadores incluídos no seu ámbito de aplicación atendan economicamente a xestión dos sindicatos representados na comisión negociadora, fixando un canon económico e regulando as modalidades do seu aboamento. En todo caso, respectarase a vontade individual do traballador, que deberá expresarse por escrito na forma e prazos que se determinen na negociación colectiva.
- O empresario procederá ao desconto da cota sindical sobre os salarios e á correspondente transferencia a solicitude do sindicato do traballador afiliado e tras conformidade, sempre, deste.
TÍTULO V
Da tutela da liberdade sindical e represión das condutas antisindicais
Artigo doce
Serán nulos e sen efecto os preceptos regulamentarios, as cláusulas dos convenios colectivos, os pactos individuais e as decisións unilaterais do empresario que conteñan ou supoñan calquera tipo de discriminación no emprego ou nas condicións de traballo, sexan favorables ou adversas, por razón da adhesión ou non a un sindicato, aos seus acordos ou ao exercicio en xeral de actividades sindicais.
Artigo trece
Calquera traballador ou sindicato que considere lesionados os dereitos de liberdade sindical, por actuación do empregador, asociación patronal, Administracións públicas ou calquera outra persoa, entidade ou corporación pública ou privada, poderá solicitar a tutela do dereito ante a xurisdición competente a través do proceso de protección xurisdicional dos dereitos fundamentais da persoa.
Expresamente serán consideradas lesións á liberdade sindical os actos de inxerencia consistentes en fomentar a constitución de sindicatos dominados ou controlados por un empregador ou unha asociación empresarial, ou en soster economicamente ou noutra forma sindicatos co mesmo propósito de control.
Artigo catorce
O sindicato a que pertenza o traballador presuntamente lesionado, así como calquera sindicato que posúa a condición de máis representativo, poderase presentar como coadxuvante no proceso incoado por aquel.
Artigo quince
Se o órgano xudicial entendese probada a violación do dereito de liberdade sindical decretará o cesamento inmediato do comportamento antisindical, así como a reparación conseguinte das súas consecuencias ilícitas, remitindo as actuacións ao Ministerio Fiscal, para os efectos de depuración de eventuais condutas delituosas.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira
- Conforme ao previsto nos artigos 6 e 7 desta Lei e 75.7 do Estatuto dos Traballadores, a condición de máis representativo ou representativo dun sindicato comunicarase no momento de exercer as funcións ou facultades correspondentes, achegando o sindicato interesado a oportuna certificación expedida á súa requirimento pola oficina pública establecida para o efecto.
En materia de participación institucional entenderase por momento de exercicio o de constitución do órgano e, de ser o caso, o de renovación dos seus membros. No caso de que o órgano correspondente non teña prevista unha renovación periódica dos representantes sindicais, o sindicato interesado poderá solicitar no mes de xaneiro, e cada tres anos a partir desa data, a súa participación no órgano correspondente, achegando certificación acreditativa da súa capacidade representativa.
- O Goberno ditará as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento do apartado a) do artigo 6.3 e do artigo 7.1 desta Lei e do previsto na disposición adicional sexta do Estatuto dos Traballadores, sendo de aplicación á súa capacidade representativa o previsto no segundo parágrafo do número anterior.
Segunda
- A duración do mandato dos delegados de persoal, dos membros dos comités de empresa e de quen forme parte dos órganos de representación que se establezan nas Administracións públicas será de catro anos, podendo ser reelixidos en sucesivos períodos electorais.
- No prazo dun ano e en desenvolvemento do previsto no artigo 103.3 da Constitución, o Goberno remitirá ás Cortes un proxecto de Lei no que se regulen os órganos de representación dos funcionarios das Administracións públicas.
Terceira
O persoal civil que exerza o dereito recoñecido no artigo 2.1.d) en unidades, buques e demais establecementos militares deberá ter en conta e respectar o principio de neutralidade política e sindical dos membros das Forzas Armadas e axustarse ás normas sobre actividade sindical dos empregados públicos.
Cuarta
Os delegados de persoal e os membros do Comité de Empresa co mandato prorrogado non se computarán para efectos de determinar a capacidade representativa dos artigos 6 e 7 desta Lei.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogados a Lei 19/1977, do 1 de abril, e o Real Decreto 873/1977, do 22 de abril, en todo canto se opoña á presente Lei, permanecendo vixente a regulación que conteñen as devanditas normas referidas ás asociacións profesionais e, en particular, ás asociacións empresariais das que a súa liberdade de sindicación se recoñece para efectos do establecido no artigo 28.1 da Constitución española e dos convenios internacionais subscritos por España.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira
- As organizacións sindicais constituídas en aplicación da Lei 19/1977, do 1 de abril, e que gocen de personalidade xurídica na data de entrada en vigor desta Lei conservarán o dereito á denominación, sen que en ningún caso se produza solución de continuidade na súa personalidade, quedando automaticamente validadas.
- A oficina pública a que se refire o artigo 4º desta Lei queda establecida organicamente no Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e nos órganos correspondentes das Comunidades Autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, cando teñan atribuída esta competencia. En todo caso, estas deberán remitir, no prazo previsto no artigo 4º.4, un exemplar da documentación depositada ao Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Segunda
Os preceptos contidos nas disposicións adicionais primeira e segunda, na disposición transitoria e na disposición final primeira non teñen carácter de Lei Orgánica.
Terceira
Esta Lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado».