Xornada de loita en Atento contra os despedimentos arbitrarios e as condicións laborais precarias

CIG e CGT convocaron paros laborais de 1 hora e concentracións
A Coruña - 27 Feb 2018

Baixo a consigna “Non permitiremos máis abusos”, traballadores e traballadoras de Atento están secundando este martes paros laborais de unha hora por quenda de traballo en rexeitamento aos despedimentos arbitrarios e á política de “presións, acoso e controis esaxerados” practicada pola empresa e que provoca un entorno laboral “malsán e precario”.

Os paros desenvolvéronse de 0:00 a 01:00h, de 12:00 a 13:00h, e de 19:00 a 20:00h e estiveron acompañados de dúas concentracións diante das oficinas da empresa, unha ao mediodía e outra ás 19h. Dende a sección sindical da CIG en Atento denuncian que a política laboral da empresa xera unhas condicións “malsáns” pero “se enfermamos bótanos á rúa”.

De feito, os dous últimos despedimentos afectaron a dúas traballadoras que estiveran de baixa médica de curta duración, pero no último ano os despedimentos por este motivo ascenden xa a unha ducia. Unhas baixas, engade Mónica Carrodeguas, da sección sindical da CIG, que en boa medida son provocadas polas precarias condicións laborais que sofre o persoal, con cargas de traballo cada vez máis “insoportábeis”.

Neste ocasión, Atento deulle unha volta máis despedindo a unha compañeira membro do comité de empresa na plataforma da Coruña. Para a CIG e a CGT (convocantes desta xornada de paros) "esta non é mais que outra forma de intimidar os traballadores e traballadoras que, por medo a perder o seu posto de traballo, acoden ao mesmo enfermas".

Xunto a sobrecarga de traballo e as deficientes condicións ambientais o persoal ten que aturar “un acoso constante, protocolarizado, con ameazas continuas de sancións e posíbeis despedimentos, impóñennos uns obxectivos imposíbeis de acadar, sen criterios e que varían cando queren, para así despedirnos por baixo rendemento”, denuncian.

Fronte a estes abusos, as seccións sindicais da CIG e CGT acordaron realizar unha primeira concentración o pasado venres e a xornada de paros laborais e mobilizacións deste martes.