Xuntanza clave entre comité e Conselleiro de cara á salvación de Maderas Iglesias

A reunión deste mércores chega tras nove meses de solicitudes e acudirán alcaldes e alcaldesas da comarca
Nacional - 04 Set 2018

O conselleiro de Industria reaparece tras nove meses ausente do conflito de Maderas Iglesias, e xusto despois das polémicas declaracións nas que instaba a depor a folga en andamento. Vén de comunicalo o comité de empresa, que pretende transmitirlle de primeira man a gravidade da situación e o “papel crucial” da Xunta de cara á viabilidade inmediata da empresa.

A reunión desenvolverase ás 18 horas deste mércores día 5 en San Caetano e acudirán tamén alcaldes e alcaldesas da bisbarra atinxida, así como dous autobuses cunha delegación do cadro de persoal, que se concentrará ás portas do edificio autonómico nun día en que se cumprirán nove xornadas de folga indefinida.

A información deuse a coñecer o mesmo día no que saltaban as alarmas entre o persoal ao devolver os bancos os talóns correspondentes ao 50% das indemnizacións para 34 dos afectados/as polo ERE voluntario de xuño, o que evidenciaría a total falta de liquidez da empresa. 

O persoal leva oito anos de grandes sacrificios, que implicaron até sete ERES e a total conxelación salarial desde 2010.

Este novo impago viría a sumarse ás dúas pagas extra e á nómina de agosto -finalmente a de xullo foi satisfeita a pasada semana- que o cadro de persoal está a reivindicar mediante unha folga indefinida que decorre cun total seguimento desde o pasado 28 de agosto. Unha medida que chega tras oito anos de grandes sacrificios por parte dos traballadores/as, que implicaron até sete ERES e a total conxelación salarial desde 2010.

A empresa con sede no Porriño, adicada á fabricación de tarima flotante, supón 200 traballos directos e o seu peche danaría a economía dunha comarca moi golpeada pola actual crise. Nese sentido, e froito da importante mobilización levada adiante polo persoal, á reunión acudirán tamén os alcaldes e alcaldesas das Neves, Mondariz, Salvaterra, Salceda, Ponteareas, Mos e máis do propio Porriño.

Desde a pasada fin de semana, e en alerta pola situación límite da empresa, os traballadores/as en folga realizan gardas de 24 horas diante das instalacións para evitar calquera retirada de material.