Documento


A Inspección de traballo

 A inspección de traballo

 

Normativa e referencias:

Lei 23/2015, do 21 de xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Real Decreto 192/2018, do 6 de abril, polo que se aproban os estatutos do Organismo Autónomo Organismo Estatal Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Resolución do 13 de marzo 2017, da Secretaría Xeral Técnica, pola que se publica o Convenio de colaboración ca Comunidade Autónoma Galega, para o desenvolvemento efectivo da cooperación para a consecución dos fins públicos asignados á Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Á Inspección de Traballo correspóndelle a vixilancia do cumprimento das normas de orde social, así como a competencia para exixir as responsabilidades que se deriven.

As infraccións administrativas na orde social tipifícanse basicamente no Estatuto dos Traballadores e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social (Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto). Ademais, deben terse en conta normas aplicábeis segundo a materia, como a prevención de riscos laborais, as persoas traballadoras estranxeiras ou as Empresas de Traballo Temporal.

O sistema de inspección estrutúrase en dous niveis diferentes:

  • Órganos de xestión:

- Autoridade Central, órgano dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

- Inspeccións provinciais, agrupadas en cada unha das Comunidades Autónomas.

  • Órganos de participación e colaboración:

- Conferencia sectorial de asuntos laborais.

- Comisións territoriais da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Corresponde ao organismo autónomo Organismo Estatal Inspección de Traballo e Seguridade Social o exercicio das funcións que a Lei 23/2015, do 21 de xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social encomenda á Inspección de Traballo e Seguridade Social, sen prexuízo do establecido respecto das Comunidades Autónomas que recibisen o traspaso da función pública inspectora (artigo 2 - RD 192/2018 - BOE 7-4-2018).

 

Persoal que integra o sistema de inspección de traballo e SS

A inspección debe realizarse na súa totalidade polo funcionariado pertencente ao Corpo Superior de Inspección de Traballo, de nivel técnico superior e habilitación estatal, a situación xurídica e condicións de servizo dos cales garantan a independencia técnica, obxectividade e imparcialidade que prescriben os convenios da OIT 81 e 129.

As Administracións Xeral do Estado e das Comunidades Autónomas que recibisen o traspaso dos servizos do Estado en canto á execución da lexislación laboral deben adoptar, nos seus respectivos ámbitos de competencia, as medidas necesarias para garantir a colaboración pericial e o asesoramento técnico precisos á Inspección de Traballo e Seguridade Social; no noso país o ISSGA ten competencias transferidas do Estado Español.

A Administración Xeral do Estado debe dotar a Inspección do persoal de apoio administrativo necesario para o correcto desenvolvemento da súa función.

Aos/ás subinspectores/as de Emprego e Seguridade Social correspóndenlles as funcións inspectoras de apoio, xestión e colaboración cos/as inspectores/as de traballo, baixo a dirección e supervisión técnica do/a inspector/a responsábel do equipo ao que estean adscritos, sen prexuízo da súa dependencia dos órganos directivos da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O corpo de inspección así como a subinspección están obrigados a:

  • Considerar confidencial a orixe de calquera queixa sobre o incumprimento das disposicións legais.
  • Observar segredo e non revelar, mesmo despois de deixar o servizo, os datos, informes ou antecedentes de que poidan ter coñecemento no desempeño das súas funcións.
  • Respectar o réxime de incompatibilidades das persoas funcionarias ao servizo das Administracións Públicas.

 Principais servizos prestados pola Inspección de Traballo
e Seguridade Social ás empresas e traballadoras e traballadores

Servizos de vixilancia e esixencia do cumprimento das normas legais, regulamentarias e contido normativo dos convenios colectivos.

