Xustiza para Pintos. Nova concentración para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro

Ferrol - 12 Abr 2024

Dentro do calendario de mobilizacións para reclamar a concesión do indulto ao compañeiro Xesús Anxo López Pintos, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CGT teñen convocada unha nova concentración para o próximo xoves, 18 de abril, ás 19:00 horas, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Ferrol.

Hai xa preto de ano e medio que se presentou a solicitude formal do indulto (que estivo acompañada por máis de 5500 sinaturas e as adhesións aprobadas por varios plenos municipais e comités de empresa da comarca de Ferrol), pero o Goberno español continúa sen resolver a petición.

O Goberno non pode seguir atrasando a concesión do indulto a Pintos, que supón reparar un acto de inxustiza como o vivido polo compañeiro. Por este motivo seguiremos mobilizándonos para que se faga xustiza, para exixir a derrogación da lei mordaza e da lexislación que limita e criminaliza a loita social.