Xubilados/as e pensionistas da CIG reclaman nas rúas emprego, salarios e pensións dignas

Desenvolveron concorridas mobilizacións nas sete cidades e en varias vilas galegas

Nacional -

Milleiros de persoas mobilizáronse en cidades e vilas galegas para defender o sistema público de pensións, que se garanta o seu poder adquisitivo e que as mínimas sexan iguais ao SMI. O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG denunciou que preto do 60% das pensións en Galiza están por debaixo do SMI e responsabilizou desta situación ás sucesivas reformas de PSOE e PP que tiñan precisamente o obxectivo de provocar o seu empobrecemento para favorecer os plans privados e os bancos que os xestionan.

Como resultado, alertaron de que na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas. “Perto dun 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español”.

As mulleres, as máis prexudicadas

Xunto a isto lembraron que, como noutros ámbitos, tamén no caso das pensións as mulleres son as máis prexudicadas, por teren unha unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto ás altas taxas defeminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

A isto engadiron o “roubo” que desde o Estado se perpetra ás pensións dos/as emigrantes retornados/as, o estabelecemento polo Partido Popular de repagamentos na sanidade, a retirada do financiamento público de medicamentos moi usados, ou o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais, “afectándonos especialmente a pensionistas e persoas con enfermidades crónicas, converténdose nun novo imposto á enfermidade”.

Chamamento á mobilización

Diante desta situación, o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG chamou á participación activa das persoas pensionistas e xubiladas nas mobilizacións na esixencia de cambios na actual situación. “É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas. É urxente que defendamos o sistema público de pensións, o poder adquisitivo das pensións, e o dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional”, concluíron.

A este respecto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración convocada en Compostela, asegurou que “na escalada de ataques aos dereitos sociais e aos dereitos laborais asistimos a unha campaña que ten posto o punto de mira nas pensións públicas na idea de seguir recortándoas, de seguir empobrecéndoas, de seguir prolongando os anos para o cálculo das mesmas e seguir afondando nunha realidade que provoca que en Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado”.

Carril advertiu que desde a CIG se vai combater a pretensión de privatizar e desmantelar o sistema público de pensións e sinalou que estas concentracións e manifestacións terán continuidade o próximo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. “Na Galiza queremos emprego, salarios e pensións dignas” afirmou e concluíu que “xa estamos fartos de todo ese discurso apoloxético, catastrofista de que as pensións non se poden soster”.

“Non deixarnos enganar”

Nese sentido o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG fixo un chamamento a “non deixarnos enganar” polas informacións e opinións que desde hai tempo se veñen escoitando poñendo en dúbida a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo; a capacidade para pagar aos pensionistas actuais nos próximos anos e mesmo a capacidade para seguir pagando as pagas extras. “Estas son as mesmas mentiras de sempre, por moito que as disfracen de rigorosas análises feitas por supostos expertos”.

Fronte a isto consideran que o que se pretende é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados de pensións dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.

Reformas do PSOE e do PP

Por iso denunciaron as sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, que provocaron que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, até que no 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, “promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.

A isto engadiron que “esas reformas aprobadas polos gobernos alternos de PSOE e PP, complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”.

Volver