Os ámbitos destes servizos veñen referidos ás seguintes materias:

  • Ordenación do traballo e relacións sindicais.
  • Prevención de riscos laborais.
  • Normas en materia no campo de aplicación, inscrición, afiliación, altas e baixas de traballadores e traballadoras, cotización recadación de cotas do sistema da seguridade social.
  • Normas sobre obtención e aproveitamento de prestacións do sistema da Seguridade Social así como das melloras voluntarias ou outros sistemas complementarios voluntarios establecidos nos convenios colectivos.
  • Normas sobre colaboración na xestión da Seguridade Social.
  • Normas en materia de colocación, emprego e protección por desemprego; emigración, movementos migratorios e traballo de persoas estranxeiras; formación profesional ocupacional e continua; empresas de traballo temporal, axencias de colocación e plans de servizos integrados de emprego.

 Servizos de asistencia técnica.

  • Información, asistencia e orientación xeral a empresas e persoal laboral, con ocasión do exercicio da función inspectora.
  • Asistencia técnica ás entidades e organismos da Seguridade Social cando sexa solicitada.
  • Información, asistencia e colaboración con outros órganos das Administracións Públicas respecto á aplicación das normas de orden social ou á vixilancia e control de axudas e subvencións públicas.
  • Realización de informes técnico-laborais a instancia dos órganos xudiciais laborais.

 Servizos de arbitraxe, conciliación e mediación.

En todo caso, para a realización de actuacións da ITSS debe existir aceptación das partes afectadas polo conflito laboral ou folga.

 Actuacións inspectoras derivadas dos servizos prestados pola Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

  • Requirimentos ou actas de advertencia cando non se deriven prexuízos directos aos traballadores e traballadoras.
  • Inicio de procedementos sancionadores mediante a extensión de actas de infracción.
  • Inicio de procedementos liquidatorios por débitos á Seguridade Social e conceptos de recadación conxunta, mediante a práctica de actas de liquidación.
  • Inicio de procedementos de oficio para a inscrición de empresas, afiliación, altas e baixas de traballadores e traballadoras no réxime correspondente da Seguridade Social.
  • Inicio de procedementos para o encadramento de empresas e persoal laboral no réxime de Seguridade Social que corresponda.
  • Proposta ante os organismos competentes para a suspensión ou cesamento de prestacións sociais se se constatase a súa obtención ou aproveitamento en incumprimento da normativa que as regula.
  • Proposta ante o organismo competente da recarga das prestacións económicas en caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional causados por falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo.
  • Proposta de recargas ou reducións nas primas de aseguramento de accidentes de traballo e enfermidades profesionais no caso de empresas polo seu comportamento na prevención de riscos e saúde laboral.
  • Orde de paralización inmediata de traballos ou tarefas por inobservancia da normativa de prevención de riscos laborais, de concorrer risco grave e inminente para la seguridade e saúde.
  • Comunicación aos organismos competentes dos incumprimentos que se comproben na aplicación e destino de axudas e subvencións para o fomento de emprego, formación profesional ocupacional e promoción social.
  • Formulación de demandas de oficio ante a xurisdición do social de acordo coa normativa aplicábel.

 Tramitación do procedemento sancionador

En ningún caso pode sancionarse sen a tramitación previa dun expediente que se axuste ao procedemento legal ou regulamentariamente estabelecido. A regulación do réxime sancionador establécese na Lei de Infraccións e Sancións na orde social e subsidiariamente na Lei de Procedemento Administrativo.

A Inspección pode abrir un período de información previa co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar a actuación inspectora. Para a imposición de sancións por infraccións administrativas na orde social é obrigatoria a tramitación previa dun expediente no que deben respectarse os requisitos establecidos regulamentariamente.

 A Inspección de Traballo pode actuar de oficio por iniciativa propia ou por orde superior ou ben porque o reclame outra administración ou autoridade lexitimada.

 A Inspección de Traballo actuará previa denuncia ante o incumprimento da lexislación social; esta denuncia será pública.

O escrito de denuncia debe conter:

  • Os datos de identificación persoal do/a denunciante e a súa sinatura.
  • Os feitos presuntamente constitutivos de infracción.
  • Data e lugar do acontecemento destes.
  • Identificación das persoas presuntamente responsábeis e demais circunstancias relevantes.

