Xornada sobre o sector naval e a súa importancia como xerador de emprego e asentamento poboacional

Organizada pola CIG-Industria, realizarase o 15 de marzo no Campus do Esteiro de Ferrol

Ferrol -

A CIG-Industria de Ferrol ten organizada unha xornada para o próximo mércores 15 de marzo na que, baixo o título "As perspectivas actuais e os retos da construción naval", diversos especialistas abordarán a situación do sector naval a nivel global, as condicións particulares dos estaleiros da ría e o seu impacto na comarca como xerador de emprego e asentamento poboacional. 

A xornada, que conta coa colaboración da Universidade da Coruña, desenvolverase no salón de actos do Campus do Esteiro e está aberta á participación do conxunto da sociedade da comarca. As inscricións deberanse facer enviando un correo electrónico a: naval.industria@galizacig.gal

Crear conciencia na defensa do naval

Segundo explicaron en rolda de prensa este luns Manel Grandal, Secretario Comarcal da CIG-Ferrol, e Emilio Cagiao, responsábel do sector naval da Federación de Industria, o obxectivo destas xornadas é crear conciencia e abrir un debate social arredor da importancia que ten a construción naval no só na creación de postos de traballo, senón tamén como elemento de asentamento de poboación na comarca.

"Queremos buscar o consenso máis amplo e aglutinar unha forza que posibilite pór a defensa do sector naval no centro de todas as reivindicacións", afirmou Cagiao durante a comparecencia na que se deron a coñecer os obxectivos e o programa da xornada do próximo mércores.

Hai que aglutinar unha forza que posibilite pór a defensa do naval no centro de todas as reivindicacións"

Artellar unha fronte que defenda o papel fundamental da construción naval para a comarca, cobra especial relevancia diante do recente anuncio da SEPI de abordar un novo 'Plan estratéxico' para Navantia. Un plan que, de seguir a liña dos anteriores procesos, podería supor un novo axuste de persoal e un retallo ás capacidades e potencialidades produtivas dos estaleiros da ría.

Ante esta perspectiva, coas xornadas búscase pór de manifesto que, ao igual que pasou en estaleiros doutros países da UE que sufriron procesos de reconversión, "tamén existe solución para o naval de Ferrolterra".  

17.325 postos de traballo destruídos

Grandal e Cagiao lembraron que dende a posta en marcha a principios dos anos 80 dos plans de reconversión nos estaleiros da Ría de Ferrol, o sector naval perdeu capacidade produtiva e destruíronse 17.325 postos de traballo. "Pasouse dos/as 12.152 traballadores/as nos cadros de persoal da principal e 8.500 empregos da industria auxiliar e complementaria a un cadro de persoal en Navantia de 2.200 persoas e pouco máis de 1.100 postos na empresa auxiliar".

Esta destrución de emprego, xunto coa precarización das condicións laborais, levou a comarca a unha situación "que non ten parangón no Estado español", cunhas taxas de desemprego das máis elevadas da UE e unha perda de poboación continuada. "No ano 1985, o Concello de Ferrol tiña unha poboación de 91.764 persoas e o de Fene de 15.827. Porén, 30 anos despois, Ferrol ten 69.259 habitantes e Fene 13.085. É dicir, 25.247 persoas menos entre estes dous concellos", advertiron.

Nos últimos 30 anos, a perda total de emprego na comarca suma máis de 60.700 postos"

 Un declive claramente relacionado coa destrución da capacidade produtiva dos estaleiros da ría e as sucesivas reducións dos seus cadros de persoal, pois, non cómpre perder de vista que, segundo os datos da Consellaría de Industria, por cada emprego que se perde no sector naval, pérdense dous e medio no sector servizos.

Deste xeito, aos 17.352 empregos destruídos no naval hai que sumarlle 43.380 no sector servizos. "A perda total de postos de traballo na comarca de Ferrol nos últimos 30 anos supera os 60.700 empregos".

Uns datos certamente estarrecedores, pero que se poden reverter coas políticas adecuadas. De aí, a importancia de organizar unha fronte que, de xeito decidido e forte, defenda un sector básico para a comarca e estratéxico para o conxunto do país.

Volver