Xornada de protestas contra a presión comercial no BBVA, os despedimentos no Santander e a represión sindical en Abanca
Delegadas e delegados da CIG-Banca desenvolveron este martes unha xornada de mobilizacións na cidade da Coruña para denunciar a política de represión sindical en Abanca, a presión comercial que exerce o BBVA sobre o seu persoal e os despedimentos e peche de oficinas que está a aplicar o Banco Santander.
As protestas realizáronse de maneira consecutiva comezado na oficina territorial do BBVA situada no Cantón Pequeno, continuando na oficina do Banco Santander ten na mesma rúa (a antiga sede do Pastor) e concluíndo diante da Oficina Principal de Abanca na rúa Nova.
Acoso comercial no BBVA para acadar obxectivos imposíbeis
No caso do BBVA, con esta mobilización a CIG quixo denunciar o acoso comercial constante ao que está sometido o persoal do banco, para acadar os obxectivos marcados pola dirección “que son absolutamente desproporcionados e cunhas cargas de traballo non asumíbeis”.
Con este sistema de presión que afecta de xeito directo á saúde das traballadoras e traballadores, o banco pretende “seguir aumentando aínda máis os enormes beneficios e que sigan redundando no seu accionariado, con incrementos indecentes da alta dirección e en cuantiosos bonus para mandos intermedios, que en moitos casos só se dedican a dar látego continuo sen axudar nada máis na súa consecución”.
A sección sindical da CIG xa avanzou que seguirá mobilizándose contra este modelo laboral e lanzou un chamado ao resto de sindicatos para que se sumen e poder poñer fin a esta situación de abuso.
A concentración do Banco Santander veu motivada polo despedimento inxusto e inxustificado dunha traballadora da oficina de Cedeira, quen durante os 20 anos que levaba na empresa nunca recibira nin sequera unha amoestación.
A sección sindical da CIG enmarcou esta medida na política de peche de oficinas e adelgazamento de persoal do Santander e denunciou o uso desproporcionado e abusivo dos despidos disciplinarios, “imputando faltas que non son tal, porque son prácticas coñecidas, permitidas e toleradas en toda a estrutura organizativa da empresa”.
Explicaron que a oficina de Cedeira na que traballaba a compañeira pechou o 10 de abril, pero mentres tres persoas foron reubicadas, a esta compañeira aplicáronlle un despedimento. Ademais, chamaron a atención no feito de que agora a clientela desta vila será atendida por un ‘axente colaborador’ que, como tal, non é persoal do banco senón unha persoa traballadora autónoma”.
“A CIG defende a profesionalidade da compañeira, exiximos ao banco a súa readmisión, e a depuración de responsabilidades neste atropelo aos seus dereitos como traballadora”, aseveraron.
A xeira de mobilizacións concluíu diante da OP de Abanca para denunciar, unha vez máis, a represión sindical e reclamar a readmisión da compañeira Montse, delegada da CIG no comité provincial de Pontevedra, que foi vítima dun despedimento represivo por parte da empresa en xullo de 2025. O xuízo polo despedimento foi adiado até o mes de setembro.
Na protesta cualificouse a decisión do banco de “acto deliberado contra esta compañeira, que exerceu activamente o seu papel como delegada sindical, e foi parte importante no traballo desenvolvido pola sección sindical nos meses anteriores á exitosa folga do 11 de xaneiro de 2024”.
Nos meses posteriores á folga, a CIG presentou catro demandas contra a empresa por cláusulas ilegais nos contratos (estimada a favor da central); por incumprimento do preaviso de 5 días para modificación dos horarios semanais (estimada ao favor da CIG); por esixir unha autorización adicional para poder rexistras as horas extras reais que se fan (que non chegou a xuízo pois a empresa modificou o sistema previamente); e por vulneración da liberdade sindical na negociación do anterior plan de igualdade.
Nesta demanda estaban implicadas as mesmas persoas instrutoras do expediente “a medida” co que Abanca pretende xustificar o despedimento da compañeira delegada. Por iso, para a CIG ficou claro que o obxectivo deste despedimento é “amedrentarnos para que permanezamos en silencio e non nos mobilicemos, pero que a empresa saiba que non van conseguilo”.