Cómpre lembrar que se debe indicar no documento de denuncia que se presente a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social á que vai dirixida a documentación, que coincidirá coa provincia onde radique o centro de traballo.

Existen tres formas de presentar as denuncias:

1 PRESENCIAL.- Presentándose nas oficinas das Inspeccións Provinciais de Traballo e S.S., así como nos rexistros dos demais órganos da Administración do Estado e das CC.AA, así como das administracións locais, sempre que exista o correspondente convenio.

2 TELEMÁTICA.- A través da Sede electrónica del Ministerio de Empleo y S.S., sempre que o denunciante dispoña do documento de identidade, ou dunha sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado electrónico recoñecido pola plataforma @firma.

3 VÍA POSTAL - Dirixidas á oficina correspondente da Inspección Provincial de Traballo e S.S.

Advírtese que, se a denuncia se presenta por vía postal ou nos rexistros sen presentarse a persoa denunciante, se esixirá achegar copia compulsada do documento de identidade da persoa denunciante e, de ser o caso, autorización expresa deste para que a Inspección poida verificar os seus datos de identidade no rexistro correspondente.

 Ligazón para descargar modelo de denuncia.

http://www.empleo.gob.es/itss/web/gl/Atencion_al_Ciudadano/COMO_DENUNCIAR_ITSS.html

Ligazón de interese; como presentar una denuncia ante Inspección de Traballo?

http://www.empleo.gob.es/itss/web/gl/Atencion_al_Ciudadano/COMO_DENUNCIAR_ITSS.html

O Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a través da Dirección Xeneral da Inspección de Traballo e S.S. pon a disposición de toda a cidadanía un “Buzón de lucha contra el Fraude Laboral”, onde poderá comunicarse á ITSS calquera irregularidade laboral que coñeza.

Neste caso a persoa comunicante non terá que achegar ningún dato persoal e o a caixa de correo soamente recollerá información sobre as presuntas irregularidades das que se teña coñecemento.

No exercicio das súas funcións e conforme ao procedemento estabelecido, os/as inspectores/as están autorizados a:

  • Entrar e permanecer libremente, en calquera momento e sen previo aviso, en todo centro de traballo, estabelecemento ou lugar suxeito a inspección.
  • Practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que considere necesario para comprobar que as disposicións legais se observan correctamente.
  • Adoptar, en calquera momento do desenvolvemento das súas actuacións, as medidas cautelares que estimen oportunas e sexan proporcionadas co fin que se persiga, para impedir a destrución, desaparición ou alteración da documentación mencionada, sempre que non cause prexuízos de difícil ou imposíbel reparación aos suxeitos responsábeis ou implique violación de dereitos.

 

Consecuencias da actividade inspectora previa

Unha vez rematada a tarefa inicial de comprobación, os/as inspectores/as de traballo e seguridade social poden tomar as medidas que se sinalan a continuación, ademais de cantas se deriven da lexislación vixente:

  • Actuacións previas á incoación do procedemento sancionador:

- Advertir e requirir á empresa responsábel, en vez de iniciar un procedemento sancionador, cando as circunstancias do caso o aconsellen, e sempre que non se deriven prexuízos directos aos traballadores e traballadoras.

- Requirir á empresa para que, no prazo que se sinale, adopte as medidas verbo do cumprimento da normativa de orde social.

- Requirir á empresa co fin de que, nun prazo determinado, leve a efecto as modificacións precisas nas instalacións, montaxe ou métodos de traballo que garantan o cumprimento das disposicións relativas á saúde ou a seguridade dos traballadores e traballadoras.

  • Iniciar o procedemento sancionador mediante:

- A redacción de actas de infracción, ou infracción por obstrución.

- O requirimento ás Administracións Públicas por incumprimento de disposicións relativas á saúde ou seguridade do persoal civil ao seu servizo.

- Expedientes liquidatorios por débitos á Seguridade Social e conceptos de recadación conxunta, mediante actas de liquidación.

