Xunta de persoal e comité de Correos concéntranse para rexeitar a persecución da empresa a unha traballadora

Demandan a suspensión das medidas cautelares aplicadas a unha carteira de Boiro

Compostela -

Representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa de Correos, xunto con traballadores e traballadoras da entidade concentráronse esta mañá diante da sede da Dirección Territorial de Correos, en Compostela, para denunciar a decisión de suspender temporalmente de emprego e soldo a unha carteira de Boiro e demandar que non se apliquen estas medidas cautelares mentres non se investigue.

No decurso da concentración representantes sindicais explicaron que esta mobilización responde á grave decisión de Correos de suspender de emprego e soldo a unha carteira de Boiro. Fronte a isto aseguraron que ela fixo correctamente o seu traballo en base á normativa postal, tal e como indica o RD 1829/1999. Por iso denunciaron que se trata dunha sanción inxusta e que nin sequera se lle deu a oportunidade a traballadora de alegar no seu favor.

Os representantes dos traballadores sinalaron que a Correos tomou esta decisión logo da denuncia dunha cooperativa e en base a presuntos “informes terxiversados” do concello de Boiro e da propia unidade de reparto de Correos. Informes segundo os que esta traballadora tería incorrido nunha falta por non entregar unhas notificacións a esta cooperativa.

Fronte a isto a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa consideran moi grave que a esta traballadora non se lle dera sequera a oportunidade de alegar nada, vulnerando así o dereito fundamental á presunción de inocencia, como sería preceptivo nun Estado de dereito.

Por iso exixiron que se paralice a aplicación desta medida, que consideran “desproporcionada”, mentres non remate a investigación dos feitos e se esclarezan todo o asunto. Investigación que, en todo caso, denunciaron que “Correos está levando a cabo cunha anormal parsimonia”.

Volver