  • Actuación en materia de Seguridade Social:

- Promover procedementos de oficio para a inscrición de empresas, afiliación e altas e baixas de traballadores e traballadoras no réxime correspondente de Seguridade Social.

- Promover procedementos para o encadramento de empresas, traballadores e traballadoras no réxime de Seguridade Social que corresponda, sen prexuízo de iniciar o expediente liquidatorio se proceder.

- Instar do correspondente organismo a suspensión ou cesamento na percepción de prestacións sociais, se se constatase a súa obtención ou aproveitamento ilegal.

- Instar do órgano administrativo competente a declaración da recarga das prestacións económicas en caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional causados por falta de medidas de seguridade e hixiene.

- Propoñer recargas ou reducións nas primas de aseguramento de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, en relación a empresas polo seu comportamento na prevención de riscos e saúde laboral, con suxeición á normativa aplicábel.

  • Ordenar a paralización inmediata de traballos ou tarefas por inobservancia da normativa sobre prevención de riscos laborais, de concorrer risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras.
  • En materia de emprego: comunicar ao organismo competente os incumprimentos que comprobe na aplicación e destino de axudas e subvencións para o fomento do emprego, formación profesional ocupacional e promoción social.
  • Propoñer ao seu/súa respectivo/a xefe/a a formulación de demandas de oficio ante a xurisdición do social.

 

Sancións

Xunto á sanción típica no dereito administrativo sancionador, consistente nunha multa monetaria, existe tamén outro tipo de sancións que consiste na perda de dereitos ou vantaxes.

Unha vez cualificada a infracción como leve, grave ou moi grave, conforme á tipificación de condutas estabelecida na Lei, graduarase a sanción nalgún dos tres graos legalmente previstos (mínimo, medio e máximo).

Os criterios que o órgano sancionador terá en conta para atenuar ou agravar a infracción cometida son os seguintes:

  • A neglixencia ou intencionalidade do suxeito infractor.
  • A fraude ou conivencia.
  • O incumprimento das advertencias previas e requirimentos da Inspección de Traballo, a cifra de negocios da empresa.
  • O número de persoas traballadoras afectadas.
  • O prexuízo causado e a cantidade defraudada, aos traballadores e traballadoras, á Seguridade Social ou a outros fondos públicos.

Debe sancionarse co máximo da cualificación que corresponda toda infracción que consista na persistencia continuada na súa comisión.

As sancións non monetarias poden consistir na prohibición expresa de contratar coa Administración, perda de axudas de fomento de emprego e prestacións da Seguridade Social, suspensión de actividades ou peche do centro de traballo, recargo nas cotas da Seguridade Social, etc.

 

Xurisdición penal

Cando a Inspección actuante ou o órgano ao que lle corresponda resolver o expediente sancionador, entenda que as infraccións poidan ser constitutivas de delito, debe actuar da seguinte forma:

  • Comunicar este feito ao Ministerio Fiscal.
  • Absterse de seguir o procedemento administrativo sancionador que corresponda aos mesmos feitos, até que o Ministerio Fiscal, se é o caso, resolva non interpoñer acción ou sexa firme a sentenza ou auto de sobresemento que dite a autoridade xudicial.
  • Solicitar do órgano xudicial a notificación do resultado.

Tamén se suspende o procedemento administrativo cando, aínda sen mediar comunicación, se teña coñecemento da existencia de actuacións penais polos mesmos feitos e fundamento en relación a mesma presunta persoa responsábel.

A comunicación ao Ministerio Fiscal non afecta ao inmediato cumprimento da paralización do traballo, nin á eficacia dos requirimentos formulados, o incumprimento dos cales debe comunicarse a través do órgano correspondente ao xulgado competente por se fose constitutivo de ilícito penal, nin tampouco afecta á exixencia de débedas que se apreciasen co sistema da Seguridade Social.

A condena por delito en sentenza firme exclúe a imposición da sanción administrativa polos mesmos feitos que fosen considerados probados sempre que concorra ademais identidade de suxeito e fundamento.


Arquivos: